- HEMEROTECA | Unha ducia de cregos cos pés na terra
"A Romaxe é unha desas normalidades que hai que recuperar". Hai xa máis de catro décadas que a Asociación Irimia (1978) naceu para procurar "que a Igrexa de Galicia fora realmente unha Igrexa galega", isto é, "comprometida co seu pobo, a súa lingua e a súa cultura, coa súa identidade e realidade popular". O seu acto fundacional foi a primeira Romaxe de Crentes Galegos, no pedregal de Irimia e baixo o lema "eu renazo galego" de Xosé Chao Rego.
Moitos anos e avatares despois, este 10 de setembro Irimia vólvese xuntar na súa romaxe. Nesta ocasión en Castelo (Culleredo) e centrándose na figura de Moncho Valcarce, o crego das Encrobas. Fano cunha ledicia especial, na procura de "normalizar" o seu principal encontro tras a pandemia, despois de térena que suspender en 2020 e volvérena celebrar en 2021, pero "con máscaras e precaucións" e "o ánimo cheo de contradicións"; explican no folleto editado para a ocasión.
En vésperas da celebración xa XLIV Romaxe de Crentes Galegos, Irimia e o Consello da Cultura Galega presentaron o resultado do acordo de publicación para a súa libre consulta e descarga de todos os números da revista da asociación. Irimia. Seminario de Crentes Galegos acumula máis dun milleiro de números dende que botou a andar en 1989 e ata o deste verán de 2022.
En vésperas dunha nova edición da Romaxe de Crentes Galegos, xa sen restricións pola pandemia e dedicada a Moncho Valcarce , crego das Encrobas, todo o fondo das revistas 'irimegas' queda dixitalizado para libre consulta e descarga mediante un acordo co Consello da Cultura
Esta revista, explica a presidenta do Consello, Rosario Álvarez, "documenta a existencia dun movemento de gran transcendencia nunha sociedade galega aberta ao cambio, á modernización tamén de pensamento" ao tempo que "recupera a liberdade e goza do exercicio de dereitos democráticos que lle foran roubados", resalta. Por parte de Irimia participou na presentación a súa actual presidenta, Lucía Santiago.
A nova presenza de Irimia nos fondos documentais do CCG -que nos últimos anos dixitalizou outras publicacións tan relevantes como Teima ou A Nosa Terra- chega, así, xusto para a celebración dunha nova Romaxe que Irimia encadra en tempos de cambio e nunha traxectoria na que "fomos tecendo novas maneiras de vivir e celebrar unha espiritualidade radicalmente ecuménica, afondando na na nosa experiencia humana e militante en espazos laicos, para buscar ese fondo común co que entrar en diálogo e comunicación con persoas honestas e comprometidas nas causas que fan posible unha humanidade mellor", explican no editorial do número máis recente da revista.
Coa cita de Culleredo as persoas integrantes de Irimia queren "normalizar a Romaxe normalizando as novas realidades", tamén a dunha "base social e eclesial" diferente da de décadas atrás, cando "xa non existe aquela enorme rede de párrocos imbuídos no espírito reformista do Vaticano II, comprometidos coa xente nunha sorte de teoloxía galega da liberación, capaces da síntese entre eucaristía e organización e promoción veciñal", cregos que eran "testemuñas dunha fecunda e imparable combinación entre fe cristiá e militancia cívica, política, galeguista" como Moncho Valcarce. "Parafraseando o teólogo holandés Edward Schillebeeckx, diríase que Moncho vivía, con total e mística naturalidade, que "fóra do pobo non hai salvación". Así o lembrarán na súa Romaxe.