As cartas de Virxinia Pereira amosan o seu compromiso ideolóxico e a defensa do legado de Castelao

Virxinia Pereira Renda © CCG

Virxinia Pereira Renda era moito máis que a dona de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Nacida na Estrada en 1884, mantivo unha ampla actividade nos proxectos galeguistas anteriores á Guerra Civil e, posteriormente, no exilio que viviu na Arxentina ata o seu regreso a Galicia.

O Consello da Cultura Galega vén de publicar na rede o epistolario cruzado que mantiveron Virxinia Pereira e Valentín Paz-Andrade entre 1951 e 1967, un total de 28 cartas

O Consello da Cultura Galega vén de publicar na rede o epistolario cruzado que mantiveron Virxinia Pereira e Valentín Paz-Andrade entre 1951 e 1967, un total de 28 cartas que dan conta desa creatividade e que amosan o seu compromiso político e ideolóxico. As misivas revelan tamén a firmeza da viúva en respectar a vontade de Castelao e a complexidade do proceso xudicial da súa herdanza.

A publicación complétase con outras 15 cartas con outros correspondentes: José Ortega Spottorno, Alfonso Fidalgo-Pereira, Clemencia Pereira Renda e Pilar Rodríguez de Prada. E, ademais, cunha reportaxe contextualizadora en Culturagalega.gal e cun artigo asinado por Miguel Anxo Seixas Seoane que analiza a relación entre Virxinia Pereira e Castelao. Nel fai fincapé na complicidade entre eles e o papel que Virxinia desempeñou á morte do intelectual como “valedora da ética actitude de Castelao, que na altura (do seu pasamento) só era celebrado e homenaxeado na emigración e no exilio”.

Carta de Virxinia Pereira a Valentín Paz Andrade do ano 1951 © CCG

Virxinia Pereira foi “valedora da ética actitude de Castelao, que na altura (do seu pasamento) só era celebrado e homenaxeado na emigración e no exilio”, destaca Miguel Anxo Seixas Seoane

Na primeira carta que conforma esta colección, escrita dúas semanas despois do falemento de Castelao, Valentín Paz Andrade escribe: "Quixen, estimadísima Virginia, deixar pasar os primeiros días que seguiron á desgraza que nos conturba a todos, para escribirlle. Aínda que nada eficaz para consolala poida dicirlle e aínda que procurase expresar na esfera do público a dor do que Galicia perdeu, os deberes da fraternidade non se esgotan aí. Hei de seguir cumpríndoos que estaban máis próximos ao seu corazón. Creo que este é o mandato que nos legou, aínda que non o escribiu. E como toda outra reacción é inútil, habemos de resignarnos a que viva en nós o que con tanta marabillosa fecundidade viviu nel, incluso os vínculos máis arraigados do afecto persoal".

Unhas palabras que foron respondidas por Virxinia Pereira deste xeito: "Tamén lles agradezo moi intimamente, como poden supoñer, a súa lembranza na data tristeira do aniversario. A firente visión do noso calvario estivo acesa, removendo eisi na miña inmensa door os intres sin remedio en que pouco a pouco fun vendo esnaquizarse as nosas millores ilusións as nosas últimas espranzas vividas ainda xuntos, e sobor de todo aquel seu sospiro derradeiro que non esquecerei endexamais pol-o ben espetado que quedou no meu peito".

Carta de Valentín Paz Andrade a Virxinia Pereira tralo pasamento de Castelao © CCG

Nas cartas pódese ver con claridade a determinación de Virxinia Pereira por cumprir a vontade de Castelao de que toda a súa produción ficase no Museo de Pontevedra, que el mesmo axudara a fundar. “A súa obra artística, ten que ser salvada e respetada. A derradeira disposición do seu autor, reclama que pase a ser patrimonio da súa adourada Galicia e ista disposición hai que acatala e cumplila hasta por enriba da misma lei. Vexan pois por favor, o modo de acadar as cousas que anden espalladas e depositalas no Museo onde xa está unha boa parte dos seus traballiños” escribía en 1951.

Nas cartas pódese ver con claridade a determinación de Virxinia Pereira por cumprir a vontade de Castelao de que toda a súa produción ficase no Museo de Pontevedra, que el mesmo axudara a fundar

E, así mesmo, as cartas amosan os problemas xerados pola multa de 75.000 pesetas imposta polo réxime franquista a Castelao polas súas responsabilidades políticas, unha multa que levou a un embargo dos seus bens e mais dos dereitos de autor xerados polas súas obras. Revélase así mesmo o conflito que se produciu por este motivo entre Virxinia e as irmás de Castelao. A viúva escribe nunhas das cartas: “Miñas cuñadas e mais eu, levamos no íntimo das nosas concencias, o testamento moral que nos deixou o noso incomparable Castelao. (…). Violalos, nin tan siquera discutilos, sería tanto como traizoar os seus propios sentimentos e a súa vountade, i esto francamente non podo esperalo de elas, que ademais en certo modo son moralmente responsables de que seu irmán non sentira agoiros apremiantes por formalizar unha cousa que contaba xa segura”.

Voda de Virxinia Pereira e Castelao en 1912 Dominio Público Tabeirosmontes.com

Nas cartas Virxinia Pereira confesa en certos momentos a dor que lle produce a súa condición de exiliada

Nas cartas Virxinia Pereira confesa en certos momentos a dor que lle produce a súa condición de exiliada. Por exemplo, nunha mensaxe enviada a Paz Andrade en 1964, xusto despois dunha visita a Galicia, escribe: "Non pode negarche amigo Valentín, que foi un intre extremadamente crú, o ter que deixar de novo a TERRA, o fillo inesquecente, familiares e vellos amigos. Despois de unha ausencia de tantos anos como caeron enriba d-un, a laboura de refacer o ánimo pra superar o alcance de isa despedida que pode ser a derradeira, non é demasiado fácil, como tampouco a door d-un día, cando se volva a soedade despois de gostar de novo a quentura familiar… A xenerosidade de istes impagables amigos que ti coñeces ben, poñen a meu alcance toda a súa bondade para que eu me sinta feliz, pero aínda eisí, e queréndolle tanto a este Bos Aires que me dou tantas satisfaccións e doores arreo, meu corazón e meu espritu están na GALIZA que el tanto amou, vivindo de cote co corazón apretado…"

Un grupo de integrantes das Mocidades Galeguistas con Ramón Otero Pedrayo en 1959 en Bos Aires. De pé, Virxinia Pereira é a segunda pola dereita © Tabeirosmontes.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.