O pasado luns 29 de outubro o TSXG deu a coñecer a súa sentenza sobre o recurso presentado por Cuac FM contra a resolución da Xunta que lle impedía emitir en Frecuencia Modulada. O ditame anulou a resolución da Secretaría Xeral de Medios, á que culpou de ter vulnerado os dereitos fundamentais da radio comunitaria e, cunha argumentación rotunda, recoñeceulle a CuacFM o seu dereito a contar cunha licenza de emisión para medios sen ánimo de lucro, en virtude da Lei do Audiovisual de 2010. Unha sentenza, polo tanto, que axuda os medios comunitarios de toda Galicia e de toda España a avanzar nas súas demandas de regularización, e que se une ás boas novas chegadas de Andalucía, onde a nova Lei Audiovisual recoñece de forma pioneira as emisoras sen ánimo de lucro
A "garantía temporal de emisión" recoñecida polo TSXG permitía o regreso de Cuac á FM, isto debía aínda ser aprobado pola asemblea de socias e socios da entidade. Así o fixo, por unanimidade, este mércores. O xoves pola mañá comezaron as emisións en probas. E, finalmente, o sábado ao mediodía a radio coruñesa volvía soar en todos os aparellos: nos coches, nos transistores, nas perruquerías e nos bares. Cuac FM continúa así a súa andaina, preto xa de celebrar o seu 22 aniversario, cunha base social reforzada e coa seguridade de contar co apoio legal da histórica sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Falamos con Isabel Lema, coordinadora xeral de Cuac FM.
A sentenza do TSXG e a contundencia da súa argumentación cumpre todas as vosas expectativas?
Estamos bastante satisfeitos. A resolución do expediente que nos abrira a Xunta anulaba a sanción, recollía a traxectoria de CUAC e recoñecía que sempre actuaramos de boa fe, pero impedíanos volver á FM, o que nos deixaba nunha situación de indefensión absoluta. Eramos un medio de comunicación ao que non se lle deixaba comunicar. Por iso decidimos recorrer a resolución, mesmo sabendo que a maior parte deste tipo de sentenzas son negativas cando te enfrontas a unha administración. Porén, a resolución do TSXG é suficientemente contundente e recoñece que a Xunta vulnerou o dereito de CUAC a comunicar. E o que é máis importante: a sentenza recoñécenos unha autorización provisional de emisión, unha garantía de emisión.
"Había unha emoción contida, que finalmente estoupou: bágoas, berros, moitísima alegría. Especialmente da nosa masa social máis veterana, para quen ser expulsados da FM foi un paso atrás tremendo, porque levabamos 20 anos emitindo nas ondas"
Como foron estes últimos días en CUAC? Cal foi a vosa reacción ao coñecer o ditame? Como foi a asemblea que decidiu o regreso ás ondas e o propio regreso, o sábado?
A decisión da asemblea foi unánime, como podes imaxinar. Había unha emoción contida, que finalmente estoupou: bágoas de ledicia, berros na rúa, moitísima alegría. Especialmente da nosa masa social máis veterana, que leva moitos anos en CUAC e para quen ser expulsados da FM foi un paso atrás tremendo, porque levabamos 20 anos emitindo nas ondas. Sentimos que se fixo xustiza: este é o segundo xuízo que CUAC ten coa Xunta; no primeiro os xuíces preferiron non entrar no fondo do asunto, pero neste caso si entraron aí.
"Volver á FM significa volver estar presente onde sempre estivemos: nos transistores, no coche, nos bares..."
Volver á FM significa volver estar presente onde sempre estivemos: nos transistores, no coche, nos bares... O xoves pola mañá comezou xa a emisión en probas, con nervios cando acendemos o emisor, porque despois dun ano apagado non sabiamos se só se ía escoitar na Zapateira ou se ía chegar ben a toda a comarca. Os cen socios e socias estabamos comprobando se se escoitaba ben nas nosas casas, e a xente pedíalle a amigos que puxesen o 103.4 para comprobar a recepción noutros lugares. Como era festivo, houbo mesmo quen colleu o coche e conduciu por toda a comarca comprobando a recepción. O sábado fixemos un maratón e alí subiron socios e socias, exsocios e exsocias e mesmo outras persoas que viñeron a coñecernos e acabaron participando nos programas.
