O 15 de novembro de 1944 quedou constituído en Montevideo o Consello de Galiza. Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Elpidio Villaverde Rey, Ramón Suárez Picallo e Antón Alonso Ríos, "deputados galegos que viven refuxiados en Sud-América", recolleu a súa acta fundacional, acordaron "xuntarse nun soio corpo de direición política para gardar, manter e defender a derradeira vontade de Galiza antramentres dure esta etapa de asoballamento, na que o povo se ve privado de toda eispresión democrática".
O Parlamento conmemora o 80º aniversario do Consello de Galiza nun acto solemne que vén recoñecer a Castelao como primeiro presidente da autonomía política do país
Como "fideicomisarios da vontade legalizada do povo" no referendo do Estatuto de 1936, os catro persoeiros constituíron "unha entidade para gardar, manter e defender a vontade do povo galego". Nacía así un goberno galego no exilio que, como primeira medida, "acordou, por unanimidade dos conselleiros e unánime consenso dos grupos orgaizados, conferir a presidencia do Consello de Galiza a Alfonso Rodríguez Castelao" nun contexto no que os conselleiros se comprometían a "primar a condición de galegos sobor da discipriña de partidos non galegos a que poidan estar afiliados", porque "de non ser así negaríase a vongade de goberno próprio".
Este 15 de novembro de 2024, oitenta anos despois, o Parlamento organizou un evento solemne para conmemorar a fundación do Consello de Galiza. En virtude dun acordo dos tres grupos parlamentarios (PP, BNG e PSdeG) atendendo unha petición do extraparlamentario Partido Galeguista, que sustentou a súa solicitude nun informe xurídico elaborado por Xoán Antón Pérez-Lema, o lexislativo galego non só realizou un exercicio de memoria, senón que veu recoñecer institucionalmente a Castelao como primeiro presidente da autonomía política do país.
Santalices: "O Consello de Galiza non tiña nin sede, pero si un liderado incuestionable, un faro de galeguismo, democracia, honestidade e coherencia: o seu presidente"
Coa constitución do Consello de Galiza, evocou no inicio do acto o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, "tomaba forma unha institución que xurdía como fideicomisaria da vontade autonomista do pobo galego" expresada "con claridade no referendo estatutario de xuño de 1936", un "proceso ilusionante truncado abruptamente polo golpe de Estado e a guerra civil que deron paso a corenta anos de ditadura"
O Consello, lembrou, foi un "primeiro paso modesto na forma e na representatividade" e "pobre de solemnidade en recursos a "diferenza dos gobernos vasco e catalán" no exilio, que contaron con fondos da II República. O goberno galego no exilio sostívose, resalta Santalices, "grazas ás achegas dun grupo de patriotas galegos no exilio e na emigración". "Por non ter, non tiña nin sede; pero si un liderado incuestionable, un faro de galeguismo, democracia, honestidade e coherencia: o seu presidente, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao".
O acto deste 15 de novembro, acrecentou Santalices, serve tamén para render "tributo" a Castelao como primeiro presidente do Consello de Galiza, co que "tomou forma a institucionalización da autonomía", mais tamén como "referente incuestionable para todos os demócratas galegos con independencia do seu encadre ideolóxico". "Todos e todas, a autonomía galega no seu conxunto, estamos en débeda coa súa obra e así o reiteramos hoxe solemnemente", resaltou o xefe do lexislativo dende a "sede da primeira institución da comunidade autónoma"
A solemnidade do acto non estivo acompañada por unha representación ao máis alto nivel do Goberno galego nin dos principais partidos, mais si da propia Cámara. Si acudiron o presidente Touriño e autoridades como a alcaldesa de Santiago
Tras o discurso institucional de Santalices, a homenaxe a Castelao e o recordo ao Consello de Galiza tivo unha dobre vertente académica e política. A presidenta do Consello da Cultura, Rosario Álvarez, e o historiador Ramón Villares ocupáronse da primeira, mentres que a segunda foi abordada nunha mesa redonda con representantes de todos os grupos parlamentarios (Carmen Pomar -PP-, Olalla Rodil -BNG-, Silvia Longueira -PSdeG- e Armando Ojea -DO-), o presidente do Partido Galeguista, Xesús Manuel Suárez, e o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas.
A solemnidade do acto non estivo acompañada, así e todo, por unha representación institucional do máis alto nivel. Á sala do Rexurdimento do Pazo do Hórreo non acudiron este venres o actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda -o Goberno galego estivo representado polo conselleiro da Presidencia e polo secretario xeral da Lingua-, nin tampouco o seu predecesor, Alberto Núñez Feijóo, malia compartiren horas antes un evento na mesma cidade de Santiago. Tampouco asistiron os líderes de BNG e PSdeG. Si o fixo o presidente Emilio Pérez Touriño e outras autoridades como a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín.