Xa é sentenza firme. O Tribunal Supremo vén de inadmitir o recurso que a Xunta presentara contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que recoñeceu o dereito de CUAC FM a emitir en frecuencia modulada. A providencia da Sala Primeira do Contencioso Administrativo, asinada por 6 maxistrados, imponlle ademais ao Goberno galego o pago de costas procesuais ata un máximo de 1000 euros.
A providencia do Supremo converte en firme a sentenza ditada polo TSXG e imponlle á Xunta o pago de costas procesuais ata un máximo de 1000 euros
En outubro de 2018 a sentenza do TSXG anulaba a resolución adoptada uns meses antes pola Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia na que arquivaba o procedemento sancionador que lle abrira a CUAC FM, pero na que tamén prohibía expresamente que a emisora comunitaria coruñesa puidese volver a emitir en frecuencia modulada. O ditame sinalaba que a Secretaría Xeral de Medios infrinxira “os dereitos fundamentais da persoa” ao vulnerar o artigo 20 da Constitución que recoñece o dereito da cidadanía á liberdade de expresión e subliñaba que a falta do necesario desenvolvemento normativo por parte da Xunta impedira a CUAC FM contar cunha licenza de emisión, un permiso que a radio “non pode obter dada a inactividade da Administración”.
Porén, o Goberno galego decidiu non acatar a sentenza do TSXG e este mes de febreiro presentou un recurso ante o Tribunal Supremo. Catro meses despois o Supremo dálle a razón a CUAC, que xa en outubro de 2018 (poucos días despois de coñecer a sentenza do TSXG) volveu emitir en FM, de acordo coa Garantía temporal de emisión que a sentenza lle recoñeceu.
A entidade fai fincapé no "malgasto de recursos públicos na persecución dunha iniciativa de comunicación cidadá"
A emisora comunitaria manifesta a súa "satisfacción" pola decisión do Tribunal Supremo, "que deixa de manifesto que Cuac FM tiña razón cando reivindicou, pola vía xurisdiccional, o dereito a comunicar da cidadanía da Coruña a través de servizos de comunicación audiovisual comunitarios sen ánimo de lucro". Así mesmo, a entidade fai fincapé no "malgasto de recursos públicos na persecución dunha iniciativa de comunicación cidadá, e en contra dunha interpretación expansiva dos dereitos fundamentais e as liberdades públicas".
"Consideramos que o esforzo material e humano empregados en loitar contra Cuac FM era digno de mellor causa, e estimamos que compre unha reflexión ao respecto", remata a asociación, que engade que "é alarmante que nun estado de dereito, unha entidade coma Cuac FM teña que poñer en risco a súa supervivencia coma proxecto comunitario para que os Tribunais de Xustiza lembren aos poderes executivos o seu traballo pendente". "Máis preocupante é aínda que unha administración utilice recursos públicos para esgotar todas as instancias contra unha sentenza favorable aos dereitos fundamentais dos administrados", remata.
CUAC fai fincapé na importancia desta vitoria xurídica para dar pasos adiante no dereito á emisión dos medios comunitarios
CUAC fai fincapé na importancia desta vitoria xurídica (iniciada hai meses e confirmada agora) non só para a continuidade da emisora coruñesa, senón para dar pasos adiante no dereito á emisión dos medios comunitarios e sen ánimo de lucro. "A firmeza desta sentenza pon de relevo o incumprimento reiterado das obrigas legais das administracións públicas competentes en materia de medios comunitarios, ao manter inaplicada a día de hoxe a Lei 7/2010 General de Comunicación Audiovisual, nove anos despóis da súa entrada en vigor", din.