O cuarto 202: veneración permanente ao "inmorrente" Castelao

Cuarto 202 do hospital do Centro Gallego de Bos Aires, onde faleceu Castelao CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

Nunha reformada unidade de hospitalización, no segundo andar, entre modernas habitacións, avanzada tecnoloxía e impoluto mobiliario branco, un sobrio espazo destaca polo seu anticuado deseño e solemnidade. Como parado no tempo, o cuarto 202 do sanatorio permanece inalterable, pechado a maior parte dos días, alleo ao ir e vir de médicos, ás 4.500 cirurxías que se realizan ao ano no edificio e aos doentes ingresados nalgunha das preto de 300 camas dispoñibles. Todas menos unha: aquela onde o 7 de xaneiro de 1950 faleceu "o guieiro". 

Así adoita denominar a colectividade emigrante na Arxentina a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, homenaxeado de forma ininterrompida cada ano no Centro Gallego de Bos Aires desde a súa morte, e venerado desde aquela, cada día e para sempre, no cuarto onde faleceu, nunha pequena estancia do histórico edificio. 

O presidente do Centro Gallego de Bos Aires abre para Praza.gal o cuarto onde faleceu Castelao

O Centro Gallego mantén inalterable desde 1950 a habitación 202 do hospital, onde faleceu Castelao, situada nunha planta reformada e modernizada nos últimos anos

"Está igual que hai 75 anos", aclara Ramón Suárez, presidente do Centro Gallego, que explica que foi xa "no momento do pasamento de Castelao" cando a diáspora galega organizada na época —e a directiva da entidade— "decidiu que ese cuarto non se utilizaría máis". Daquela, a institución superaba os 100.000 asociados, que gozaban dunha asistencia sanitaria envexada en toda a Arxentina e formaban parte dunha organización dun prestixio inigualable no país

"Foi máis adiante, na década dos 70, cando se decidiu converter o cuarto nun pequeno museo", con obxectos e obras do escritor e político, segundo conta Suárez sobre a habitación que na entrada loce unha placa: "Eiquí morreu o 7 de xaneiro de 1950 o noso inmorrente Castelao". 

"Inmorrente" é a outra palabra coa que a histórica emigración denomina o rianxeiro, unha figura que rexorde aínda con máis forza en Galicia neste 2025, Ano Castelao, e que é admirada con devoción pola colectividade galega en América. "Non hai dúbida de que é o máximo referente da galeguidade e do que a Terra representa para nós", explica Suárez, que achega un vídeo do espazo onde o político e escritor "naceu á inmortalidade". 

"Castelao é o máximo referente da galeguidade e do que a Terra representa para nós", di Ramón Suárez, presidente do Centro Gallego

El é unha das persoas que ten acceso ás chaves do cuarto 202 do hospital que o Grupo Olmos xestiona no Centro Gallego. "Hai que ter en conta que a habitación está dentro do sanatorio e nunha planta de hospitalización, con moitos doentes ingresados, pero temos acceso a el para visitalo e amosarllo á xente que nolo pide, aos de aquí e aos que veñen de Galicia", engade. 

O Grupo Olmos (Red BASA) e o Centro Gallego asinaron en 2019 un acordo —tras un traumático proceso— para a cancelación da débeda da institución e a venda da súa emblemática sede. Un século despois, a entidade perdía o seu histórico inmoble, a gran casa da emigración galega, pero lograba manter a asistencia sanitaria dos arredor de 3.000 socios que aínda lle quedaban e salvagardar o importante legado cultural e histórico que acolle o edificio. 

Entrada á habitación onde faleceu Castelao, no Centro Gallego de Bos Aires CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

Entre as pezas preservadas, medio cento de esculturas e estatuas, máis de cen pinturas de Seoane, Colmeiro, Castelao ou Maside, unha biblioteca de 20.000 volumes, un inxente arquivo fotográfico, unha fonoteca con discursos de Otero Pedrayo, Blanco Amor e Cunqueiro ou un teatro histórico de 400 butacas chamado —como non— Castelao. No contrato asinado entre a entidade e o grupo sanitario especifícase que estes espazos serán xestionados polo Centro Gallego, que manterá a titularidade sobre esas áreas mesmo se o dono decide vender o inmoble posteriormente. 

O contrato de venda do Centro Gallego especifica que o cuarto 202 seguirá pertencendo á colectividade galega, mesmo se o grupo sanitario decide vender o inmoble no futuro

Igual ocorre co cuarto 202. Nos planos do contrato asinado, un recadro verde sinala con rotulador ese pequeno espazo do segundo andar. É unha das partes do edificio que manterá para “o seu uso e goce” a entidade da emigración galega, obrigada tamén ao seu “coidado e seguridade”. "Así que a empresa cancele todas as débedas, será a dona do hospital, pero esa habitación deberá quedar sempre para a mutualidade do Centro Gallego, tendo uso a perpetuidade del", así como os espazos situados no soto e antes citados, explica Suárez sobre un proceder que dá conta da veneración e respecto pola figura de Castelao. 

"Todo o hospital foi reformado nos últimos anos, pero o cuarto permanece inalterable, como cando faleceu o guieiro", insiste o presidente da entidade, que recoñece ter visto "moita xente emocionarse alí dentro". Lembra con especial agarimo a primeira visita de Carlos Núñez, que pediu permiso para tocar a gaita dentro da habitación. "Foi un momento moi emotivo para el e para os presentes", conta quen recorda a visita de escritores, de políticos, de cargos institucionais e de moitas persoas anónimas que piden poder ollalo. "É un lugar onde á xente se lle removen os sentimentos do galeguismo", resume. 

Cuarto onde faleceu Castelao, no Centro Gallego de Bos Aires CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

Un dos últimos en visitalo foi Joaquín de Arístegui Laborde, embaixador de España na Arxentina, logo da homenaxe que o pasado 7 de xaneiro, como cada ano, rendeu a emigración a Castelao no Centro Gallego. Foi, lembra Suárez, o primeiro máximo representante do Estado no país que acudiu a esta celebración "conmovedora". 

"É un lugar onde á xente se lle removen os sentimentos do galeguismo"

"Os máis vellos seguimos tendo a Castelao moi presente e está ben que así sexa, pero que veña xente nova a amosar ese respecto, ese culto pola figura... É moi emocionante", di respecto da presenza de mocidade de orixe galega no acto, nunhas datas onde Arxentina está "semiparalizada" polas vacacións de verán. 

Ramón Suárez, como outros veteranos da emigración, lembran aínda as crónicas e as historias que os máis vellos contaban do funeral e enterro de Castelao en Bos Aires. "Foi algo sen precedentes, non só entre a colectividade galega, senón na cidade. As coroas de flores non collían no Centro Gallego e houbo que repartilas directamente sobre a avenida Belgrano", conta. "O cadaleito fixo o percorrido ata o Centro Orensano, o que máis frecuentaba, e as mulleres botaban pétalos desde as azoteas, cubrindo as rúas... Nunca se vira algo así", engade. 

Vitrina con obras e recordos de Castelao, no cuarto onde faleceu, no Centro Gallego de Bos Aires CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

Mostras da importancia no pasado dunha figura cuxo legado permanece no presente e que recibe a homenaxe de Galicia neste Ano Castelao. Honras que a emigración, especialmente en Bos Aires, continúan desde hai décadas. "É o guieiro", insiste Suárez. "Guía, individuo que acompaña outros indicando o camiño", define o diccionario.

Espazos reservados ao Centro Gallego no edificio, agora xestionado polo Grupo Olmos © CGBA

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.