"Se es un medio implicado cos problemas da túa comunidade acabas tendo problemas, como lle pasou a Cuac"

María Navarro Limón, á dereita, nun acto en favor da emisora comunitaria sevillana Radiópolis © Eldiario.es

A Coruña acolle esta fin de semana a asemblea anual da Rede de Medios Comunitarios (ReMC), na que medio cento de persoas dunha vintena de medios de toda España debaterán sobre a situación do sector, os avances na súa batalla para que Goberno central recoñeza o seu dereito a emitir e o estado da liberdade de expresión, ante as ameazas que nos últimos tempos pairan sobre ela. Tamén estará sobre a mesa o expediente que hai uns meses a Xunta abriu (e finalmente arquivou) contra Cuac FM a instancias do Goberno central. A asemblea comezará na mañá do sábado no centro cívico da Cidade Vella (rúa de Veeduría, 2) e finalizará o domingo.

Antes, o venres ás 18.30 horas, Xabier Fortes (membro do Consello de Informativos de TVE), Isabel Lema (integrante de Cuac FM e vogal da ReMC na sección europea da Asociación Mundial de Radios Comunitarias) e María Navarro Limón (coordinadora da ReMC) participarán alí nunha mesa redonda sobre liberdad de expresión. Falamos con María Navarro, que nesta asemblea será substituída por outra persoa á fronte da Rede.

"Temos unha PNL aprobada no Congreso, unha demanda da ONU ao Goberno de España para que responda por que non concede licencias a medios comunitarios e acaba de publicarse unha recomendación do Consello de Europa"

Por que escollestes A Coruña para a realización este ano da asemblea?

Facemos unha asemblea anual en distintos puntos do Estado nos que exista algún medio comunitario que forme parte da rede. E este ano escollemos A Coruña porque queriamos apoiar os compañeiros de Cuac FM por mor do expediente sancionador tan salvaxe que lles interpuxo a Xunta a instancias do Estado. Pechouse sen sanción pero incorporando unha prohibición tácita de emitir en FM.

Que obxectivos ten esta asemblea?

Na asemblea levaremos a cabo unha renovación de cargos que xa toca, por exemplo no meu caso. E, sobre todo, analizaremos a situación xurídica e política vivida neste ano, no que a ReMC obtivo uns triunfos moi importantes: temos unha PNL aprobada no Congreso, unha demanda da ONU ao Goberno de España para que responda por que non concede licencias a medios comunitarios e acaba de publicarse unha recomendación do Consello de Europa instando a promover os medios comunitarios, para evitar situacións de concentración de medios privados, como está sucedendo en España. Parece que está dando froitos o traballo de moitos anos. Temos moito que celebrar e moito que debater, temos que decidir que estratexia imos seguir nos vindeiros tempos e se imos consolidar alianzas coa PDLI e outras entidades que están loitando pola liberdade de expresión.

"Está en debate a nova Lei Audiovisual Andaluza. Temos que ter cautela, pero parece existir sensibilidade para que a norma recolla un mecanismo para protexer os medios comunitarios"

Hai normativas, tanto a nivel español como internacional, que sosteñen o dereito dos medios comunitarios a emitir, pero iso segue se traducirse en cambios reais. Os medios comunitarios seguen nesa especie de limbo legal... Cambiará isto?

Si, hai moitas directrices, a nivel estatal e europeo, que apoian o reparto de licenzas de emisión para os medios comunitarios, pero o Goberno non muda a súa posición. Dende a ReMC levamos ante o Tribunal Supremo este incumprimento de reparto, perdemos ese recurso e finalmente levamos o tema á ONU, que recolleu as nosas demandas, pero parece que o Goberno non se dá por aludido.

É moi importante o que está sucedendo en Andalucía. Está en debate a nova Lei Audiovisual Andaluza e eu mesma participei como poñente no trámite parlamentario. Temos que ter cautela, pero parece existir sensibilidade para que a norma finalmente recolla un mecanismo dende a Comunidade Autónoma para protexer os medios comunitarios, instando o Estado a que leve a cabo un reparto de licenzas. De aprobarse, sentaría un precedente moi importante.

En Galicia asistimos a un peche total da Xunta a recoñecer os medios comunitarios. En cambio noutras comunidades, como Andalucía, Navarra ou Cataluña si parece estar habendo avances tímidos...

