Un acto cívico na súa tumba no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres o 7 de xaneiro dará inicio ás homenaxes que as entidades organizadoras presentan como "diversas e estendidas por todo o país"
San Domingos de Bonaval acollerá o vindeiro 7 de xaneiro, coincidindo co 75 cabodano de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, un acto cívico co que se abrirá un ano de celebracións arredor da figura de quen vén de ser recoñecido de forma simbólica como primeiro presidente da autonomía política do país. Unhas celebracións que foron presentadas este venres no Consello da Cultura Galega como "diversas e estendidas por todo o país".
"É unha excelente oportunidade para chamar a atención sobre aspectos da vida de Castelao menos coñecidos, ou sobre todo pola súa relación coa sociedade que o rodeou e os procesos de construción da memoria levados a cabo desde a súa morte” apuntou a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, na presentación duns actos coordinados entre diversas entidades de todo o país como o Parlamento, a Xunta, as catro deputacións, as tres universidades, a Real Academia Galega, varios museos e os concellos de Rianxo, Santiago e Pontevedra.
A programación arrinca co acto cívico que a Fundación Castelao celebra cada 7 de xaneiro, día en que Castelao finou en Bos Aires. Unha ofrenda floral, diferentes intervencións e un acto musical compoñen esta apertura. "Convocamos á cidadanía a que asista a celebrar esta efeméride tan destacada" anunciou Miguel Anxo Seixas, presidente da fundación Castelao.
O acto no Panteón de Galegos Ilustres non será o único acto institucional, xa que o concello de Rianxo tamén celebrará a súa tradicional ofrenda, o 1 de febreiro, diante do busto de Castelao.
Fondos dixitais
A figura e obra de Castelao terá un protagonismo especial na rede. Alén do sitio web creado para centralizar a programación (www.castelao2025.gal), que estará aberto a partir do 1 de xaneiro, os espazos web das diferentes entidades participantes reservarán un apartado específico para difundir fondos propios.
O Consello da Cultura Galega, a través dos seus arquivos documentais, publicará cada mes do ano 2025 coleccións documentais que permitirán coñecer aspectos menos visibles da súa biografía, así como diferentes proxectos de conmemoración da súa figura e o seu destacado papel na construción da Galicia moderna. Ademais, en xaneiro arrincarán cun amplo especial que estará en permanente actualización.
A RAG abrirá unha sección no seu web desde a que se que divulgarán os fondos bibliográficos, hemerográficos e fotográficos relacionados con Castelao que posúe. Tamén incluirán doce pezas destacadas comentadas por membros da RAG e doutras personalidades da cultura.
Ademais, o Museo de Pontevedra permitirá explorar a colección propia que ten arredor da súa figura. Máis de 1.800 obras que nos achegan principalmente á súa faceta como artista, que non se pode desvincular da condición de escritor e político galeguista. Ademais, no web pódense consultar roteiros por Pontevedra, Rianxo e A Habana, lugares destacados na biografía de Castelao.
Exposicións
Son numerosas as mostras que se sucederán en diferentes puntos do país e que xa comezaron a súa andaina. O Museo do Pobo acolle actualmente a exposición 75 cabodano da sinatura de As cruces de pedra na Galiza, que permanecerá ata o 28 deste mes de decembro para despois trasladarse ao Museo de Lugo. Seguiralle Castelao: o retorno a Galicia, 1984. Xan Carballa, fotografías, comisariado por Xosé Enrique Acuña que procede do Museo de Pontevedra e que despois continuará a súa itinerancia en Lugo.
Precisamente o Museo de Pontevedra, que custodia unha parte importante do legado de Castelao, reforzará en 2025 o programa de visitas guiadas na sala específica que o museo ten dedicado á súa memoria.
O Concello de Rianxo abrirá o venres 17 de xaneiro a exposición Os Homes, por Castelao, na colección Roberto Taboada, que xa se puido ver no Barbanza no Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital, situado en Ribeira. Tamén está en marcha a exposición itinerante Castelao hoxe.
O Museo Provincial de Lugo abrirá en xaneiro o proxecto Castelao de Sempre en Galiza ao Consello de Galiza (1934 – 1944) comisariado por Henrique Monteagudo Romero. En colaboración coa Cátedra Castelao da USC, Editorial Galaxia e Fundación Penzol.
Actos académicos
O Museo Provincial de Lugo celebrará en febreiro dous actos académicos. Dunha banda a conferencia Castelao e as cruces de pedra, os comezos da investigación científica sobre os cruceiros (20 de febreiro ás 19:00 h) a cargo de Fernando Arribas Arias. Da outra, a II Xornada dedicada á vixencia de Castelao na arte e no pensamento galego coordinada por Pilar García Negro e Aurelia Balseiro García con relatorios de Francisco Rodríguez, Miguel Anxo Seixas, Iria-Friné Rivera, Mª Victoria Carballo Calero e Diana Vila Meis (28 de febreiro).
O 16 deste mes de xaneiro, o Consello da Cultura Galega celebrará unha xornada que aborda a conexión entre dúas figuras centrais na configuración da identidade cultural galega: o gaiteiro de Soutelo e Castelao, a cargo de Siro López e do investigador Rubén Troiño. No outono, organizará o simposio Nos 75 anos da morte de Castelao: política, exilio e nación coordinado por Luís Domínguez. A finais de xuño tamén desenvolverá unha actividade en Bos Aires.
Do audiovisual ás artes escénicas
Son varios os proxectos creativos que, ben de nova creación, ben recuperados, parten da figura de Castelao. O Museo de Pontevedra acolle a proxección de Castelao: de chumbo a verba un documental ficcionado en que se mestura a época actual, os anos centrais da vida de Castelao e imaxes de arquivo para axudar a entender o seu pensamento e a súa dimensión cultural e política. Está dirixido por Miguel López con Miguel Pernas, Uxía Blanco e Iago Novoa no elenco.
No Concello de Rianxo están programados no mes de xaneiro diferentes espectáculos que vinculan coa figura de Castelao. A Merendola Desconcertante, por deBiselas Cuartet (sábado 18), que fusiona as músicas dun cuarteto de frautas con imaxes e textos de, entre outros, Castelao. Tamén desde Rianxo se presentará en breve unha serie de visitas teatralizadas así como un concerto e un concurso escolar. En Rianxo terá lugar unha nova edición de No bico un cantar proxecto do CCG e das consellerías de Educación e Cultura, no que un gran coro de nenos e nenas procedentes de toda Galicia cantará pezas de Castelao.
Outras actividades
No marco da presentación tamén se anunciou que a Cátedra Castelao que dirixe Henrique Monteagudo fará público o epistolario que o intelectual mantivo con Rodolfo Prada. Ademais, o presidente da Real Academia de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo, anunciou que se está a traballar en diferentes ámbitos no marco da declaración de Castelao como figura homenaxeada no Día das Artes Galegas.