Asemblea de CUAC que decidiu o regreso da emisora á FM | Cuac FM
Esta sentenza significa que por fin podedes estar tranquilas e tranquilos? Que, máis aló de que a Xunta aínda poida recorrer a decisión do Tribunal Superior, xa non hai risco de que poida obrigar a Cuac FM a marchar das ondas?
Estamos convencidos de que o que di o TSXG ten a suficiente solidez xurídica para manterse mesmo no caso de que a Xunta interpoña un recurso de casación. Non esquezamos que estamos falando da vulneración de dereitos fundamentais. E no caso de que a Xunta recorra, CUAC está disposta a ir ao Tribunal Supremo, ao Constitucional e onde faga falla. Ademais, esta sentenza non elimina todos os obstáculos para os demais, pero si que o van ter un pouco máis doado. Se o que nos pasou a nós sucede con outro medio comunitario en Galicia, este medio estaría protexido por este ditame.
"Para CUAC esta sentenza é moi importante para o seu día a día, pero non está todo gañado. Faltan aínda algúns pasos ata que CUAC teña unha licenza e poida respirar tranquila"
Para CUAC esta sentenza é moi importante para o seu día a día, pero non está todo gañado aínda. Para termos unha licenza non abonda con que a Xunta nola queira outorgar, senón que debe haber un regulamento que está pendente de desenvolver a nivel estatal, debe haber un plan técnico e, finalmente, a Xunta debe convocar un concurso de licenzas específicas para medios comunitarios sen ánimo de lucro. Polo tanto, faltan aínda algúns pasos ata que CUAC teña unha licenza e poida respirar tranquila.
Esa regularización está hoxe máis cerca?
Percibimos por parte dos distintos grupos políticos unha vontade de regularizar esta situación. Agora a pelota está no campo político, CUAC fixo todo o posible para legalizar a súa situación e, de paso, facilitar o camiño para o resto dos medios comunitarios. Somos moi optimistas. Todo isto non tería sucedido se o Goberno fixera o seu traballo a partir do ano 2010, aprobando un regulamento para os medios sen ánimo de lucro. Estamos nunha especie de limbo legal, pero o Tribunal Constitucional xa estableceu en varias sentenzas que o exercicio dun dereito fundamental non poder estar restrinxido pola inoperancia da administración. Nin o Goberno español nin o galego fixeron o seu traballo, pero é que aínda por riba a Xunta abriu un expediente sancionador.
"Estamos nunha especie de limbo legal, pero o Tribunal Constitucional xa estableceu en varias sentenzas que o exercicio dun dereito fundamental non poder estar restrinxido pola inoperancia da administración"
Á vitoria de CUAC únese, ademais, a aprobación da nova Lei do Audiovisual en Andalucía...
O que sucedeu en Andalucía é tamén moi transcendente, porque pasa a recoñecer os medios comunitarios como axentes de comunicación nun réxime de igualdade con outros medios, privados-comerciais e públicos. Estamos cada vez máis preto dun consenso neste tema; en Andalucía, lembremos, a nova Lei foi aprobada mesmo polo PP. O traballo que levamos facendo nos últimos dez anos está dando froitos e callando en todos os ámbitos da sociedade.
"O proceso fortaleceunos: temos máis socios e máis programas que antes e contamos cun apoio social moi importante detrás"
Como sae CUAC FM do proceso vivido nos últimos meses?
O ter chegado ata aquí, o ter saído vitoriosos desta contenda coa Xunta de Galicia é tamén mérito do apoio social que temos, da difusión mediática que tivo o peche e das forzas que recibimos de entidades sociais, partidos, sindicatos, colectivos de xornalistas... Estamos convencidos de que as máis de 3.000 sinaturas que temos no manifesto significaron algo. En ningún momento nos sentimos sós e por iso queremos agradecer isto. Foron un ano, un mes e un día moi longos e moi duros para nós, por non poder comunicar onde levabamos 22 anos comunicando, pero o proceso fortaleceunos: temos máis socios e máis programas que antes e contamos cun apoio social moi importante detrás.