Feijóo, Xunta e patronal gábanse nun acto patrocinado por Abanca fronte a "un certo chavismo" instalado en España

Rueda e Feijóo con Juan Manuel Vieites, presidente da CEG, e Francisco Botas, conselleiro delegado de Abanca CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

A CEG organiza en Santiago un acto co líder da oposición estatal, presentado polo presidente do Goberno galego, no que os empresarios piden menos impostos e máis "flexibilidade laboral"

"Alberto", como se dirixiu en público o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, a Núñez Feijóo, volveu este venres a Santiago, ao Hostal dos Reis Católicos, para participar nun almorzo informativo organizado pola patronal galega co patrocinio de Abanca e a presentación do actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda. Un acto no que as tres partes, Feijóo, Xunta e patronal, gabáronse mutuamente fronte ao Goberno de España.

O acto, celebrado dous anos despois de que o Papa advertise á patronal galega que a economía "está ao servizo non só duns poucos senón de todos, especialmente dos pobres", abriuno o presidente da CEG reclamando das administracións "compromisos sólidos que xeren estabilidade económica". Unha demanda ante a que Vieites non se amosou optimista "nun país no que se instalou un certo chavismo, ímolo dicir así, entre aspas".

Reunión de Feijóo coa patronal galega este venres no Hostal dos Reis Católicos CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

O presidente da CEG presentou como principais demandas do empresariado "políticas que fomenten a competitividade", "redución de cargas impositivas" e "maior flexibilidade laboral". Un eido este último no que lamentou os "custes laborais" e "o absentismo laboral por continxencias comúns [baixas médicas], gravísimo problema que estamos sufrindo".

Ante estes problemas, Vieites gabou que en Galicia hai "un goberno estable, cunha economía rexional que vai ben e que podemos mellorar de cara ao futuro", especialmente se se evita "a xudicialización sistemática de proxectos".

Rueda agradeceu "o apoio do tecido empresarial de Galicia ao labor da Xunta"

Tras Vieites, o presidente Rueda foi o encargado de presentar o seu antecesor, agora líder da oposición a nivel estatal, "un político insubstituíble, especialmente nestes momentos cunha política que se basea no corto prazo, na confrontación". Segundo Rueda, "Feijóo é todo o contrario", e malia intervir no acto como presidente da Xunta e non como líder do PPdeG, asegurou que "sería un extraordinario presidente de España". Pero Rueda tamén tivo eloxios para a patronal, á que quixo "agradecer o apoio do tecido empresarial de Galicia ao labor da Xunta". Unha patronal que hai uns meses dicía non ter medo ante un posible goberno alternativo de esquerdas. 

Rueda durante a súa intervención no almorzo informativo con Feijóo organizado pola patronal galega CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Feijóo criticou que o Goberno de España suba impostos e, ao tempo, pediu axudas directas do Estado para que os afectados polas riadas poidan renovar "100.000 coches" afectados pola catástrofe

Feijóo recolleu os eloxios con ironía como "certos" porque quen os pronunciou "xa non depende" del, e centrou a súa intervención fundamentalmente na catástrofe das riadas en València para poñela como exemplo do suposto desgoberno de Pedro Sánchez. Alternando referencias ao Levante e a Galicia, o líder popular criticou que o Goberno de España suba impostos e, ao tempo, pediu axudas directas do Estado para que os afectados polas riadas poidan renovar "100.000 coches" afectados pola catástrofe.

Sobre Galicia, Feijóo insistiu en que "é o mellor exemplo da estabilidade, da ambición reformista e o rumbo claro das políticas públicas". Un modelo que quere implantar en toda España porque, di, cre "nun pais no que o esforzo teña recompensa".

Tras estes discursos iniciais de políticos e patronal, os xornalistas foron botados da sala cando chegou o momento das preguntas, que só puideron ser formuladas e escoitadas polos empresarios presentes.

Rueda saúda a Vieites, da CEG, en presencia de Feijóo CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.