"Eiquí 'Sempre en Galicia'...": o programa de radio en galego máis lonxevo celebra os 75 anos

Castelao en Montevideo con Xesús Canabal Fuentes e Manuel Meilán Martínez, dous dos principais impulsores en 1950 do programa Dominio Público

O 3 de setembro de 1950 comezou a emitirse en Montevideo Sempre en Galicia, a emisión radiofónica estable máis antiga e máis lonxeva. Hoxe celebra o seu 75 aniversario e faino mantendo a mensaxe e obxectivos iniciais 

"Bos días, galegos. Eiquí Sempre en Galicia, a audición radial ao servizo da arte e da cultura do pobo galego que todos os domingos ás nove e media da mañá é transmitida pola onda amiga de CX16 de Radio Carve de Montevideo". O 3 de setembro de 1950 a comunidade galega residente en Uruguai e Bos Aires -o programa chegaba mesmo ata o sur do Brasil- escoitou esta mensaxe, que daba comezo ao programa semanal Sempre en Galicia

Foi o primeiro programa radiofónico estable realizado integramente en lingua galega en todo o mundo, xunto coa emisión do Galician Programme da BBC. E é o máis lonxevo, pois segue a emitirse sen interrupción todos os domingos (na actualidade, en Radio Oriental) na voz de Toni de Seárez (Toni de Sofán). Hoxe celebra o seu 75 aniversario. Todo un fito para a lingua galega e para a radio feita en galego que non debería pasar inadvertido e que se cadra merece máis recoñecementos que os ata agora recibidos.

A locución, que aínda se mantén (todo un sinal de identidade) foi realizada por Manuel Meilán, un dos impulsores do programa. Estaba acompañada dunha gravación da Muiñeira de Chantada  realizada polo músico e poeta Emilio Pita, unhas notas que todos os domingos durante décadas acompañaron á diáspora galega. Dende o seu comezo, nun esquema que se mantén, o programa encadea novas sobre Galicia, entrevistas, música e contidos culturais, buscando servir de fío de conexión coa terra de orixe para os galegos e descendentes de galegos.

Programa emitido o 20 de outubro de 1974

O 75 aniversario de Sempre en Galicia chega no mesmo ano en que se está a conmemorar o 75 cabodano de Castelao, e isto non é unha simple casualidade

O 75 aniversario de Sempre en Galicia chega no mesmo ano en que se está a conmemorar o 75 cabodano de Castelao, e isto non é unha simple casualidade. O 7 de xaneiro de 1950 morre Castelao en Bos Aires e nos meses seguintes a parte máis activa da comunidade galega en Montevideo -con quen Castelao mantivera unha estreita relación- comeza a matinar no proxecto de crear un programa de radio en galego.

"Morto Castelao, bulía en nós un forte fervor galeguista. Desexabamos renderlle unha homenaxe que fose duradeira. Así naceu a idea de crear un programa radiofónico que servise de plataforma das nosas ideas, apoiado nos novos medios de comunicación e decidimos porlle o nome do libro máis significativo do noso mestre, aquel en o que recolle o seu pensamento político", destacaba anos despois Manuel Meilán -un dos impulsores do programa-, nunha entrevista recollida no magnífico libro de Mónica Rebolo Bos días galegos. Eiquí Sempre en Galicia (Laiovento, 2002).

Oito homes implicáronse no proxecto: Alfredo Somoza, Antón Crestar, Manuel Leiras, Emilio Pita, Lois Tobío, Xesús Canabal, Pedro Couceiro e Manuel Meilán

Oito homes implicáronse no proxecto: Alfredo Somoza, Antón Crestar, Manuel Leiras, Emilio Pita, Lois Tobío, Xesús Canabal, Pedro Couceiro e Manuel Meilán. Todos eles eran xa figuras recoñecidas do activo movemento galeguista existente no Río da Prata e que dera lugar, por exemplo, á creación do Consello de Galiza en 1944 en Montevideo.

Sempre en Galicia definíase coma un programa galeguista, republicano e cultural. Non só é o programa en galego máis lonxevo, senón que foi o primeiro impulsado pola diáspora en América. Nas décadas anteriores existiran, principalmente en Bos Aires, varias emisións radiofónicas estables realizadas por galegos para a comunidade galega na diáspora. É o caso de La hora gallega: de Recordando a Galicia, conducido pola actriz Maruxa Boga; de Galicia Arte y Cultura, presentado por Maruxa Villanueva; ou de Galicia emigrante, xa nos anos 50, creada por Luís Seoane.

Todos estes programas desapareceron antes ou despois e, ademais, aínda que incluían contidos en galego, os programas estaban realizados en castelán, en parte polas maiores dificultades que o goberno arxentino impoñía para a emisión de programas de radio en idiomas distintos do castelán, un obstáculo que non existía en Uruguai.

Unha gravación doutro espazo de Radio Carve no anos 50 Dominio Público

Sempre en Galicia definíase coma un programa galeguista, republicano e cultural. Non só é o programa en galego máis lonxevo, senón que foi o primeiro impulsado pola diáspora en América.