Tímidos, ti o dixeches. Porque ao final en Navarra a adxudicación da primeira licenza de radio comunitaria foi recorrida polas emisoras comerciais; que sigo que sen entender que nos vexan como unha ameaza. En Andalucía estamos ao final do trámite e todos os partidos interesáronse polas nosas emendas, incluído o PP, pero temos que ter cautela. En Cataluña si que hai un decreto de fomento dos medios comunitarios que supón un grandísimo avance.

Dende a ReMC fixestes un estudo sobre a situación -económica, de persoal, de contidos, tecnolóxica...- dos medios comunitarios en España e a conclusión non foi boa. Supoño que en boa medida isto débese aos obstáculos impostos dende a administración, á negativa a conceder licenzas e a recoñecer estas entidades como medios... 

Claro, eu póñoche o exemplo do meu medio, Radiópolis, en Sevilla. En 12 anos de historia tivemos un expediente por parte do Estado central, que tamén foi arquivado, tivemos problemas co Goberno municipal, coas axencias de dereitos de autor..., unha cantidade de obstáculos que impiden ou dificultan levar adiante proxectos que teñen unha compoñente importante de voluntariado. Se ti es un medio moi visible socialmente e estás moi implicado cos problemas da túa comunidade, como lle pasa a Cuac ou como nos pasa a nós, ao final acabas tendo problemas e as administracións agárranse a esa alegalidade para imposibilitar o noso traballo.

"Somos un instrumento de alfabetización mediática e un elemento que permite crear vínculos entre a comunidade, dándolle voz e retransmitindo realidades que doutro xeito non terían espazo"

Noutros países o papel dos medios comunitarios está recoñecido polo Estado e pola sociedade, tense en conta a súa función como garantía de acceso da cidadanía a poder emitir e comunicar, como escolas de democracia e participación, como alfabetizadores mediáticos... Isto non se ve en España?

TVE e as autonómicas non están garantindo neste momento o dereito de acceso dos distintos colectivos e entidades sociais. Isto fai que sexan os medios comunitarios a fiestra á participación e á posibilidade de emitir. Somos, neste senso, un instrumento de alfabetización mediática e un elemento que permite crear vínculos entre a comunidade, dándolle voz e retransmitindo realidades que doutro xeito non terían espazo. Moitos medios privados limítanse a facer redifusións dos contidos xerados noutro lugar, estase a perder a vertebración cultural do territorio. Aínda que respondemos de comunidades pequenas, facemos un labor importante de contrapoder.

"Ata agora parecía que moita xente non se sentía concernida pola reivindicación do dereito á información, pero cando comezaron a meterse con liberdades máis básicas, como pode ser o dereito a expresarse, a facer unha canción..., parece que se xerou unha alerta maior"

Este venres Xabier Fortes, Isabel Lema e ti debateredes sobre a situación da liberdade de expresión en España, ante as ameazas e ataques que está a sufrir. Hai motivos para a preocupación? E, neste senso, está a sociedade concienciada ante este problema?

Parece que hai un certo espertar da preocupación por esta cuestión. Ata agora parecía que moita xente non se sentía concernida pola reivindicación do dereito á información, pero cando comezaron a meterse con liberdades máis básicas, como pode ser o dereito a expresarse, a facer unha canción..., parece que se xerou unha alerta maior. Dende a ReMC vimos loitando por estas cousas dende hai anos, e é bo que agora exista máis preocupación. Pero si, estamos nun momento alarmante.

"Sempre nos chama a atención que a administración nunca actúe contra as emisoras privadas piratas, que están ocupando ilegalmente unha frecuencia no dial, moitas veces mesmo recibindo diñeiro público"

Vides á Coruña para apoiar a Cuac FM. É un paradigma da situación que atravesan moitas outras emisoras no territorio español? Traballando dende hai anos, implantada socialmente, pero sen apoio público e tendo que superar obstáculo tras obstáculo para sobrevivir? 

Sempre nos chama a atención que a administración nunca actúe contra as emisoras privadas piratas, que están ocupando ilegalmente unha frecuencia no dial, moitas veces mesmo recibindo diñeiro público. Non pode ser que unha radio que emite música machista tape o sinal dunha comunitaria, como nos pasou a nós en Sevilla. Pero en cambio a administración si que vai contra un medio comunitario como Cuac, asentado socialmente, que vén realizando dende hai anos un traballo moi importante de alfabetización mediática, de acceso, con moito apoio... Seguramente a Xunta tivo que arquivar o expediente precisamente pola capacidade de mobilización que tivo Cuac, por ser un medio vinculado a unha comunidade física, algo moi importante e que se está perdendo nos últimos tempos.

 

María Limón, na súa intervención nos debates ao redor da nova lei andaluza © ReMC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.