O 'Álbum Nós' de Castelao, adquirido polo Museo de Pontevedra por 650.000 euros, era propiedade da familia Lino

O Museo de Pontevedra chegou a un acordo coa familia Lino para a adquisición do Álbum Nós © Deputación de Pontevedra

Unha semana antes do Nadal o Museo de Pontevedra anunciou a adquisición dos orixinais do Álbum Nós de Castelao: 49 láminas, un autorretrato de Castelao e o exlibris que finaliza o álbum que pasarán a formar parte dos fondos da institución provincial en propiedade logo de dispoñer delas en depósito os últimos cinco anos.

A Deputación comprometérase cos propietarios do Álbum Nós a non facer público o seu nome nin a mencionar o alcance económico da operación ata formalizar a compra

Nese momento a Deputación de Pontevedra e o director do Museo, Xosé Manuel Rey, explicaban que os trámites para a adquisición estaban case pechados e que nos días seguintes se aprobaría a compra na Xunta de Goberno do ente provincial, engadindo que ata que se formalizase a compra, a Deputación se comprometera cos vixentes propietarios do Álbum Nós a non facer público o seu nome nin a mencionar o alcance económico da operación.

A formalización da operación tivo lugar este xoves na Xunta de Goberno da Deputación e este sábado fíxose pública a identidade do vendedor e a contía da venda. O Álbum Nós era propiedade da coñecida familia Lino de Pontevedra, que agora vén de vender estes materiais por 650.000 euros.

O Álbum Nós, exposto no Museo de Pontevedra CC-BY-SA Lameiro

"Unha colección completa deste tipo se se sacara a concorrencia pública ou subasta podería ter chegado a un valor bastante máis alto e podería ter marchado fóra de Galicia", destacou Mosquera

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, destacou este sábado que o feito de que o ‘Álbum Nós’ "quede no Museo é unha boa noticia para o Museo, é unha boa noticia para Pontevedra, e é unha boa noticia para Galiza”, engadindo que o acordo é “altamente beneficioso para o Museo dado que as obras de arte sempre valen o que estean dispostos a pagar os compradores” e sinalando que “neste caso unha colección completa deste tipo se se sacara a concorrencia pública ou subasta podería ter chegado a un valor bastante máis alto e podería ter marchado fóra de Galicia".

Os termos da negociación, asegurou o vicepresidente, foron “moi fáciles”, dado que había unha valoración do seguro polo depósito das pezas para a mostra de 2016 e que, aínda que a familia tiña ofertas e expectativas que lle podían dar máis, había vontade de que quedaran en Pontevedra. “Séntense arraigados a Pontevedra e querían que quedara en propiedade pública”, apuntou o vicepresidente.

Mosquera fixo fincapé na discreción da propietaria da colección, María del Carmen Lino, e agradeceu específicamente á familia a súa comparecencia pública para dar conta. Subliñou que a relación de José Lino (pai da propietaria) con Castelao foi moi estreita e que, nalgún momento, o autor rianxeiro cedeu os orixinais en agradecemento. “Durante un tempo estiveron desaparecidos para o público, non agochados, mais no ano 2016, coa exposición que fixo o Museo sobre Castelao, descubriuse que eran os orixinais”, asegurou Mosquera. 

“O Álbum Nós é unha obra extraordinaria pola súa importancia na evolución artística e ideolóxica de Castelao”, sinala o director do Museo de Pontevedra

Pola súa banda, o director do Museo de Pontevedra, Xosé Manuel Rey, salientou a importancia da adquisición definitiva da colección para a institución, que se convirte no centro de referencia para o coñecemento da obra de Castelao. “O Álbum Nós é unha obra extraordinaria pola súa importancia na evolución artística e ideolóxica de Castelao”, insistiu Rey.

Anuncio da adquisición do Álbum Nós á familia Lino © Deputación de Pontevedra

Amigo persoal de Castelao

Enrique Domínguez Lino, un dos fillos da propietaria, explicou que a colección chegou a mans de María del Carmen Lino a través do seu pai José Lino Sánchez, quen mantiña unha estreita relación de amizade e confianza con Castelao

A familia propietaria manifestou a súa satisfación pola súa permanencia da colección na cidade de Pontevedra. Enrique Domínguez Lino, un dos fillos da propietaria indicou que “o máis relevante en todo este tempo era poñer ao dispor de todos os pontevedreses e de todos os cidadáns a posibilidade de gozar destes debuxos, algo que quería tanto Castelao como a familia de José Lino Sánchez, sendo a cuestión da titularidade secundaria”.

Domínguez Lino explicou que a colección chegou a mans de María del Carmen Lino a través do seu pai José Lino Sánchez, quen mantiña unha estreita relación de amizade e confianza con Castelao, xa que ambos eran asiduos das reunións na casa de Antón Losada. En concreto, explicou o neto, Jose Lino Sánchez participou en 1922 xunto con Antonio Iglesias Vilarelle, Octavio Pintos e Filgueira Valverde na Xuntanza de Estudos e Investigación Históricas e Arqueolóxicas, un grupo de traballo creado por Losada Diéguez, precedente do Seminario de Estudos Galegos, no que Castelao exercerá como debuxante. Ambos tamén foron membros fundadores do Partido Galeguista, polo que José Lino atopábase entre as persoas do círculo máis próximo e de confianza de Castelao. 

Desde 1928 ata 1936 Castelao e José Lino foron veciños, e tras o falecemento do seu fillo o matrimonio Castelao decidiu alugar un piso no edificio sito na rúa da Oliva propiedade da familia Lino, sendo frecuentes as visitas dun e doutro ás súas respectivas vivendas

Desde 1928 ata 1936 Castelao e José Lino foron veciños, e tras o falecemento do seu fillo o matrimonio Castelao decidiu alugar un piso no edificio sito na rúa da Oliva propiedade da familia Lino, sendo frecuentes as visitas dun e doutro ás súas respectivas vivendas. “Foi nunha desas visitas onde Castelao lle regalou as 51 láminas a Jose Lino en recoñecemento ao seu traballo, lealdade e colaboración desisteresada con el", sinalou.

Hai catro anos, con motivo da exposición organizada polo Museo de Pontevedra sobre a figura de Castelao, Ángeles Tilve, sendo coñecedora da boa amizade que existía entre Castelao e José Lino, preguntoulle á familia Lino -a través da restauradora de pintura Mercedes do Campo- se tiña algún debuxo ou obxecto de Castelao para poder expoñer na exposición. “Acordáronse do sobre coas láminas que lle regalara o seu pai e que tiña gardado. Cedeullas temporalmente, en depósito, ao Museo coa gran sorpresa de que unha vez depositadas nas instalacións do Museo para a exposición de Castelao, o persoal Museo examinounas chegando á conclusión de que se trataba da colección Nós, cuestión totalmente descoñecida e ignorada pola familia", comenta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.