'Nós' e os álbums da guerra de Castelao: artes e letras "liberadoras" e "denuncia da barbarie do fascismo"

Fragmento da portada da edición facsimilar de Nós e dos álbums de Guerra de Castelao, publicada por Akal © Akal

A coidada edición facsimilar conta co prólogo de Carmen Blanco ("Castelao e Nós. Álbum de artes e letras liberadoras") e Claudio Rodríguez Fer ("O estoupido estampado")

Akal vén de publicar unha coidada edición facsimilar de Nós e dos álbums da guerra de Castelao (Galicia mártir, Atila en Galicia e Milicianos), nunha conmemoración do 50 aniversario da editorial. As obras publícanse conxuntamente por primeira vez e nesta edición contan co prólogo dos profesores da USC e escritores Carmen Blanco ("Castelao e Nós. Álbum de artes e letras liberadoras") e Claudio Rodríguez Fer ("O estoupido estampado"). 

Polo seu incansable e comprometido labor memorialista ambos investigadores recibiron compartido o Premio Galicia Mártir (denominación precisamente tomada do álbum homónimo de Castelao) concedido pola Fundación Alexandre Bóveda. O pasado xoves Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer presentaron na libraría Berbiriana da Coruña a edición facsimilar, que previamente fora tamén presentada no Museo do Pobo Galego, en Compostela.

Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco ante 'A derradeira lección do mestre' no Centro Galicia de Bos Aires © Cedida

A publicación completa en 1975 e 1976 das obras que contén esta caixa supuxo "un gran e duradeiro impacto entre os lectores da época", destaca a editorial, e constituíu unha reivindicación do "polifacético galeguista republicano e antifascista que produciu unha arte comprometida de gran calidade"

A publicación completa en 1975 e 1976 das obras que contén esta caixa supuxo "un gran e duradeiro impacto entre os lectores da época", destaca a editorial, e constituíu unha reivindicación do "polifacético galeguista republicano e antifascista que produciu unha arte comprometida de gran calidade, unha excelente e xenuína literatura, e un decisivo liderado político ao pobo galego durante a primeira metade do século XX", sinala Claudio Rodríguez Fer.

 

'Nós': "as inxustizas e falsidades derivadas da ignorancia dos poderes opresivos"

No seu álbum Nós, Castelao reúne unha colección de 49 debuxos que datan de 1916 a 1918 e que foron expostos entres 1920 e 1924 en nove cidades galegas e en Madrid, sendo editados nun libro en 1931, impreso na prestixiosa imprenta de Hauser y Menet. As imaxes reflectían a crúa realidade social da Galicia da época e as exposición nas que se puideron ver nos ano 20 foron un marco para a realizacións de conferencias onde se expuxeron as ideas galeguistas. 

En Nós, escribe Carmen Blanco, "o amor ilumina as persoas na diversidade do seu sexo, idade, condición social ou ideas, sinalando as inxustizas e falsidades derivadas da ignorancia de todos os poderes opresivos, clamando pola xustiza e revelando a verdade do coñecemento"

En Nós, escribe Carmen Blanco, "o amor ilumina as persoas na diversidade do seu sexo, idade, condición social ou ideas, sinalando as inxustizas e falsidades derivadas da ignorancia de todos os poderes opresivos, clamando pola xustiza e revelando a verdade do coñecemento". Anteriormente, Carmen Blanco escribira sobre o humor e a muller en Castelao e publicara o libro Alba de mulleres, versión feminina de Alba de gloria.

Carmen Blanco destaca que "á marxe da obra puramente pictórica, a máis transcendental plástico-literaria que enunciamos e presentamos caracterízase polo seu humanismo, humorismo e moralismo de signo galeguista, universalista, non capitalista e cristián. Galicia é o tema central implícito ou explícito da práctica totalidade das obras e os valores humanos da galeguidade danlle unha dimensión universal".

Arriba os probes do mundo (1937), Todo pol-a Patria, a relixión e a familia! (1937) e Arenga (1938). Estampas dos álbums da guerra de Castelao Dominio Público Fundación Castelao

"Castelao valeuse de todos os recursos artísticos posibles coa fin de lograr a máxima eficacia comunicativa, pois o seu obxectivo era por encima de todo denunciar a barbarie da represión fascista en Galicia nos dous primeiros álbums e exaltar o valente esforzo miliciano no terceiro", destaca Claudio Rodríguez Fer

En 1936, cando comeza a Guerra Civil, Castelao levou con el os orixinais e acabouse por perder a súa localización ata ser felizmente recuperados en 2016, coincidindo coa organización dunha exposición no Museo de Pontevedra sobre o artista. Pasaron a ser expostos nas salas do Museo, en réxime de cesión, ata que foron adquiridas en 2021 pola Deputación de Pontevedra para formar parte da colección do Museo.

 

Os álbums da guerra: a "demoledora denuncia da barbarie do fascismo"

Desde novembro de 1936, Castelao residiu en Valencia, onde estaba instalado o Goberno da República. Alí concibiu e publicou en 1937 os dous primeiros álbums (Galicia mártir e Atila en Galicia), con dez estampas cada un, inspiradas en dez relatos dos soldados galegos fuxidos da Galicia ocupada polo fascismo. Un ano máis tarde viu a luz Arenga, con once estampas, que completaba unha triloxía que polo seu relato visual e descarnado dos horrores da guerra e a súa "demoledora denuncia da barbarie do fascismo" foi alcumada "o Guernica de Galicia".

No seu prólogo Claudio Rodríguez Fer escribe que "para realizar tales estampas, Castelao valeuse de todos os recursos artísticos posibles coa fin de lograr a máxima eficacia comunicativa, pois o seu obxectivo era por encima de todo denunciar a barbarie da represión fascista en Galicia nos dous primeiros álbums e exaltar o valente esforzo miliciano no terceiro".

Portada da edición facsimilar de Nós e dos álbums de Guerra de Castelao, publicada por Akal © Akal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.