Así derrotou Cuac FM á Xunta. Cando o David da radio comunitaria vence a Goliat

Estudio de Cuac FM © CUAC FM

No ano 2010 a aprobación da Lei Xeral da Comunicación Audiovisual (Lei 7/2010) espertou a esperanza nas radios e televisións comunitarias, isto é, as impulsadas por entidades da sociedade civil, nin públicas nin privadas, e sen ánimo de lucro. O Artigo 32 e a Disposición Transitoria 14ª da norma recoñecían por primeira vez a súa existencia e o seu papel social e prevían que aqueles medios comunitarios que estiveran en funcionamento antes do ano 2009 poderían recibir unha licenza de emisión, obrigando ás administracións a garantir un espazo para estas emisoras e canles. Semellaba a recompensa a anos de traballo nunha situación de alegalidade.  

Porén, esta lei nunca foi desenvolvida polo Estado. De nada serviron as recomendacións de entidades internacionais ou o Defensor del Pueblo e tampouco a Proposición Non de Lei aprobada polo Congreso en 2016 instando o Goberno a facer efectiva a norma. As radios e televisións comunitarias seguiron nunha especie de limbo, amparadas por unha lei non aplicada, pero sen as licenzas que debían protexer e garantir as súas emisións. En 2015 mesmo houbo intentos por parte do Goberno para "eliminar" da lexislación a categoría de servizos de comunicación audiovisual comunitarios sen ánimo de lucro. 

Cuac presentou a súa oferta ao concurso de licenzas de FM lanzado pola Xunta no ano 2012

Algúns destes medios comunitarios non ficaron de brazos cruzados durante este tempo. CUAC FM, unha radio coruñesa nacida en 1996, e que suma 500 programas e más de 1.200 colaboradores ao longo da súa traxectoria, presentou a súa oferta ao concurso de licenzas de FM lanzado pola Xunta no ano 2012. No seu intento, avalado por anos de emisión e unha profunda implantación na vida de toda a comarca, implicou a movementos sociais e outros axentes da cidade, denunciando de paso as dinámicas habituais na radiofonía local, con diais inzados de emisoras comerciais sen licenza ou de emisoras legais que emiten en cadea, reservando apenas unhas poucas horas ao día para os contidos propios.  

O concurso, que expresamente excluía os medios sen ánimo de lucro, concedeu as súas licenzas ás grandes cadeas e Cuac FM seguiu emitindo como sempre fixera, con todo o entusiasmo do mundo e tamén toda a incerteza, consciente de que a súa existencia, aínda que avalada pola lei, podía ser posta en risco, ben porque outra emisora ocupase o seu lugar no dial, ben porque o Goberno de turno decidise que chegara o momento de rematar con esta experiencia.  

'Foto de familia' despois dunha das asembleas de Cuac FM CC-BY-SA Cuac FM

Ese momento chegou en setembro de 2017. A asociación que xestiona a emisora recibiu unha notificación de sanción por parte da Xunta, ameazando con multar a entidade con entre 100 mil e 200 mil euros por emitir “sen dispor da correspondente licenza”. A asemblea que xestiona a radio decidiu abandonar temporalmente a emisión en FM, mantendo a súa actividade en Internet. E preparouse para a batalla xurídica, de novo apelando á mobilización dos movementos sociais e a sociedade civil da Coruña, e de toda a rede de medios comunitarios de España. CUAC FM era unha máis, pero non unha calquera. Tratábase dunha das emisoras cunha traxectoria máis longa e máis asentada, cunha base social ampla e cunha completa programación. Se esta caía, calquera podía ser derrubada.

 "Sabemos que vai ser unha loita de longo percorrido, pero sabemos que temos a razón e que a cidadanía á que nos debemos está con nós e nos ampara", dicía naquel momento Isabel Lema

Dende CUAC FM manifestábanse sorprendidos pola ameaza de sanción, que de feito partía dun expediente aberto polo Ministerio de Industria no ano 2015 que a Xunta fora adiando dende entón, decidindo aplicalo (outras comunidades autónomas non o fixeron) xusto no momento en que estaba a piques de caducar. "Nestes 21 anos de servizo á comunidade Cuac FM nunca recibiu ningún comunicado, queixa ou notificación de ningún tipo respecto da súa actividade, e nunca interferiu nin prexudicou a emisión de ningunha outra estación de radio", sinalaban, lembrando ademais que "a Xunta ten constancia da existencia de Cuac FM dende antes de comezar as súas emisións, o 27 de marzo de 1996" e que "as relacións desta emisora coa Secretaría Xeral foron numerosas". 

