A histórica cabeceira A Nosa Terra regresou este martes á rede a través dun medio xornalístico que acollerá a hemeroteca dixitalizada da publicación e que tamén ofrecerá reportaxes, entrevistas en profundidade e crónicas. Hai uns meses a Fundación A Nosa Terra e o Consello da Cultura Galega asinaron un acordo para a dixitalización de todos os números do semanario editado entre 1977 e 2010, un fondo que xa se pode consultar na web do CCG. Agora, ese fondo documental é accesible tamén a través da web de A Nosa Terra, que vai máis aló da conservación e acceso á súa hemeroteca e que tamén publicará contido xornalístico novo.
"Pensamos que falta un xornalismo diferente. Nós non queremos competir cos medios existentes pero hai xente con experiencia no xornalismo que se xubila ou se prexubila e que pode facer un xornalismo de investigación, máis repousado, de contextualización e de entrevistas de profundidade", explica Afonso Eiré, director da publicación, ao que se unen outros nomes que xa pasaron durante anos polas páxinas do semanario impreso, como Xan Carvalla, Manuel Veiga, César Lorenzo ou Gustavo Luca de Tena.
"O proxecto tiñámolo preparado dende hai un ano, pero quixemos agardar a que estivese dixitalizada unha parte de A Nosa Terra", conta Eiré, que adianta que o xornal se irá dotando doutros contidos, como críticas literarias, crónicas e outro tipo de colaboracións "cun xornalismo conectado coa literatura, semellante ao que se está facendo en América Latina ou nos Estados Unidos".
Capas do semanario editado a partir de 1977 / CCG
"Non vai ter periodicidade fixa. Cando teñamos contidos interesantes irémolos subindo, sen a premura que teñen os diarios dixitais e sen querer competir cos xa existentes"
"Non vai ter periodicidade fixa. Cando teñamos contidos interesantes irémolos subindo, sen a premura que teñen os diarios dixitais e sen querer competir cos xa existentes", sinalan. "Non se trata de competir, senón de complementar os medios de comunicación en galego que xa están en activo", engade.
O medio serve tamén para poñer en valor o papel que A Nosa Terra desenvolveu durante décadas no xornalismo galego. "Fomos pioneiros no xornalismo de investigación, nun xornalismo combativo que foi unha escola de xornalistas e tamén de historiadores", destaca Eiré. “O semanario supuxo un xeito novo de facer xornalismo e tratar temas que ata o momento eran marxinais na prensa. E nese período prodúcense moitos cambios sociais e políticos e cuestións que continúan ata hoxe, como a recuperación da memoria histórica”, di. "Foron tamén moi importantes os monográficos que sacabamos. É interesante ver como A Nosa Terra trataba o ecoloxismo, a educación sexual ou o feminismo, temas que os outros medios non trataban ou trataban como algo banal, en A Nosa Terra ocupaban portadas e números especiais", subliña.