O Tribunal Superior anula a decisión da Xunta e permite emitir a CUAC FM

Presentación do 'Manifesto Cuac Fm Polo Dereito a Comunicar' © Cuac FM

Un duro pau á Xunta e moito vento nas velas para CUAC FM e, en xeral, para os medios comunitarios. O TSXG vén de anular a resolución adoptada o pasado mes de febreiro pola Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia na que arquivaba o procedemento sancionador que meses atrás lle abrira a CUAC FM, pero na que tamén prohibía expresamente que a emisora comunitaria coruñesa puidese volver a emitir en FM. O Tribunal Superior estima o recurso presentado pola Asociación Colectivo de Universitarios Activos (Cuac) e declara que a emisora, con case 22 anos de historia, ten vixente a garantía temporal de emisión que lle negaba a Secretaría Xeral de Medios mentres a administración competente “non se pronuncie de forma motivada e clara sobre a falta da devandita garantía temporal”.

O TSXG subliña que a falta do necesario desenvolvemento normativo por parte da Xunta impediu a CUAC FM contar cunha licenza de emisión, un permiso que a radio “non pode obter dada a inactividade da Administración”

O ditame lembra que o artigo 32 e a Disposición Transitoria 14ª da Lei 7/2010 Xeral de Comunicación Audiovisual prevén a concesión de licenzas de emisión ás radios comunitarias existentes, algo que as administracións competentes -neste caso a Xunta- deberían ter feito nos últimos oito anos, pero que non fixeron. A normativa audiovisual prevé un período en que os operadores poderán seguir emitindo ata que se regule polo Estado, "prevendo a concesión das oportunas licenzas, sen que se producise aínda a regulación normativa en Galicia”. Polo tanto, o TSXG subliña que a falta do necesario desenvolvemento normativo impediu a CUAC FM contar cunha licenza, un permiso que o tribunal destaca que a radio “non pode obter dada a inactividade da Administración”.

A Secretaría Xeral de Medios infrinxiu “os dereitos fundamentais da persoa” ao vulnerar o artigo 20 da Constitución, que recoñece o dereito da cidadanía á liberdade de expresión

A sentenza tamén deixa claro, de maneira contundente, que a Secretaría Xeral de Medios infrinxiu “os dereitos fundamentais da persoa” ao vulnerar o artigo 20 da Constitución, que recoñece o dereito da cidadanía á liberdade de expresión e a recibir e a comunicar libremente información. O TSXG sostén que a Administración autonómica infrinxiu “os preceptos legais que constitúen unha garantía temporal de emisión para a actividade de libre expresión e comunicación de información e de creación e uso de medios de comunicación, neste caso dos servizos de comunicación audiovisual comunitarios”. O tribunal sitúase na mesma liña do exposto o mes pasado pola Fiscalía, que emitiu un informe previo no que lle daba a razon á emisora comunitaria e concluía que a Xunta estaba a vulnerar os dereitos fundamentais de CUAC ao impedirlle emitir por FM.

A Xunta baseaba o seu ditame na negación da existencia da garantía temporal de emisión que agora o TSXG lle recoñece a Cuac FM

O Goberno galego recoñecía que a Lei do Audiovisual se estaba a incumprir e admitía explicitamente que Cuac FM leva máis de 20 anos emitindo na frecuencia modulada de boa fe, sen ánimo de ocultación, e sen recibir advertencia algunha por parte da Administración, que non existen terceiros prexudicados e que carece de ánimo de lucro. Porén, a Xunta baseaba o seu ditame na negación da existencia da garantía temporal de emisión que agora o TSXG lle recoñece a Cuac FM e advertía que esa resolución rachaba "calquera expectativa de Cuac FM para volver a emitir na FM", ameazando con novos expedientes sancionadores en caso de que a radio volvese emitir por ondas. Unha posición que agora o TSXG derruba por completo

A sentenza do alto tribunal pode ser recorrida en casación pola Xunta. A asociación que xestiona esta emisora sen ánimo de lucro celebra o contido da sentenza, que recolle unha por unha todas as súas demandas e na que contaron coa representación do avogado Pablo No Couto. CUAC celebrará este mércores unha asemblea na que os seus socios e socias decidirán se a radio volve emitir en FM (103.4), o que parece probable e que, de acordarse, sería efectivo en poucos días.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.