Así soaba Castelao: o Consello da Cultura recupera a única gravación coñecida da súa voz

Intervención de Castelao e imaxe da fonopostal enviada polo rianxeiro en 1941 © Montaxe: CCG / Praza.gal

Castelao non puido asistir á estrea en Montevideo de Os vellos non deben de namorarse o 8 de outubro de 1941. Así que enviou un discurso a través dunha fonopostal, que se emitiu no teatro antes da representación

O 8 de outubro de 1941 representouse no Teatro Solis de Montevideo a obra Os vellos non deben de namorarse, que xa se estreara o 14 de agosto dese ano no Teatro Mayo de Bos Aires. Castelao non puido acudir a esta segunda estrea da súa obra, pero enviou -a través dunha fonopostal- un discurso gravado, a xeito de saúdo á colectividade galega presente, que foi emitido no teatro minutos antes da representación.

Agora o Consello da Cultura Galega vén de publicar na rede a gravación, que foi recuperada dixitalmente o pasado mes de decembro. A súa importancia radica en que se trata do único rexistro coñecido da voz de Castelao. 

“Amigos, apenas separado de vós por un tabique non estou presente, pero creo que vos oio e que vós oídes o latexo da miña ansiedade. Xa sei que as creacións do espírito non se adaptan á fronteiras da nación e que as obras de arte voan como os paxaros por enriba das fronteiras”, comeza o discurso, realizado en castelán, no que reivindica que as obras de arte levan impresas o cuño dunha nacionalidade e define que esta obra “foi imaxinada para regalía do pobo galego”.

“Amigos, apenas separado de vós por un tabique non estou presente, pero creo que vos oio e que vós oídes o latexo da miña ansiedade. Xa sei que as creacións do espírito non se adaptan á fronteiras da nación e que as obras de arte voan como os paxaros por enriba das fronteiras”, comeza o discurso

O Consello da Cultura acompaña a publicación deste valioso audio, enmarcada na celebración do 75 cabodano de Castelao, dun artigo de Xaime Estévez, profesor do conservatorio superior de música de Vigo e membro do Arquivo Sonoro de Galicia, que pon en contexto este rexistro sonoro. 

Esta gravación, que ficou rexistrada nun disco de lousa, fora rexistrada polo rianxeiro na Central de Correos de Bos Aires. Estévez destaca que as fonopostais, “un curioso procedemento promovido polo servizo de correos arxentino desa época”, foron moi populares a partir de 1939. 

Hai que pensar que a gravación permitía o envío de mensaxes a calquera persoa que non soubese ler ou escribir. Tan só entre 1942 e 1943 calcúlase que circularon uns 200 mil discos a través deste sistema. Os discos recibidos por este medio podían reproducirse sen problema en calquera gramófono e, ademais, permitían que se gravase a resposta na outra cara e enviala tamén do mesmo xeito no punto de destino.

A representación de Os vellos non deben de namorarse en Montevideo foi realizada por un grupo de actores galegos da Compañía Galega Maruxa Villanueva, entre eles Fernando Iglesias, Tacholas

A representación de Os vellos non deben de namorarse en Montevideo estivo a cargo dun grupo de actores galegos integrantes da Compañía Galega Maruxa Villanueva, dirixida por Manuel Varela Buxán, quen contaron coa colaboración directa de Castelao mesmo no deseño da escenografía.

Un dos actores foi Fernando Iglesias, "Tacholas" (Ourense, 25/8/1909 - Bos Aires, 14/5/1991), que foi precisamente quen facilitou a incorporación da fonopostal ao Arquivo Sonoro de Galicia, permitindo que pase a formar parte do patrimonio cultural galego.

Castelao, preparando carautas para 'Os vellos non deben de namorarse', nunha fotografía dedicada a Tacholas en 1941 Dominio Público Imaxe conservada pola AS-PG

Tacholas conservou esta gravación de Castelao, que a finais dos anos 90 chegou a Galicia a través da súa filla, a petición de Afonso Vázquez-Monxardín

No texto que acompaña á publicación do audio, Estévez explica que "existen informacións concretas (Luís Pérez, Ediciós do Castro, 1996) de que xa en 1971 chegou ese documento a Galicia e de que, polo menos, había a intención de facilitarlle unha copia a Isaac Díaz Pardo para o Museo Maside, pero non se pode confirmar este feito". 

E engade que, en todo caso, a finais dos anos noventa Afonso Vázquez-Monxardín, promotor do Arquivo Sonoro de Galicia, conseguiu contactar persoalmente en Bos Aires coa filla de Tacholas, Clotilde, coa que chegou a un acordo para o traslado definitivo do documento a Galicia e para a súa custodia e conservación definitiva no Arquivo Sonoro. A dixitalización foi levada a cabo pola empresa Audiorestauración.

Mítin pro Estatuto con Castelao no teatro Tamberlick (Vigo). Imaxe coloreada dixitalmente © CCG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.