O pasado 29 de outubro o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) fixo pública unha sentenza que anulaba a resolución da Xunta que prohibía emitir en FM á emisora comunitaria da Coruña, CUAC FM. O ditame do Tribunal Superior, que estimaba o recurso presentado pola Asociación Colectivo de Universitarios Activos (Cuac), era rotundo e subliñaba que a falta do necesario desenvolvemento normativo por parte do Goberno galego impedira a CUAC FM contar cunha licenza de emisión, un permiso que a radio non podía obter "dada a inactividade da Administración”.
A sentenza do Tribunal Superior ditaminou que a Xunta infrinxira “os dereitos fundamentais” ao vulnerar o artigo 20 da Constitución
A sentenza, ditada unanimemente por catro maxistrados, sinalaba ademais que a Secretaría Xeral de Medios infrinxira “os dereitos fundamentais da persoa” ao vulnerar o artigo 20 da Constitución, que recoñece o dereito da cidadanía á liberdade de expresión. O mesmo que apuntara a Fiscalía nun informe previo.
Porén, a Xunta decidiu recorrer a sentenza do alto tribunal galego ante o Tribunal Supremo, un recurso de casación que lle foi comunicado a CUAC FM nos últimos días e que aínda debe ser aceptado polo Supremo. A emisora vén de facer público unha nota de prensa no que amosa a súa "preocupación" ante un recurso de casación "no que se intenta restrinxir, limitar e por en cuestión un dereito fundamental, tal e como recolle o artigo 20 da Constitución Española".
CUAC non comprende "as motivacións para que unha administración empregue recursos públicos para anular unha sentenza expansiva dos dereitos fundamentais da cidadanía".
No seu comunicado, CUAC FM destaca que "non comprende as motivacións para que unha administración empregue recursos públicos para anular unha sentenza expansiva dos dereitos fundamentais da cidadanía". A emisora sinala que a acción do Goberno galego "é de todo irracional", en canto a propia Xunta recoñeceu por escrito no seu día que CUAC "leva máis de 20 anos emitindo na frecuencia modulada de boa fe, sen ánimo de ocultación, e sen recibir advertencia algunha por parte da Administración, que non existen terceiros prexudicados e que carece de ánimo de lucro".
"Tampouco comprendemos que beneficios para a cidadanía galega e coruñesa se derivarían da desaparición de CUAC FM do dial, que é o único efecto que este recurso ante o Tribunal Supremo podería chegar a acadar", din. E acusan o Goberno galego de "perseguir" non só a CUAC senón ao conxunto dos medios comunitarios, recoñecidos internacionalmente "coma unha ferramenta útil contra os discursos do odio, a posverdade e as fake news, favorecedora do diálogo intercultural e interxeneracional, e propiciadora de comunidades máis harmónicas e diversas". "Estase a atacar toda unha escala de valores e liberdades, recollidas nas declaracións internacionais de dereitos humanos e tamén na Constitución Española", conclúen.
CUAC seguirá a emitir en FM, de acordo coa Garantía temporal de emisión que a sentenza do TSXG lle recoñeceu
De momento, á espera das decisións que adopte o Supremo, CUAC seguirá a emitir en FM, de acordo coa Garantía temporal de emisión que a sentenza do TSXG lle recoñeceu, vixente mentres a administración competente “non se pronuncie de forma motivada e clara sobre a falta da devandita garantía temporal”. E subliña que "Cuac FM non vai recuar" e que "nestes tempos nos que sopran ventos de involución predemocrática" aposta por "manter a nosa posición, garantindo o dereito a comunicar de todas as coruñesas e coruñeses a través da frecuencia modulada".