Lembraban así mesmo que a emisora tentara en varias ocasións legalizar a súa situación e poñían de novo sobre a mesa a demanda de que a Xunta e o Goberno central cumprisen a Lei Xeral de Comunicación Audiovisual de 2010. CUAC podía gañar ou perder esta batalla, pero non ían pechar sen dar a pelexa. "Sabemos que vai ser unha loita de longo percorrido, que non se vai resolver en 15 días, pero sabemos que temos a razón e que a cidadanía á que nos debemos está con nós e nos ampara", dicía naquel momento Isabel Lema, coordinadora de CUAC FM

Na súa primeira resposta ao recurso presentado por CUAC FM, a Xunta recuou. Renunciou a sancionar a emisora e recoñeceu expresamente que a Lei do Audiovisual se está a incumprir e que a radio comunitaria coruñesa levaba 20 anos emitindo sen ánimo de lucro, sen prexudicar a terceiros e sen ánimo de ocultación. Porén, o Goberno galego advertía de que esta resolución rachaba “calquera expectativa de Cuac FM para volver a emitir na FM" e ameazaba con novos expedientes sancionadores en caso de que a radio volvese emitir por ondas.  

En outubro do pasado ano a asemblea de CUAC aprobou o regreso da emisora ás ondas hertzianas, que se viviu como un día de festa, unha vitoria de David contra Goliat que aínda debería superar un derradeiro round

Cuac FM preparouse para o segundo round. Mantivo a súa emisión exclusivamente en Internet e recorreu a resolución ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). En outubro de 2018 o TSXG estimou favorablemente o recurso presentado pola Asociación Colectivo de Universitarios Activos (Cuac) e recoñeceulle á emisora unha garantía temporal de emisión en FM. A sentenza subliñaba que a falta do necesario desenvolvemento normativo por parte da Xunta impedíralle a CUAC FM contar cunha licenza de emisión, un permiso que a radio “non pode obter dada a inactividade da Administración”. O ditame tamén deixaba claro, de maneira contundente, que a Secretaría Xeral de Medios infrinxira “os dereitos fundamentais da persoa” ao vulnerar o artigo 20 da Constitución, que recoñece o dereito da cidadanía á liberdade de expresión e a recibir e a comunicar libremente información. En termos semellantes expresárase unhas semanas antes a Fiscalía, que tamén acusara á Xunta de vulnerar os dereitos fundamentais

A asemblea de CUAC aprobou o regreso da emisora ás ondas hertzianas, un retorno que se viviu como un día de festa, unha vitoria de David contra Goliat que aínda debería superar un derradeiro round. En febreiro de 2019 a Xunta anunciou que non acataría a sentenza do TSXG e que recorrería a sentenza ante o Tribunal Supremo. Este martes catro de xuño o Tribunal Supremo confirmou a derrota xudicial da Secretaría Xeral de Medios do Goberno galego, inadmitindo o recurso presentado, convertendo en firme a sentenza ditada polo TSXG e impoñéndolle á Xunta o pago de costas procesuais ata un máximo de 1.000 euros.  

Intervención de Isabel Lema no Parlamento europeo como coordinadora de Cuac FM e representante da Asociación Europea de Radios Comunitarias Dominio Público Cuac FM

CUAC, que destacou o "malgasto de recursos públicos na persecución dunha iniciativa de comunicación cidadá", fixo fincapé na importancia desta vitoria xurídica, nun proceso levado polo avogado Pablo No Couto, para dar pasos adiante no dereito á emisión dos medios comunitarios, constatando que o longo camiño que tivo que atravesar a emisora para contar con esta garantía legal é apenas unha batalla nunha guerra que están a librar radios e televisión sen ánimo de lucro de todo o Estado. 

“Hai unha concentración da propiedade dos medios de comunicación en moi poucas mans. E a estes poderes económicos non lles interesa que haxa pluralidade de voces e de información"

“Hai unha concentración da propiedade dos medios de comunicación en moi poucas mans. E a estas mans, a estes poderes económicos, non lles interesa que haxa esta pluralidade de voces e de información. É inconstitucional que o Goberno non vele pola pluralidade mediática e así o establecen varias sentenzas. Non o está facendo”, destaca neste senso Isabel Lema, que hai uns anos levou a voz das radios comunitarias ao Parlamento Europeo, reivindicando a fin dos obstáculos a estes medios de comunicación. 

"Sempre nos chama a atención que a administración nunca actúe contra as emisoras privadas piratas, que están ocupando ilegalmente unha frecuencia no dial, moitas veces mesmo recibindo diñeiro público”, afirmaba a sevillana María Navarro Limón no medio do conflito que viviu CUAC, durante a asemblea anual da Rede de Medios Comunitarios (ReMC), que se celebrou o pasado ano na Coruña. 

"A Xunta tivo que arquivar o expediente pola capacidade de mobilización que tivo Cuac, por ser un medio vinculado a unha comunidade física"

“En cambio a administración si que vai contra un medio comunitario como Cuac, asentado socialmente, que vén realizando dende hai anos un traballo moi importante de alfabetización mediática, de acceso, con moito apoio”, criticaba, e facía fincapé na importancia do movemento comunitario ao redor da radio coruñesa. “Seguramente a Xunta tivo que arquivar o expediente precisamente pola capacidade de mobilización que tivo Cuac, por ser un medio vinculado a unha comunidade física, algo moi importante e que se está perdendo nos últimos tempos”, remataba.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.