Ademais do uso da lingua, os promotores do programa tiñan claro o obxectivo didáctico da emisión, coa que querían culturizar a comunidade galega e, ao tempo, dignificar a lingua e cultura do país, nun momento no que aínda que mantiña un certo estigma asociado ao galego, entendido como sinónimo de falta de cultura

Tamén tiñan clara a vocación antifranquista do programa, un empeño que lles custou a perda de apoios por parte dalgunhas asociacións de emigrantes e tamén de empresarios nunha e noutra beira do Atlántico, que lles retiraron a publicidade, por exemplo o Banco de Galicia. Ligado ao programa, no ano 1964 fúndase en Montevideo o Patronato da Cultura Galega, impulsado por algunhas das persoas que promovían o espazo radiofónico, como Manuel Meilán. Esta institución leva máis de 60 anos traballando no espallamento da lingua e da cultura galegas en Uruguai.

Ademais do uso da lingua, os promotores do programa tiñan claro o obxectivo didáctico da emisión, coa que querían culturizar a comunidade galega e, ao tempo, dignificar a lingua e cultura do país

No programa adóitase incluír un editorial, nos primeiros anos redactado por Lois Tobío, que incorpora algúns destes obxectivos. No ano 2000, coincidindo co 50 aniversario da emisión, o programa puido escoitarse tamén en Galicia a través da Radio Galega. Nesa ocasión, o editorial realizado por Toni de Seárez finalizaba destacando que "comprometémonos a non baixar os brazos e a barallar ata que nos doa a man, para seguir mantendo e cultivando ese fermoso soño de que a nosa cultura teña un sitial de privilexio nesta inmensa e acolledora América".

Sempre en Galicia pasou nestes 75 anos por moi distintas etapas. O primeiro locutor foi Alfredo Somoza (fundador da ORGA, presidente da Deputación da Coruña en 1931 e deputado pola Fronte Popular en 1936), que morreu en 1951, dando o relevo a Manuel Meilán, que se mantivo á fronte do programa ata o seu falecemento en 1994. Polo camiño, foi ingresando unha segunda xeración de colaboradores, entre os que destacan José Luís Villaverde ou Iolanda Díaz, entrevistada (con 90 anos de idade "moi ben levados") o pasado ano no 74º aniversario do programa, como se pode escoitar neste audio.

Programa emitido o 1 de setembro de 2024

Sempre en Galicia pasou nestes 75 anos por moi distintas etapas. O primeiro locutor foi Alfredo Somoza, que morreu en 1951, dando o relevo a Manuel Meilán, que se mantivo á fronte do programa ata o seu falecemento en 1994. Nos anos 60 sufriu a retirada de anunciantes por mor do seu forte posicionamento antifranquista

Nos anos 60 sufriu a retirada de anunciantes por mor do seu forte posicionamento antifranquista e o programa pasou por importante problemas económicos, sobrevivindo grazas a unha cota mensual achegada polos fundadores, colaboradores e apoios individuais. Novas dificultades chegaron a partir do Golpe de Estado de 1973 en Uruguai, pois a chegada dos militares ao poder puxo en risco a emisión e levou a un maior control sobre os seus contidos. Ademais, varios dos colaboradores exiliáronse en España a partir de 1975. 

Nese ano, con motivo do 25 aniversario da morte de Castelao, a colectividade galega en Uruguai financia o encargo e colocación dun busto en Rianxo, inaugurado o 27 de setembro, aínda en plena ditadura franquista. O Patronato da Cultura Galega e o programa Sempre en Galicia foron os responsables de difundir a iniciativa e a propia nova da inauguración do monumento.

En 1994, coa morte de Manuel Meilán, a voz histórica do programa, a súa xestión pasa a mans do Patronato e Toni de Seárez toma o relevo como condutor do espazo. Un día antes de morrer díxolle: "Toni, non deixes morrer a audición". Así foi.

En 1994, coa morte de Manuel Meilán, a voz histórica do programa, a súa xestión pasa a mans do Patronato e Toni de Seárez toma o relevo como condutor do espazo. Segundo recolle Mónica Rebolo no seu libro, Toni Seárez lembra que o día anterior á morte de Meilán na Casa de Galicia, este díxolle: "Toni, non deixes morrer a audición". 

Así foi. Dende entón, todos os domingos a voz de Toni Seárez, Ana Lorenzo, Francis Queijo, Maribel Calderón e doutros colaboradores, como Manuel Suárez, Mercedes Veiras, Marisa Barrio, Pilar Pousada, Andrés Pazos ou José María Monterroso Devesa, mantivo viva unha emisión histórica. O programa, que no ano 2001 recibiu o Premio Galicia de Comunicación, outorgado pola Xunta, obtivo tamén outros recoñecementos, coma o Premio da Crítica Galicia, o Pedrón de Honra ou o Premio Fundación San Martiño. 

Na actualidade non só resiste, senón que presenta unha anovada vitalidade grazas ás entrevistas, músicas e colaboracións que -coas maiores facilidades que hoxe permite a tecnoloxía- chegan a Uruguai dende Galicia. Este domingo, como todos os domingos dende hai 75 anos, Sempre en Galicia volverá emitirse. E, como todos os domingos, rematará coa despedida orixinal que en 1950 gravou Manuel Meilán: "Sempre en Galicia fina a súa audición de hoxe e voltará o domingo ás nove da mañán para traervos verbas e cantigas. Saúde e Terra!".

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.