Moncho Valcarce, un crego con "fe revolucionaria"

© Irmandade Moncho Valcarce

O Museo do Pobo Galego e Manuel Lugrís Rodríguez recibirán os Premios pola Promoción e pola Defensa da Terra, respectivamente este sábado en As Encrobas, que acolle unha homenaxe popular a Moncho Valcarce cando se cumpren 20 anos do seu falecemento. A Irmandade Moncho Valcarce organiza, en colaboración co concello de Cerceda, a xornada en lembranza do coñecido cura das Encrobas,  unha figura clave e importante que apoiou aos labregos durante a rebelión veciñal contra Fenosa.

O crego viviu unha intensa vida defendendo as "causas inxustas" co seu pensamento sempre "ao lado do débil". Integrouse políticamente no campo nacionalista, converténdose en  "referente fundamental das loitas agrarias" nos albores do postfranquismo que fixeron que a súa figura "forme xa parte esencial da  historia de Galicia". Ramón Muñiz, que viviu gran parte da vida de Moncho ao seu carón, preside actualmente a Irmandade. É un dos organizadores da homenaxe do sábado, collémolo preparando unha exposición sobre Valcarce no local social das Encrobas.

Como xorde a idea de fundar unha Irmande?

Empezamos despois de morrer el, unha serie de amigos e compañeiros de ideas decidimos que a súa memoria non se podía perder porque foi un referente da época. A Irmandade está levada principalmente por xente que estivo e conviviu con el desde o principio. Empezamos facendo todos os anos unha homenaxe onde damos os premios Moncho Valcarce desde 1994, reuníamonos todos os que o coñecíamos e queríamos e así estivemos 20 anos, por iso agora celebrámolo dun xeito especial. Outro obxectivo foi que servira como centro de estudos agraristas, facilitando información para investigacións deste tipo, de loitas que se facían naquela época. 

O crego viviu unha intensa vida defendendo as "causas inxustas" co seu pensamento sempre "ao lado do débil"

Como unha persoa que non compartía a xerarquía da Igrexa, e mesmo se sentiu incómodo durante os estudos no seminario no que denunciou “a educación arcaica, submisa, incluso reaccionaria e colonizadora que alí se daba” e chegou a ser expulsado acusado de “axitador de tendencia comunista” puido seguir a súa carreira no seo da Igrexa?

Foi un adiantado dentro dos crentes da Igrexa, entendeu que a vida dun sacerdote era dedicarse a defender os dereitos dos máis débiles. Esta forma súa de pensar chocaba coa xerarquía eclesiástica, que non estaba pola labor de defer as causas inxustas que el defendía. No seminario xa tivo eses problemas, acusárono de comunista e foi expulsado e desterrado á Coruña baixo a tutela do sacerdote Manuel Espiña, que rematou sendo un dos presidentes da Irmandade. Grazas á súa axuda conseguiu que o volveran a admitir no seminario para poder rematar  os seus estudos e ordearse no ano 1969. Foi un crego diferente, as suas misas eran case asambleas populares, na súa prédica animaba á intervención dos fregueses, daba a comuñón con pan centeo e viño do Ribeiro, non confesaba a ninguén xa que entendía que ninguén cometia pecados, todo o mundo era bo. Non cobraba nada por nada, introduciu o galego como lingua litúrxica e falaba das inxustizas e contra o caciquismo. Viviu en acto de pobreza sempre, e ao non cobrarlles aos fregueses só podía vivir do pouco que lle daba a Igrexa e comía da súa horta. Era un home moi querido.

Cómo vía a a Igrexa esa forma de vida nun crego?

