CUAC FM volve ás ondas un ano e un mes despois tras vencer á Xunta nos tribunais

CUAC FM celebrando este sábado a súa volta ás ondas Dominio Público @CuacFM

O dial 103.4 da FM volveu a emitir son na Coruña ás 13:34 horas deste sábado 3 de novembro. CUAC FM volvía así ás ondas tras gañar a pasada semana unha importante batalla nos xulgados fronte á Xunta, que prohibira á emisora comunitaria seguir emitindo. Un ano e un mes despois de apagarse, CUAC FM retomou este sábado os seus case 22 anos de historia.

O dial 103.4 da FM volveu a emitir son na Coruña ás 13:34 horas deste sábado 3 de novembro tras constatar o TSXG que o Goberno galego vulnerara o “dereito fundamental” de liberdade de expresión

O pasado febreiro a Secretaría Xeral de Medios da Xunta emitiu unha resolución pola que arquivou un procedemento sancionador que abrira a CUAC meses atrás pero, ao tempo, prohibía expresamente á emisora seguir emitindo. Esta semana o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia estimou un recurso contra esa decisión presentado pola Asociación Colectivo de Universitarios Activos (CUAC) e declarou que a emisora ten vixente a garantía temporal de emisión que lle negaba a Xunta, a cuxa “inactividade” culpa da imposiblidade da emisora de conseguir a licenza para emitir. Na súa resolución, o tribunal deixa claro que o Goberno galego infrinxiu “os dereitos fundamentais da persoa” ao vulnerar o artigo 20 da Constitución, que recoñece o dereito da cidadanía á liberdade de expresión e a recibir e comunicar libremente información.

Tras recibir a sentenza, o pasado mércores CUAC FM decidiu en asemblea retomar as emisións este sábado cun maratón radiofónico con diversos programas da emisora tanto actuais como históricos. CUAC FM tamén ofreceu a posibilidade de coñecer as súas instalacións no Campus da Zapateira, onde se atopan a Escola de Radio e Asociacionismo, o Estudio de gravación Alexandre Bóveda e o estudio José Couso desde o que se emiten todos os programas da emisora.

A radio comunitaria da Coruña iniciou as súas emisións o 27 de marzo de 1996 e nestes 21 anos e medio puxo en antena 452 programas, realizados por máis de 1.200 persoas e centos de asociacións, colectivos e centros educativos.

Programación especial polo retorno das emisións de CUAC FM Dominio Público CUAC FM

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.