Francisco recibe á Confederación de Empresarios de Galicia e pídelles que coiden da natureza e reneguen das finanzas
O papa Francisco recibiu este luns no Vaticano unha delegación da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) encabezada polo seu presidente, Juan Manuel Vieites, á que dirixiu un discurso no que salientou que a actividade da economía “está ao servizo do ser humano, non só duns poucos senón de todos, especialmente dos pobres”. O papa tamén diferenciou entre economía e finanzas, das que pediu renegar porque con elas “xa todo se volve líquido ou gasoso”, e reclamou aos empresarios que as súas firmas non só coiden da natureza senón que revertan os seus danos.
A recepción á patronal galega foi conxunta coa Confederación Española de Asociacións de Xóvenes Empresarios, e nela tamén participou o presidente da Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE), Antonio Garamendi. No discurso que dirixiu aos presentes [aquí o texto íntegro] o papa comezou lembrando que o Concilio Vaticano II xa criticou a disparidade no reparto da riqueza no mundo. E a continuación pediu aos presentes que actúen como profetas “que anuncien e edifiquen a casa común”. Segundo dixo Francisco, cando a economía “enferma” e se transforma en “finanza” todo “se volve líquido ou gasoso”.
Francisco pediu “unha economía que reconcilie entre si todos os membros das diversas etapas de produción”
O papa tamén asegurou que “a conversión económica será posible cando vivamos unha conversión do corazón, cando sexamos capaces de pensar máis nos necesitados, cando aprendamos a antepoñer o ben común ao ben individual”. “Cos valores do traballo e a pobreza, que implican a confianza completa en Deus e non nas cousas, pódese crear unha economía que reconcilie entre si todos os membros das diversas etapas de produción, sen que se desprecen mutuamente, sen que se creen maiores inxustizas ou se viva unha fría indiferenza”, engadiu.
A economía, di Francisco, “non está por riba da natureza, senón que ten que coidar dela”
Francisco animou aos empresarios “a seguir transformando con creatividade o rostro da economía, para que estea máis atenta aos principios éticos e non se esqueza de que a súa actividade está ao servizo do ser humano, non só duns poucos senón de todos, especialmente dos pobres”. E xusto a continuación engadiu que é “importante” que a economía “tome conciencia de que non está por riba da natureza, senón que ten que coidar dela”. “A túa empresa debe ter, dalgún xeito, un coidado para non contaminar máis a natureza, ao contrario, ir abrindo camiños de curación”, apelou directamente o papa.
Francisco rematou o seu discurso pedindo aos representantes da patronal que recen por el, “que o necesito”.