Marcos Pérez Pena

Unha ducia de momentos dos 25 anos de vida de CUAC FM

Cuac FM (103.4 FM), a radio comunitaria da Coruña, conmemora o seu 25 aniversario, que celebrará este venres e sábado con dous concertos gratuitos no Centro Ágora: a cargo de Adhara & Ritman o día 26 e dunha Batalla de Bandas con Psychoducks (Oleiros) e Young Forest (Madrid e Sevilla) o 27. Nestes 25 anos pasaron pola emisora 475 programas e máis de 1.600 colaboradores e colaboradoras. Ademais, a emisora reivindicou activamente o dereito a comunicar das radios comunitarias, unha batalla na que se enfrontou á Xunta (que chegou a expulsala da FM) e na que CUAC saíu vencedora. Na actualidade a radio coruñesa ocupa a Presidencia da Rede Estatal de Medios comunitarios e un posto na Xunta Directiva de AMARC Europa 

  1. 01

    Apertura. 27 de marzo de 1996

    Un grupo de alumnos e alumnas que participaban do Club de Prensa da UDC, no que desenvolvían a actividade de radio, deciden crear unha radio cultural (segundo a terminoloxía lexislativa da época) de carácter asociativo, ante a negativa da institución de crear no campus da Coruña un proxecto semellante ao xa existente na Politécnica de Ferrol (Radio Kaos).

    Cuac FM fai o seu programa inaugural o 27 de marzo de 1996, que foi recollido (primeira e última vez ata o de agora) pola mesmísima CRTVG.

  2. 02

    Arranca o concurso de Bandas de Cuac FM. 1997

    Esta fin de semana tocan os gañadores da súa vixésimo segunda edición. Xa pasaron milleiros de bandas por el e o concurso vén sendo un dos máis consolidados no panorama estatal. 

    Na foto, os gañadores da súa primeira edición, os Sugar Daddies, de Sarria, entre os que podemos ver a un novísimo Diego Castro, de Disco Las Palmeras (o primeiro á esquerda). A dotación da primeira edición ascendía á 'vertixinosa' cifra de 30.000 pesetas de curso legal.

  3. 03

    Primeira resurrección. 2002/2003

    Cuac FM foi desaloxada da Facultade de CC Económicas (agora Filoloxía) en outono do 2002 por mor dunhas obras, e sen que se tivese notificado nin previsto a súa reubicación. Despois duns meses dando tombos, remata na súa localización actual e rexorde aínda con máis forza.

    “Non sen certa ousadía, Cuac proponlle a Xurxo Souto e Manolo Rivas apadriñar a emisora, e eles, que son boa xente e están un pouco tolos coma nós, aceptan (para a nosa sorpresa) e participan no acto de botadura das novas instalacións (si, fixemos unha botadura, coma se fose un buque, con botella e todo, nada de cintas)”, destacan.

    Un ano despois, en 2004, rebautízase o estudo de emisión co nome do cámara galego Xosé Couso, asasinado en Irak en 2003.

  4. 04

    A Rede de Medios Comunitarios (ReMC) 2005/2009

    En outubro de 2005, ten lugar no barrio de Usera en Madrid a primeira xuntanza do que remataría sendo a Rede de Medios Comunitarios, Cuac atopaba á súa familia. Participa activamente na construción da Rede e, cando se constitúe legalmente coma unión de asociacións, a súa sede vai ficar na Coruña. “Xa non estaremos sós nunca máis”, din.

  5. 05

    A patolución. 2009/2011

    Chega seiva nova a Cuac FM, e con ela, multiplícase a actividade. Prodúcese a toma de conciencia da responsabilidade que implica ser un medio comunitario e emerxe un obxectivo colectivo: a incidencia, cuantitativa, pero sobre todo cualitativa. Créase unha redacción, avánzase no proceso de informatización das emisións, agroman programas e proxectos colectivos coma o “Isto é Galego” ou o “Ar de Coruña”, horizontalízase o modelo de toma de decisións e xestión... Cuac comeza a pensar ”fóra da caixa” e a experimentar máis aló das paredes do José Couso, coma na cobertura da folga xeral de 2010, na que desprega 14 correspondentes por toda a cidade e fai un monográfico local de 5 horas.

  6. 06

    Construción e posta en marcha da “caixa máxica”: o estudio de gravación “Alexandre Bóveda” 31 de xaneiro 2011

    Cuac gaña unha ferramenta coa que non contaba, un estudio de gravación, co que duplica a súa capacidade de traballo. Deste estudo saen boa parte das producións sonoras de Cuac, coma o xa citado 'Isto é Galego' (que vén sendo coma o actual 'Dígocho Eu', pero en formato audio). 

