Unha ducia de momentos do regreso dos restos de Castelao a Galicia en 1984
Este ano celébrase o 40º aniversario do retorno a Galicia dos restos de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Con ese motivo, o Museo de Pontevedra organizou Castelao: o retorno a Galicia, 1984. Xan Carballa, fotografías, unha exposición comisariada por Xosé Enrique Acuña que se pode visitar ata o 2 de xuño, na que se lembra aquel 28 de xuño de 1984 a través de 52 imaxes de Xan Carballa para o semanario A Nosa Terra. Son unha excelente mostra do xornalismo gráfico da transición e constitúe unha gran crónica visual dos actos que se desenvolveron no aeroporto da Lavacolla, os exteriores de San Domingos de Bonaval e o interior do Panteón de Galegos Ilustres. Velaquí unha ducia de momentos daquela xornada a través do obxectivo de Carballa.
-
01
Chegada do féretro á Lavacolla
O avión de Iberia que viña de Bos Aires cos restos de Castelao chegou ao aeroporto de Santiago de Compostela ás 20 h do 28 de xuño de 1984, despois dunha demora en Madrid por ameaza de bomba. Persoal de Iberia e dunha funeraria encargouse dos primeiros pasos do féretro de Castelao pola pista da Lavacolla.
-
02
Un catafalco improvisado
Na propia pista do aeroporto improvisouse un catafalco para colocar o ataúde. A entrada aos actos na Lavacolla quedou limitada por parte das autoridades ás representacións oficiais, á familia de Castelao, persoas convidadas (incluíndo unha representación da veciñanza de Rianxo) e medios informativos.
-
03
A bandeira do Consello de Galiza
O presidente da Xunta, Xerardo Fernández Albor, e o presidente do Parlamento de Galicia, Antonio Rosón, máximas autoridades autonómicas, colocaron sobre o cadaleito a mesma bandeira galega, a do Consello de Galiza, que o cubrira cando foi enterrado no panteón do Centro Gallego de Bos Aires, no cemiterio de Chacarita, o 9 de xaneiro de 1950.
-
04
Encontro de Tereixa co seu irmán
Tereixa Castelao asina na mesma pista do aeroporto da Lavacolla a acta oficial de recepción do corpo do seu irmán.
-
05
Concentración do PCG no exterior do aeroporto
No exterior do aeroporto concentrábase un grupo convocado polo Partido Comunista de Galicia. Ao saber que non poderían entrar, a protesta intensificouse no momento en que a comitiva fúnebre saía cara a Bonaval.
-
06
En Bonaval agardaban os nacionalistas
O atraso da chegada do avión fixo que a espera de quen agardaba na entrada de Bonaval se fixese aínda máis longa que na Lavacolla. O deputado Bautista Álvarez, que aparece nesta imaxe entre dous policías, acababa de ser expulsado do Parlamento de Galicia. Nesta xornada resultaría ferido pola policía.
-
07
Camilo Nogueira
Camilo Nogueira, no centro, foi naquela xornada obxectivo dalgúns dos berros dos manifestantes, por ser promotor da iniciativa de retorno dos restos de Castelao. Outros deputados, xornalistas e persoas convidadas foron alcanzados por ovos que se lanzaron durante a protesta.
-
08
Detencións en Bonaval
No exterior de Bonaval producíronse diversas cargas policiais tras desbordárense algúns dos cordóns de seguridade. Na imaxe, a poeta Xaquina Trillo, á esquerda, observa unha das detencións que se produciron por parte da Policía.
-
09
Retransmisión en directo por televisión
A escolta policial foi reforzada en todo o traxecto ante o gran número de persoas implicadas nos actos de protesta. As cámaras de TVE-Galicia cubriron en directo todos os actos e espazos do retorno dos restos de Castelao á súa terra.
-
10
A chegada de Castelao a Bonaval
Entre aplausos e vivas de moitas das persoas asistentes, o corpo do líder galeguista subiu as escaleiras de Bonaval nun féretro portado por policías municipais de Santiago de Compostela co uniforme de gala, buscando darlle solemnidade ao acto.
-
11
O funeral no Panteón dos Galegos Ilustres
As máximas autoridades de Galicia, Fernández Albor e Antonio Rosón, ocuparon un lugar sobranceiro durante a misa funeral. Rouco Varela, que tomaría posesión como arcebispo de Santiago, encargouse da beizón católica ao féretro.
-
12
O sartego no que descansa Castelao
O sartego de pedra do Panteón dos Galegos Ilustres agardou aberto ata o momento no que se introduciu o cadaleito de Castelao, e no que repousan os seus restos desde entón.