Unha ducia de momentos fundamentais na historia da radio en Galicia
O 14 de abril de 1947, hai 75 anos, nacía o Galician Programme da BBC, a primeira emisión radiofónica estable en lingua galega e que durante anos foi unha referencia da resistencia antifranquista. A radio en Galicia celebra neste 2022, ademais, o 90 aniversario da súa primeira emisión que, curiosamente, só se puido escoitar en Bos Aires. Velaquí algúns dos momentos que marcan a historia deste medio de comunicación, que hoxe continúa tan vivo coma sempre.
-
01
Primeira emisión
A primeira emisión radiofónica de Galicia non se escoitou en Galicia, senón a milleiros de quilómetros, demostrando as posibilidades da tecnoloxía. O 19 de decembro de 1932 transmitiuse a través de Radio Splendid de Bos Aires o desenvolvemento da Asemblea de Concellos que ía tratar o proxecto de Estatuto de Autonomía.
Os centros galegos da capital arxentina seguiron en directo o acontecemento, nunha emisión telefónico-radiofónica que incluíu a execución do himno galego a cargo da banda municipal de música ou a gravación das badaladas da Catedral grazas á instalación dun micrófono á súa beira.
A experiencia repetiuse anos despois, o 5 de xullo de 1936, nunha emisión especial entre Santiago e Bos Aires para dar conta do triunfo do si no referendo estatutario.
-
02
Primeiras emisoras
En 1932 aínda non había emisoras de radio en Galicia, aínda que xa en 1924 se aprobara no Estado o regulamento ordenador da radiofusión e en 1925 os irmáns Portela Seijo realizaran unha emisión experimental dende a rúa da Acibechería.
Porén, foi o 1933 o ano do verdadeiro nacemento da radio en Galicia, coa posta en marcha en Santiago da emisora EAJ 4 Radio Galicia e en Pontevedra da EAJ 40 Radio Pontevedra. En 1934 botarían a andara a EAJ 41 Radio Coruña e a EAJ 48 Radio Vigo, seguidas en 1935 pola EAJ 68 Radio Lugo e a EAJ 57 Radio Ourense.
-
03
O vello dos contos
A radio foi un fenómeno social dende o seu mesmo inicio. Aos poucos meses de que nacesen a primeiras emisoras os seus programas eran xa seguidos por milleiros de persoas e algúns deles tiñan unha gran sona. É o caso do vello dos contos, un personaxe que dende 1933 popularizou en Radio Galicia Xosé Mosquera Pérez, militante galeguista que posteriormente empregou para facer campaña a prol do Estatuto. O vello dos contos foi a primeira estrela mediática galega
-
04
As emisións galegas en América
A colectividade galega en América mantiña unha grande actividade en América nas primeiras décadas do século XX, que mesmo se incrementou coa chegada da moitos exiliados a partir de 1936. Entre esta actividade destacaba tamén a radiofónica, con programas como Recordando a Galicia, presentado pola actriz Maruxa Boga na Radio Ribadavia de Bos Aires dende 1945; ou Sempre en Galicia, de Radio Carve, en Montevideo, que comezou en 1950 e continúa a emitirse. Tamén A hora de Galicia (1951), en México; La voz de Galicia (1953), en Bos Aires, presentado polo actor Fernando Iglesias Tacholas; ou Galicia Emigrante (1954), impulsado por Luís Seoane en Bos Aires.
-
05
Galician Programme
Outra desas emisións dende o estranxeiro foi o Galician Programme da BBC, que naceu o 14 de abril de 1947, hai exactamente 75 anos, convertida na primeira programación radiofónica estable en idioma galego, e que se mantivo ata o ano 1956, cando as presións do réxime franquista levaron ao seu peche. Entre os colaboradores máis destacados figuran Francisco Fernández del Riego, Plácido Castro e Alejandro Raimúndez. A Real Academia Galega conserva nos seus arquivos máis de oitenta guións daquel Galician Programme.
-
06
As novas emisoras en Galicia
En 1940 comeza a funcionar na Coruña a emisora que a partir de 1945 comezará a empregar o indicativo de Radio Nacional de España e que se instalará nos Cantóns da cidade. Ademais de RNE e da cadea da SER (que inclúe Radio Galicia, por exemplo), nesas primeiras décadas da ditadura xorden a Cadena Azul de Radiodifusión (dependente da Falange), a Cadena de Emisoras Sindicales, a Red de Emisoras del Movimiento (como La Voz de Vigo) ou a COPE, que en 1966 ten presenza en Galicia a través da Radio Popular de Ferrol e un ano máis tarde da Radio Popular de Vigo. Tamén xorden emisoras parroquiais en varias localidades, comezando por Lalín e A Estrada en 1958.
