Unha sanción da Xunta obriga a Cuac a deixar de emitir en FM despois de 21 anos

Imaxe de parte do equipo de Cuac FM en 2014 © CUAC FM

Os socios e socias de CUAC FM decidiron este xoves cesar as emisións en FM (no 103.4) desta radio comunitaria coruñesa, despois de 21 anos en antena. O motivo é a recepción, hai uns días, dunha notificación de sanción por parte da Xunta de Galicia, que podería multar a entidade con entre 100 mil e 200 mil euros por emitir “sen dispor da correspondente licenza”. A asemblea que xestiona a radio, unha das máis consolidadas de todo o Estado, decidiu abandonar a emisión en FM, mantendo a súa actual actividade en Internet, tanto en streaming coma en podcast.

"Hoxe é Cuac FM, mañá poderá ser calquera outro espazo de comunicación social"

A asemblea de Cuac FM fai un chamamento "a todos os axentes sociais, colectivos, asociacións e persoas individuais" para que "nos axuden a defender o seu dereito a unha comunicación libre, democrática e plural". "Hoxe é Cuac FM, mañá poderá ser calquera outro espazo de comunicación social", engaden. Agradece o apoio que dende hai máis de dúas décadas ven emprestando a Universidade da Coruña e anuncia que nas vindeiras semanas levará a cabo "unha estratexia de defensa do dereito a comunicar da cidadanía, tanto no eido xurídico, coma no político e no social", para o cal mobilizará "todos os seus recursos materiais e humanos, na convicción de que o único xeito efectivo de defender os dereitos humanos é a través do seu exercicio".

Nas vindeiras semanas a emisora levará a cabo "unha estratexia de defensa do dereito a comunicar da cidadanía, tanto no eido xurídico, coma no político e no social"

Chama especialmente a atención que o Goberno galego escollese precisamente este momento para denunciar a actividade da emisora cando -como lembran os seus responsables- "nestes 21 anos de servizo á comunidade Cuac FM nunca recibiu ningún comunicado, queixa ou notificación de ningún tipo respecto da súa actividade, e nunca interferiu nin prexudicou a emisión de ningunha outra estación de radio en Galicia". Tendo en conta ademais que "a Xunta de Galicia ten constancia da existencia de Cuac FM dende antes de comezar as súas emisións, o 27 de marzo de 1996" e que "as relacións desta emisora coa Secretaría Xeral foron numerosas"

"Cuac solicitoulle á Secretaría Xeral de Medios en reiteradas ocasións a reserva de espazo radioeléctrico para servizos de comunicación comunitario sen ánimo de lucro, e licenzas -aínda que fosen provisionais- para salvagardar a actividade das poucas emisoras libres comunitarias que existen en Galicia", destacan. A emisora pon de novo sobre a mesa a demanda de que a Xunta e o Estado central cumpran a Lei Xeral de Comunicación Audiovisual 7/2010 que recoñece, no seu artigo 4º, aos medios comunitarios coma un dereito da cidadanía, e que establece na súa Disposición Transitoria 14 o dereito dos servizos de comunicación audiovisuais comunitarios de radio e televisión preexistentes, que emitían antes do 1 de xaneiro do 2009, a acceder a licenzas ou autorizacións no ámbito de cobertura no que viñan prestando a súa actividade.

Porén, nas súas últimas convocatorias para a concesión de licenzas de emisión o Goberno galego ignorou a norma aprobada en 2010, pechando a porta expresamente ás emisoras sen ánimo de lucro. "O Estado incumpre de xeito reiterado o mandato de desenvolvela regulamentariamente pese ao recordatorio que en 2012 fixo a oficina do Defensor del Pueblo nese sentido", lembra Cuac. A emisora tamén salienta que "o dereito de existencia dos medios comunitarios está maioritariamente apoiado polo Congreso". Tal apoio manifestouse o pasado 21 de xuño coa aprobación por parte de todos os partidos (co único voto en contra do PP) dunha Proposición Non de Lei que insta o Goberno a “regular el otorgamiento de autorizaciones temporales a Servicios de Comunicación comunitarios radiofónicos y televisivos que estuvieran en funcionamiento con anterioridad al 1 de enero de 2009”. Tamén o pleno municipal da Coruña aprobou en 2016 unha moción que pedía a protección dos servizos de comunicación comunitaria, especialmente a Cuac FM

A emisora pon de novo sobre a mesa a demanda de que a Xunta e o Estado central cumpran a Lei Xeral de Comunicación Audiovisual de 2010

A radio comunitaria da Coruña iniciou as súas emisións o 27 de marzo de 1996 e nestes 21 anos e medio puxo en antena 452 programas, realizados por máis de 1.200 persoas e centos de asociacións, colectivos e centros educativos.

 

Gravación de 'A Radio no Barrio', hai uns meses en Monte Alto © CUAC FM
Imaxe de parte do equipo de Cuac FM en 2014 © CUAC FM
Captura da información emitida pola TVG en 1996 sobre o nacemento de Cuac FM © TVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.