Parlamento, Xunta, Consello da Cultura, universidades, deputacións, entidades culturais e tres concellos propóñense deseñar unha "celebración plural e diversa" en torno a "unha personalidade irrepetible, de alta transcendencia na historia contemporánea" do país
"Unha ocasión propicia para celebrar a vida e a obra dunha personalidade irrepetible e de tan alta transcendencia na historia contemporánea de Galicia". A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, define deste xeito a oportunidade que a institución albisca na conmemoración do 75 cabodano de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
O 7 de xaneiro de 1950 faranse setenta e cinco anos do pasamento do político e artista, clave en feitos históricos como a aprobación do primeiro Estatuto galego. Este 7 de novembro o CCG acolleu a primeira xuntanza da comisión que organizará as conmemoracións na que pretende ser, din, unha "celebración plural e diversa, aberta a toda a cidadanía".
Ademais do CCG, que exerceu como anfitrión, a comisión bota a andar con representantes das dúas principais institucións políticas do país, o Parlamento e a Xunta, así como as catro deputacións e as tres universidades públicas. A Fundación Castelao, a Real Academia Galega, a Real Academia Galega de Belas Artes e o Museo do Pobo Galego tamén participarán no deseño dunha programación na que colaborarán os concellos de Pontevedra, Santiago e Rianxo.
Cun programa aínda por definir e unha comisión aínda "aberta á incorporación doutras entidades", desta primeira xuntanza sae xa a data dunha primeira homenaxe. Celebrarase o 7 de xaneiro no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, a xeito de apertura dunhas "celebracións que se sucederán ao longo de todo o ano".
Nesta liña, o pasado mércores no Parlamento o conselleiro de Cultura, José López Campos, avanzou a intención do Goberno de declarar o 2025 como Ano Castelao de acordo cos grupos parlamentarios. Será, defende, "a oportunidade de celebrar a unión de todos os galegos e galegas cun gran pacto ao redor da nosa cultura, simbolizada nunha das figuras clave da nosa identidade".