-
07
Da terra e dos tempos
Nos últimos anos da ditadura vanse abrindo fendas e comezan a agromar contidos radiofónicos antes impensables, mesmo en lingua galega. Era o caso do programa Da terra e dos tempos, emitido por RNE dende 1973 e realizado pola agrupación cultural O Facho, da Coruña. Unhas emisións, aparentemente inocuas politicamente e que non deberían molestar a ninguén, pero que de feito si o facían, como o demostra un escrito remitido á dirección de RNE na Coruña, que pedía a supresión "de esta vergonzosa propaganda del veneno galleguista antiespañol". Da terra e dos tempos continuou a emitirse ata 1978.
Neses anos apareceron outros programas en galego, como A nosa Galiza, emitido na Radio Miramar de Barcelona dende 1973. Ou O Norte día a día, conducido por Margarita Ledo no Radio Clube Portugués, dende Porto.
-
08
A apertura, tamén na radio
En outubro de 1977 decrétase a fin da obriga que ata ese momento tiñan todas as emisoras de ofrecer os informativos de RNE (o "parte"). Comeza a liberdade informativa na radio, ao tempo que se conceden novas frecuencias de FM e nacen novas cadeas (Antena 3 Radio, Radio 80, Ondas Galicia, Radio Noroeste, Onda Cero...).
-
09
Radios municipais
O 25 de xullo de 1980 nacía en Oleiros a primeira emisora municipal en Galicia, Radio As Mariñas, que era ademais a primeira radio que empregaba o galego en todas as súas emisións. Conducida por Manuel Rivas, tivo un comezo accidentado e que só durou 70 minutos, ata que a Garda Civil interrompeu as emisións e precintou os equipos. A emisora regresou á actividade en 1986, xa como Radio Oleiros, pero dende 1984 funcionaba xa Radio Fene, a decana das emisoras municipais galegas e que continúa a ser un referente na comarca de Ferrolterra. "Radio Fene naceu co obxectivo de promover a lingua e a cultura galega, ademais de poñer unha ferramenta de comunicación ao servizo da cidadanía", dicía nesta entrevista o seu director, Henrique Sanfiz.
-
10
Radio Galega
O 24 de febreiro de 1985 (no día no que ata hai pouco se celebraba o nacemento de Rosalía) botaba a andar a Radio Galega (nun comezo denominada Radiotelevisión Galicia), que a partir do 29 de marzo iniciou a súa programación regular. Nese 24 de febreiro, despois do himno galego escoitouse a voz de Nicolás Camino.
Tamén en 1985, no mes de xuño, inaugúrase na Coruña Radio 4, emisora de RNE que empregaba integramente o galego e que se mantivo ata os anos noventa.
-
11
Radios comunitarias
Nas últimas décadas, nun océano de emisoras privadas (sobre todo) e públicas xurdiu unha terceira vía: as radios comunitarias, impulsadas por asociacións e colectivos cidadáns e que sobreviven no dial nunha situación de alegalidade debido ás resistencias da administración a concederlles as licenzas de emisión fixadas pola lei e recomendadas polas institucións europeas. En Galicia tivemos e temos algúns bos exemplos (Radio Filispim, Radio Piratona, Radio Kalimera, Radio Clavi, Radio Roncudo...). Pero, sobre todo, Cuac FM na Coruña, que o pasado ano celebrou o seu 25 aniversario
-
12
Os podcast
E, xa no presente, nos últimos anos quedou claro que a rede non matou a estrela da radio. O medio segue en plena forma, aínda que agora se escoite cada vez máis a través de podcast, en dispositivos variados e non necesariamente en directo. Mesmo a grandes cadeas entenderon que o futuro da radio non estaba só na emisión continua a través das ondas, senón tamén neste universo de creatividade, diversidade que é o mundo podcast. Té con gotas, Café Derby 21, Retrocorenta, Fálase... e tantos outros, que se poden atopar na páxina de Podgalego (e dos que destacamos algúns nesta ducia)