O Museo de Pontevedra faise coa propiedade do 'Álbum Nós' de Castelao

O Museo de Pontevedra adquiriu o 'Álbum Nós' de Castelao CC-BY Deputación de Pontevedra

Os orixinais do Álbum Nós de Castelao lucirán no Museo de Pontevedra, que nos vindeiros días vai formalizar a compra da obra, se cadra, máis emblemática do autor rianxeiro, tanto no plano artístico como ideolóxico. 

O emblemático álbum pasa a formar parte dos fondos do Museo en propiedade logo de dispoñer delas en depósito os últimos cinco anos

Foi o que anunciaron este xoves a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o vicepresidente, César Mosquera, e o director do Museo, Xosé Manuel Rey. Ambos explicaron que as 49 láminas, o autorretrato de Castelao e o exlibris que finaliza o álbum pasarán a formar parte dos fondos da institución provincial en propiedade logo de dispoñer delas en depósito os últimos cinco anos, dende 2016 co gallo da exposición Meu Pontevedra, estando expostas actualmente nun espazo específico no Sexto Edificio. 

O Museo de Pontevedra adquiriu o 'Álbum Nós' de Castelao CC-BY Deputación de Pontevedra

O vicepresidente subliñou que a compra ten unha grande trascendencia porque “son o conxunto de pezas máis importante de Castelao” e permiten completar a colección provincial, que conta con arredor de 2.000 elementos do autor. “O máis relevante da obra de Castelao está no Museo de Pontevedra. Pontevedra, Castelao e o Museo de Pontevedra non se entenden un sen o outro”, subliñou. 

A Deputación de Pontevedra comprometeuse cos vixentes donos a non facer público o seu nome nin a mencionar o alcance económico da operación

O vicepresidente explicou que os trámites para a adquisición están case pechados e que o venres aprobarase a compra en Xunta de Goberno, tras estar lista xa a consignación orxamentaria e asinado un precontrato coa familia propietaria. Só falta a sinatura ante fedatario público, momento que se producirá os vindeiros días, e ata o que a Deputación comprometeuse cos vixentes donos a non facer público o seu nome nin a mencionar o alcance económico da operación. 

“Son condicións moi vantaxosas para a Deputación. Sabemos que a cantidade concreta pola que se fai a compra e quen é a familia que vende son datos interesantes, mais non imos poñer en risco a compra”, destacou.

“O Álbum Nós estivo moitos anos desaparecido. Había moitas teorías e no 2016 apareceu. Os propietarios deixárono en depósito, pero querían rematar coa cesión actual e tiñan a vontade de que a obra seguise no Museo de Pontevedra para respectar a vontade de Castelao”, explicou Mosquera, quen sinalou que dende a Deputación priorizouse en todo momento que a obra quedase en propiedade en lugar de permitir que outros museos e privados se fixexen con ela. Así o aprobou tamén por unanimidade o Consello Asesor cando foi consultado ao respecto. 

“É un día grande para o Museo, con todas as letras”

Segundo se explicou, a transacción comunicouse formalmente á Xunta, xa que por Lei de Patrimonio Cultural tiña dereito de tanteo e retracto ao ser un Ben de Interese Cultural. O Goberno galego comunicou que non faría uso dese dereito en favor do Museo. 

“É un día grande para o Museo, con todas as letras”, asegurou Mosquera. Pola súa banda, a presidenta, Carmela Silva, subliñou a relevancia da adquisición destes fondos para o Museo  e o feito de que vaian permanecer onde Castelao quería. 

O Museo de Pontevedra adquiriu o 'Álbum Nós' de Castelao CC-BY Deputación de Pontevedra

“Non é que intuamos que a vontade de Castelao fose que a súa obra quedase no Museo, senón que o sabemos porque o dixo en reiteradas ocasións –indicou a presidenta-. Quería que a súa obra estivese vinculada a este Museo do que formou parte desde o seu inicio. Polo tanto, cumprimos a súa vontade", dixo. 

"Podemos dicir que o Museo de Pontevedra é o Museo Nacional de Galicia; aquí están as pegadas máis importantes da nosa historia e cultura, e por iso é obrigado que estea a maioría da obra de Castelao”, engadiu, tras destacar que estas obras pertencen a todo un país e teñen que estar en mans do público para desfrute de todas as veciñas e os veciños”. 

“É unha obra capital e emblemática que Castelao fixo nun momento crucial da súa evolución artística e ideolóxica"

O director do Museo, Xosé Manuel Rey, destacou que o Álbum Nós supón un capital simbólico para os fondos da institución. Afirmou que nas súas láminas plásmase a psicoloxía e o paradigma do rural galego cun imaxinario reivindicativo e de grande forza. “É unha obra capital e emblemática que Castelao fixo nun momento crucial da súa evolución artística e ideolóxica, promovendo a defensa de Galiza e buscando espertar a conciencia colectiva. Ten un irrenunciable valor artístico, histórico, social, político… e unha significación cultural e identitaria”, subliñou. 

"Existía risco evidente de que galeristas, coleccionistas ou mesmo outras institucións puidesen amosar interese na súa adquisición, o que suporía unha perda moi importate para o Museo”, rematou. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.