"Temos que celebrar a Castelao porque é o home que nos fixo e nos fará sempre mellores", asegura Miguel Anxo Seixas Seoane, presidente da Fundación Castelao
"Temos que celebrar a Castelao porque é o home que nos fixo e nos fará sempre mellores", asegurou Miguel Anxo Seixas Seoane, presidente da Fundación Castelao, este martes no acto cívico polo 75 cabodano do intelectual, político e creador galego que morreu no exilio en Bos Aires o 7 de xaneiro de 1950. Un encontro que reuniu a representantes da Xunta, co conselleiro de Cultura, José López Campos, á cabeza; ao presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices; á alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; ao presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; á presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez Blanco; e á presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada Vázquez. "Castelao convócanos sempre e únenos a todos", celebrou Seixas Seoane.
Miguel Anxo Seixas Seoane, que interviu en representación das tres entidades convocantes –a Fundacion Castelao, o Museo do Pobo e o CCG–, sinalou que Castelao foi un "persoeiro polifacético que sempre tentou conectar co pobo. Sentiu a voz desas xentes, debuxou para elas, escribiu para elas e deulles dignidade ao trasladar á prensa os seus rostros e os seus pensamentos na serie de humor Cousas da vida". Motivos, entre outros, polos que –destacou– "o pobo galego lle outorgou a súa máxima estima e escolleuno como un dos seus símbolos".
"Temos que celebrar a Castelao porque nos fai mellores persoas", incidiu o presidente da fundación que leva o seu nome neste acto que marca o inicio do Ano Castelao. O conselleiro de Cultura puxo en valor na súa intervención o papel de Castelao no autogoberno do país e dixo que "é un símbolo indiscutible da Galicia demócrata". O presidente da Deputación da Coruña apuntou que "a súa figura é contemporánea e universal e convoca e une a todos os galegos e as galegas".
No seu 75 cabodano, salientaron que Castelao foi un "persoeiro polifacético que sempre tentou conectar co pobo"
Pola súa banda, a alcaldesa de Compostela lembrou que "Castelao foi médico por amor á humanidade e fixo que Santiago fose unha cidade de fonda raigame nacionalista", ao tempo que indicou que non é só un "exercicio de recoñecemento do pasado senón tamén para o futuro".
A canción tradicional Fuches ti abriu o acto de homenaxe, conducido pola poeta e patroa da Fundación Castelao Noelia Gómez, que contou tamén coa música da soprano Beatriz Riobó Agulla, a frauta de Fernando Raña Barreiro e a arpa de Alba Barreiro Mariño.
Ademais do Himno Galego, interpretaron, en honor a Castelao, varias cancións populares adaptadas polo compositor Juan Durán, así como unha das pezas preferidas do narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante, médico e político galego, a Foliada de Negreira. Este martes tamén soou en San Domingos de Bonaval Lela, unha canción icónica da cultura galega, parte da obra de Castelao Os vellos non deben de namorarse.
"Non te podes postular a ser símbolo de Galicia, escóllente", sinalaba Miguel Anxo Seixas Seoane en conversa con Praza con motivo da publicación na Editorial Galaxia do terceiro volume da antolóxica biografía de Castelao que publicou a partir da súa tese de doutoramento no grupo de investigación Histagra da Universidade de Santiago de Compostela.
"Castelao é unha liña recta"
O presidente da Fundación Castelao argumentaba así a súa fascinación co político de Rianxo: "Hai persoas que teñen altos e baixos, pero Castelao é unha liña recta. Ves que unha vez que toma un posicionamento, sempre é recto. É un exemplo dun grande intelectual, cunha gran calidade como persoa, e ao mesmo tempo, é un gran pensador, un home de acción, un gran debuxante... E unha persoa á que, ademais, eticamente non hai nada que reprocharlle. É honesto. Ten unha integridade que non teñen outros personaxes. Penso que só se lle podía comparar Alexandre Bóveda. O de Bóveda é admirable porque deu a vida, non entra na farsa nin na mentira. Eticamente, a actitude de Bóveda é insuperable, pero Castelao dá a vida doutra maneira. Ten un comportamento moi valente e irreprochable".
"Xunto con Rosalía de Castro, Castelao é o primeiro referente da galeguidade. Rosalía no século XIX. Castelao no XX", salienta Víctor F. Freixanes
Membro de número da Real Academia Galega, a institución dedicoulle en 1964 a Castelao o segundo Día das Letras Galegas. No 75 aniversario do seu pasamento, a RAG súmase ás celebracións que honran a súa figura e o seu legado estreando un novo sitio web no que irá incorporando, ao longo deste Ano Castelao, distintos fondos que custodia relacionados con quen é "sen dúbida a gran figura política e cultural da Galicia contemporánea".
"Xunto con Rosalía de Castro, Castelao é o primeiro referente da galeguidade. Rosalía no século XIX. Castelao no XX", salienta Víctor F. Freixanes. O presidente da Academia recoñece que "moi poucas personalidades concitan tanto recoñecemento e adhesión como Castelao".
Mentres Castelao viviu no obrigado desterro, a RAG non declarou vacante a súa cadeira, en recoñecemento ao seu legado e á súa significación. Tras o seu pasamento, conservou viva a súa memoria e neste Ano Castelao volve poñer o foco no seu pensamento, que continúa a ser guieiro. O seu non lle poñades chatas á obra namentres non se remata. O que pense que vai mal, que traballe nela. Hai sitio para todos, plasmado no álbum Nós (1920), segue vixente un século despois, subliña Freixanes.