  7. 07

    Cuac reiníciase. 2012/2013

    Ying e yang. Sístole e diástole. Inspiración e expiración… O proceso expansivo dos anos anteriores topa cos límites internos da ferramenta: o voluntarismo, a carga de “traballo”, as distintas velocidades dentro do colectivo, os atrancos metodolóxicos… "Chegamos á conclusión de que cómpre repensarse dun xeito máis organizado e con axuda externa. Pasamos a unha fase máis introspectiva e procedemos a avaliar colectivamente o feito, e a imaxinar o futuro inmediato. Deste proceso de autocoñecemento nace un plan estratéxico, que será a nosa guía para os vindeiros anos", explican. Cuac gañaba unha ou varias vidas extra xusto cando chegaba á súa maioría de idade

  8. 08

    Encontro 14. 11,12 e 13 de abril de 2014

    A posta en práctica de todo o traballado nos anos anteriores foi o “Encontro 14”, un encontro internacional que fixo da Coruña a capital europea dos medios comunitarios nunha fin de semana de primavera na que Cuac puxo a proba súa capacidade organizativa. Duascentas persoas dunha ducia de países compartindo, traballando e construíndo comunicación comunitaria. Foi, lembran, "unha experiencia inesquecible". Tamén nesas datas Cuac FM levou a voz das radios comunitarias ao Parlamento europeo

  9. 09

    Escola de radio e asociacionismo. 10 de decembro de 2015

    Todo pasa pola formación. Convencida de que o asociacionismo é un modo de vida, e que ademáis mola, Cuac pon mans á obra, e asigna recursos e instalacións permanentes dedicados á formación e capacitación, tanto no eido radiofónico coma no asociativo. Cuac non para e este esforzo ten continuidade na súa escola de verán 2016.

  10. 10

    #CuacResiste. Setembro de 2017 a outubro de 2018

    CUAC FM opera sen contar cunha licenza de emisión e non porque non intentara conseguila, tanto a través dos concursos para radios comerciais, como sobre todo reclamando ao Goberno español e galego que cumpran coas recomendacións europeas e coa propia Lei de Comunicación Audiovisual, que prevé o recoñecemento e legalización das emisoras comunitarias, como CUAC. A pesar de todo isto (ou quizais precisamente a consecuencia desta loita) no ano 2017 a Xunta obrigou á radio a deixar de emitir en FM. CUAC recibiu nese momento o apoio masivo do tecido asociativo coruñés, presentando un “Manifesto polo dereito a comunicar”, que puxo sobre a mesa o propio incumprimento da lei a cargo das administracións.

    A Xunta acabou por recuar, suprimindo primeiro a proposta de sanción e finalmente o TSXG deulle a razón a CUAC, permitindo non só o seu regreso á FM, senón recoñecendo o dereito da emisora comunitaria a contar cunha licenza de emisión, da que carecía pola “inactividade” da administración á hora de cumprir a lei. A Xunta non acatou a sentenza e sufriu unha nova derrota no Tribunal Supremo."CUAC fixo todo o posible para legalizar a súa situación. Agora a pelota está no campo político", destacaba Isa Lema nesta entrevista.

  11. 11

    II Encontro de Mulleres Radiantes. 17 e 18 de xaneiro de 2020

    Cuac organizou o II Encontro Estatal de Mulleres Radiantes, “Muller, Radio e Comunicación Comunitaria“, destinado á formación apoderamento de comunicadoras sociais pertencentes ás radios comunitarias e no que participaron 60 persoas chegadas dende todo o estado.

    Despois de organizar o Encontro 14 e a Asemblea ReMC de 2018, Cuac volve asumir a organización dun evento a escala estatal, no que se adiantan debates cruciais para o presente e o futuro, en relación ao discurso da estrema dereita respecto das mulleres e o feminismo, e os distintos debates abertos dentro dos feminismos, entre outros.

  12. 12

    Radio Patio e o novo sistema de emisión remota. Dende o 17 de marzo de 2020

    Cuac FM foi unha das oito organizacións españolas seleccionadas polo fondo do Centro Europeo de Xornalismo no programa de axudas habilitado para afrontar a situación provocada polo coronavirus e dirixido a 20 países europeos. Un xurado especializado seleccionou un total a 36 organizacións e xornalistas do continente entre milleiros de candidaturas. Cuac FM resultou gañadora destes fondos en recoñecemento polo traballo realizado durante a crise da COVID19 en España. 

    Cando estoupou a crise da COVID-19, Cuac suspendeu as súas emisións en estudio, seguindo a normativa, pero non ficou calada. O mesmo día no que se decretaba o confinamento, e ante a imposibilidade de emitir a súa programación ordinaria dende os estudos centrais, desenvolveron un proxecto de innovación tecnolóxica que permitiu a emisión en directo por FM do programa 'Radio Patio', que acompañou á cidadanía da Coruña todas as tardes de luns a venres durante o período máis estrito do confinamento.

    Simultaneamente, as compoñentes de Cuac formábanse na utilización do novo sistema de emisión, o que permitiu recuperar a programación antes de poder volver ao estudio, emitindo dende as súas casas e empregando para iso a tecnoloxía dispoñible ao alcance de calquera persoa con conexión a internet. Este sistema continúa utilizándose a día de hoxe, á espera da normalización da situación.