Miguel Anxo Seixas, presidente da Fundación Castelao, foi o encargado de recoller este luns, de mans do presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, a Declaración de Reparación e Recoñecemento Persoal para o político e escritor galego.
Castelao foi un dos 18 persoeiros recoñecidos este luns no 'Día de Recordo e Homenaxe a todas as vítimas do golpe militar, a Guerra e a Ditadura'
Foi no acto celebrado co gallo do Día de Recordo e Homenaxe a todas as vítimas do golpe militar, a Guerra e a Ditadura celebrado no Auditorio Nacional de Música de Madrid. Unha xornada na que se homenaxeou e recoñeceu a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, de quen se destacou o seu labor de "ensaísta, novelista, dramaturgo, debuxante, médico e político" e o estar "considerado como un dos pais do nacionalismo e da narrativa en galego".
"Escribiu en numerosas publicacións antes de ser elixido deputado en Cortes na Segunda República, primeiro como galeguista independente e logo pola Fronte Popular", destacaron os condutores do acto, os xornalistas Aimar Bretos e Lourdes Maldonado, antes de que Seixas recibise o diploma de recoñecemento a Castelao, de quen gabaron tamén ter sido o "impulsor do Consello de Galicia" en Buenos Aires e "formar parte do goberno republicano no exilio". "A súa obra foi declarada Ben de Interese Cultural inmaterial", concluíse.
A Lei de Memoria Democrática impulsada polo Executivo de Sánchez estableceu o 31 de outubro como o día de recordo e homenaxe a todas as vítimas do golpe de Estado de 1936, a guerra posterior e a ditadura franquista, ao ser a data na que en 1978 se aprobou a Constitución e na que, en 2007, se aprobou a Lei de Memoria Histórica. O feito de que este ano coincidise coa sesión das Cortes na que a princesa de Asturias xurará a Constitución, o acto adiantouse a este luns.
Feijóo rexeitou o convite para acudir a un acto que homenaxeou a Castelao, a quen se lle recoñeceu como "un dos pais do nacionalismo e da narrativa en galego"
Nel, Pedro Sánchez e mais o ministro da Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática en funcións, Félix Bolaños, entregaron as 18 Declaracións de Reparación e Recoñecemento Persoal, entre as que se incluíu a de Castelao. No acto non estivo presente o ex-presidente da Xunta e actual líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, logo de rexeitar o convite trasladado polo Executivo de España, segundo informa Antonio Ruiz Valdivia en infoLibre. Tamén desbotaron acudir a presidenta da Comunidad de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, ou o alcalde madrileño José Luis Martínez-Almeida.
O acto —do que se celebrou a segunda edición e xa fora boicoteado polo Partido Popular na primeira— serviu tamén para reivindicar a Lei de Memoria Democrática agora que vén de facer un ano da súa aprobación, lexislación que Feijóo e o PP prometeron derrogar no caso de chegar á Moncloa.
Ademais de Castelao, entre os outros homenaxeados incluíronse o gran narrador en catalán Salvador Espriu; Gabriel Aresti, un dos escritores en éuscaro máis importante; Manuela Saborido, artista e referente da loita do colectivo LGTBI; o ex-alcalde de Madrid Pedro Rico López; a escritora e intelectual María Teresa León Goyri; ou Conchita Grangé, membro da Resistencia francesa. Tamén se homenaxeu a dirección de CCOO condenada no Proceso 1001, con duras penas de prisión pola súa oposición ao franquismo.
"As súas vidas por fin alcanzan o recoñecemento da sociedade española", dixo Teresa Alberti, sobriña de María Teresa León e Rafael Alberti, que agradeceu o recoñecemento en nome dos 18 homenaxeados. "Temos un país capaz de debuxar unha imaxe máis clara e completa do noso pasado. Despois de moito tempo, prevalece a verdade, a xustiza e o deber de memoria", asegurou.
Pouco despois, foi o presidente do Executivo central, Pedro Sánchez, quen aludiu ao recoñecido verso de Celso Emilio Ferreiro para advertir de que "a longa noite de pedra vai tocando á súa fin" e adiantar que o Goberno seguirá "retirando símbolos contrarios á democracia" e distincións e honras "incompatibles" cos valores democráticos, así como "resignificando" lugares que fan apoloxía ou defensa da ditadura, apoiando e colaborando nas exhumacións de milleiros de represaliados e nacionalizando persoas exiliadas.
"A longa noite de pedra vai tocando á súa fin", dixo Sánchez, que defendeu a lei de memoria como "unha lei e unha cuestión de Estado"
Sánchez aclarou que recoñecementos como o de Castelao pretenden que el e outros persoeiros "deixen de habitar recunchos ocultos da historia de España". "Que ninguén se atreva a dicir que non paga a pena escarvar na terra para rescatar a memoria esquecida que xace baixo os nosos pés", dixo tras destacar as "biografías que impresionan" das persoas recoñecidas no acto e que foron, como tantas "anónimas", "condenadas por un relato inxusto".
Ademais, Sánchez aproveitou para defender a Lei de Memoria Democrática porque é "unha lei e unha cuestión de Estado que non concirne unha ideoloxía particular". "É incomprensible que alguén non o asuma como propio", insistiu, tras advertir da "suma ignorancia" que supón "dicir que a lei é sectaria ou vingativa".
E anunciou que o executivo dedicará "máis esforzos" á "divulgación da nosa historia para que os nosos fillos e netos coñezan o pasado" de España. "Xa non se poderá dicir aquilo de que 'non chegamos á Guerra Civil na clase de Historia", manifestou.
No acto estivo tamén presente a vicepresidenta e ministra de Traballo, a galega Yolanda Díaz, que nas súas redes sociais destacou o recoñecemento a Castelao, "figura histórica do país" que "traballou pola aprobación do Estatuto de autonomía de Galicia, por un país máis democrático e plural". "Morreu no exilio, como tantos outros galegos e galegas", rematou.