A Coruña, capital europea dos medios de comunicación comunitarios

O estudio de Cuac FM CC-BY-NC Cuac FM

"Non haberá inverno sen unha primavera. Porque non hai un pobo que non ferva de voces, soñemos outro futuro que pague a pena vivir". Representantes de medios comunitarios de toda Europa reuniranse na Coruña do 11 ao 13 de abril no Encontro Europeo de Medios do Terceiro Sector, un evento na que xa está confirmada a presenza de radios e televisións impulsadas pola sociedade de Francia, España, Austria, Dinamarca, Noruega, Irlanda, Suíza, Finlandia, Alemaña e Finlandia. Concorrerán representantes das principais redes europeas, coma o SNRL francés, a CRAOL de Irlanda, a Närradions Riksorganisation de Suecia, a Verband Freier Radios Österreich -VFRÖ de Austria, a Bundesverband Freier Radios de Alemaña, a UNIKOM Union nichtkommerzorientierter Lokalradios de Suiza, a Sammenslutningen Af Medier i Lokalsamfundet – SAML de Dinamarca, a Turun Lähiradioyhdistys ry de Finlandia ou a Norsk Lokalradioforbund de Noruega, entre outras. Tan só estas redes representan 1.104 medios comunitarios.

O encontro está organizado pola Rede de Medios Comunitarios (ReMC), que agrupa 40 medios do Estado Español, e que en paralelo coa cita europea tamén celebrará na Coruña a súa asemblea xeral. Ademais, tamén o Consello Europeo da Asociación Mundial de Radios Comunitarias (AMARC) celebrará a súa primeira reunión anual na cidade herculina nestas datas. AMARC agrupa 4.000 membros e asociados en máis de 130 países e AMARC-Europa traballa activamente coas institucións da Unión Europea en distintas materias, como a alfabetización mediática, a democratización dos sistemas de medios europeos ou a protección das linguas minoritarias.

Celebrarase en Normal e o prazo de inscrición para as persoas que desexen participar ábrese o vindeiro luns, 10 de febreiro e pecharase o 11 de marzo, ainda que xa se recibiron solicitudes por parte de máis de 20 proxectos. O evento concíbese como unha xornada de intercambio de experiencias e aprendizaxe na que os participantes se poñen ao corrente das innovacións, os avances e as problemáticas que afectan á súa actividade, neste caso aos medios de comunicación social. Durante o encontro terán lugar, ademais, obradoiros formativos e sesións de intercambio de experiencias coas redes europeas. O congreso está aberto a calquera medio de comunicación de carácter comunitario que queira participar, e tamén a movementos sociais, profesorado e estudantado, persoal investigador, pasando por persoas interesadas na socioloxía ou no dereito da comunicación.

 

"Non haberá inverno sen unha primavera"

"Non haberá inverno sen unha primavera. Porque non hai un pobo que non ferva de voces, soñemos outro futuro que pague a pena vivir"

A cita, impulsada polos responsables de CuacFM, vén precedido dun vídeo de presentación que, cun estilo épico, destaca que "Non haberá inverno sen unha primavera. Porque non hai un pobo que non ferva de voces, soñemos outro futuro que pague a pena vivir". Os medios de comunicación comunitarios caracterízanse por non ter ánimo de lucro, por estar xestionados por un colectivo cidadán, pola súa xestión participativa e horizontal e por ter un obxectivo de servizo á cidadanía e da sociedade civil da que parte. A propia Cuac FM define o seu obxectivo como "dar voz a aqueles que non a teñen", e máis aló de que esta premisa poida soar simple ou inxenua, o certo é que as emisoras comunitarias cumpren ese papel tan necesario de acceso democrático, que supón entregarlles aos colectivos e persoas individuais espazos e tempos para que expresen o que queiran expresar.

O encontro aínda está ultimando a definición dos seus contidos, pero hai varios temas nos que quere afondar, a través de obradoiros, que serán moderados e coordinados por algúns dos responsables dos medios comunitarios participantes. Haberá, por exemplo, un Obradoiro de Xénero, dinamizado pola Comisión de Mulleres da ReMC), e que tratarán sobre o uso de linguaxe non sexista nos medios de comunicación e a utilización da linguaxe inclusiva como unha estratexia para a visibilización das mulleres nos medios. Está prevista tamén a celebración dun Obradoiro de Formación, un Obradoiro de Incidencia, que analizará as estratexias para conseguir unha maior incidencia social desde os medios comunitarios.

Igualmente, celebrarase un Obradoiro de Trello, unha aplicación gratuíta que axuda a organizar o traballo, un Obradoiro de Facilitación, un Obradoiro de Xornalismo e un Obradoiro de Financiamento Europeo, dinamizado por Sally Galiana e Agus Hernán (AMARC-Europa), que explicarán as novas condicións e requisitos necesarios para propor un proxecto no marco do programa europeo Erasmus+. Todo co obxectivo de mellorar o funcionamento, a incidencia e o impacto duns medios nacidos dende abaixo, dende a sociedade, e nos que a través das súas ondas pódese escoitar como vai chegando a primavera.

O estudio de Cuac FM CC-BY-NC Cuac FM

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.