0 Gardados para despois

A Fiscalía estima que a Xunta vulnera os dereitos fundamentais de CUAC ao impedirlle emitir por FM

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Hai case un ano, o 29 de setembro de 2017, coñecíase a incoación dun procedemento sancionador por parte da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia contra CUAC FM, emisora comunitaria coruñesa que levaba 21 anos en antena. A radio deixou de emitir o 1 de outubro -aínda que continuou a súa vida en Internet- e presentou un recurso, lembrando que sempre actuara de boa fe e que en varias ocasións solicitara unha licenza de emisión, prevista na Lei do Audiovisual de 2010, unha norma que sucesivos Gobernos negáronse a desenvolver. O expeciente sancionador foi arquivado a finais de febreiro, nunha resolución que aceptaba os argumentos presentados pola emisora e que recoñecía que a Lei do Audiovisual se está a incumprir. Porén, o Goberno galego advertía de que esa resolución “racha calquera expectativa de Cuac FM para volver a emitir na FM" e ameazaba con novos expedientes sancionadores en caso de que a radio volva emitir por ondas.

CUAC considerou que a Xunta estaba a facer dunha interpretación restritiva do dereito constitucional a comunicar recollido no artigo 20.1.a) da Constitución e interpuxo un recurso contencioso-administrativo por violación dos dereitos fundamentais. O recurso foi admitido a trámite este verán por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que aínda o está a estudar. Porén, como o fondo do asunto afecta á protección do exercicio de dereitos fundamentais, o Ministerio Fiscal vén de emitir un informe previo no que lle dá a razon á emisora comunitaria e conclúe que a Xunta está a vulnerar os dereitos fundamentais de CUAC ao impedirlle emitir por FM.

A Fiscalía sinala a imposibilidade legal de CUAC para regularizar a súa situación, algo do que responsabiliza á falta de desenvolvemento da Lei 7/2010 de Comunicación Audiovisual

O informe alerta sobre todo contra a advertencia lanzada polo Goberno galego sobre a imposibilidade de CUAC "para volver emitir na FM" e critica que se aproveite "unha actividade sancionadora para ir máis alá da comprobación de feitos sancionables e derivar consecuencias de futuro". Subliña ademais que a resolución da Xunta supón "unha orde de cesación dunha actividade de emisión audiovisual garantida polo artigo 20 da Constitución Española".

A Fiscalía sinala a imposibilidade legal de CUAC para regularizar a súa situación, o que leva a emisora a un "limbo xurídico", algo do que responsabiliza á falta de desenvolvemento da Lei 7/2010 de Comunicación Audiovisual: "O desenvolvemento desta normativa e a súa posta en funcionamento non se produciu, polo menos na Comunidade Autónoma de Galicia. Iso supón un incumprimento dun mandato lexislativo por parte de alguén que constitucionalmente está obrigado a cumprir e dar execución do disposto polo representante popular. E ademais coloca, como neste caso, a aqueles que están xa presentes no uso do espazo radioeléctrico, nunha situación de limbo xurídico, pois non poden regularizar a súa situación, e poden quedar ao albur (como neste caso) de que a Administración decida usar as súas potestades sancionadoras".

CUAC "empregará todos os medios dos que dispoña para garantir o cumprimento dos dereitos do público a recibir información e opinión a través de medios comunitarios, xa que as administracións públicas semellan ineficaces para iso"

O Ministerio Fiscal recomenda finalmente que "se dite sentenza na que se declare a lesión do dereito a crear medios de comunicación social" por parte do Colectivo de Universitarios Activos (CUAC). CUAC "aplaude" o posicionamento da Fiscalía, "que recoñece que a Xunta de Galicia está a impoñer unha situación de facto que impide o exercicio de dereitos fundamentais" e anuncia que, de momento, seguirá emitindo unicamente a través de Internet pero que "empregará todos os medios dos que dispoña para garantir o cumprimento real e efectivo dos dereitos do público a recibir información e opinión a través de medios comunitarios, xa que as administracións públicas semellan ineficaces para iso".

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.