O seu sacerdocio foi enfocado sempre a defender os máis débiles, por iso tivo tantos problemas coa xerarquía eclesiastica e co Goberno. Vivía na reitoral en Sésamo, Culleredo. Alí tiña un espazo importante de horta e acabou regalando gran parte dese espazo á parroquia de Sésamo para facer un campo de fútbol. Como non pediu permiso, tivo problemas coa Igrexa pero a el non lle importou e aí segue o campo de fútbol. Por cousas como esta a relación coa xerarquía eclesiástica era moi tensa. Despois prohibíronlle que estivera metido en política e en 1987, coa desculpa de realizar un curso teolóxico, mandárono para a Universidade Pontificia de Salamanca. Ese ano acabou sendo moi positivo e puido escribir sobre a súa actitude como crego e o compromiso político. As reflexións acabaron reflectidas no seu traballo de fin de curso O compromiso político dun presbítero nunha realidade concreta: Galiza. Sempre foi un crego cunha fe impresionante, pero entendía que esa fe tiña que ser revolucionaria, "ao igual que o fora Cristo", dicía el. Esa vea revolucionaria levouno a entender que se tiña que meter en política e tomou o movemento nacionalista porque vía a Galicia como esa nación pola que había que loitar.  

Esa "vea revolucionaria" tamén o levou a darlle refuxio a loitadores e loitadoras antifranquistas e chegaron a editar unha revista crítica Oureiro de San Cosme orientada ás reivindicacións dos veciños. De que falaban na revista? Chegoulle a traer problemas tanto revista como o refuxio que lles daba a eses mozos e mozas? 

Correuse a voz de que era un cura progresista, todas as forzas da clandestinidade acudían a el en busca de axuda. A revista falaba dos problemas dos labregos: do leite, dos terreos... Nese momento era moi lida na zona porqe afectaba a problemas que atinxían a todos. Tanto a revista como o asilo que lles daba a eses mozos e mozas preocupaba á garda civil e estiveron vixilados moitas as noites. 

"Foi un adiantado dentro dos crentes da igrexa, entendeu que a vida dun sacerdote era adicarse a defender os dereitos dos máis débiles"

Orientou gran parte da súa actividade nos problemas dos labregos, chegando a integrarse nos Comités de Axuda a Loita Labrega. Onde adquiriu este compromiso co mundo labrego sendo un mozo que naceu na cidade?

Por iso é tan curioso o seu caso, era dunha familia burguesa da Coruña e falaba castelán. Por razóns de pensamento e reflexión meteuse cura e pediu ir a parroquias rurais. Aí renaceu galego, comezou a coñecer os labregos e labregas e a identificarse con eles, falaban galego, algúns eran pobres, traballaban de sol a sol... sentía moita conexión con eles e foi a partir de aí cando entrou en contacto co mundo galego e do nacionalismo. Foi naquela época cando eu o coñecín, eu era dirixente da UPG e responsable da Fronte Labrega, coñecino no conflicto das Encrobas. Saíu unha nota no periodico onde pedían axuda para aclarar a situación de Encrobas, onde se viviu unha longa loita contra a empresa Fenosa cando pretendeu expropiar as súas terras para a construción da mina de lignitos, que hoxe invade o que un día foi un fértil val. Eu fun velo a el e decidimos ir os dous a unha asamblea dos labregos da zona, esa asamblea era crucial porque os caciques tiñan a sartén polo mango e querían vender, xa que eles non traballaban a terra e por pouco que ofreceran querían os cartos. Os labregos non querían, vivían desas terras. Lembro que Moncho colleu o micrófono e dixo que de vender nada, que os labregos tiñan a razón e os seus dereitos, que non querían unha industria contaminante. En poucas palabras, revolucionou todo. En parte aí comezou todo, antes era máis do PC pero identificouse con nós, coa nosa loita. Viu que defendiamos Galicia por razóns xustificadas, que tiñamos moitas cousas en común. 

Como recordan esas vilas o seu apoio e a súa defensa? Ao igual que nas Encobras tamén tivo moita importancia en Baldaio, Xove, as Enchousas ou as folgas con motivo da cota empresarial. Que consecuencias tiña para el o apoio a estas causas?

As consecuencias foron horribles. Foi detido, golpeado, torturado sobre todo despois da batalla de Baldaio, unha manifestación en contra de que unha empresa conseguise unha licenza para explotar a marisma de Baldaio utilizándoa para a extracción de area. A tortura foi tan forte que a súa irmá non o recoñecía, tiña a cara destrozada e estaba sen pelo, xa que lle arrincaran gran parte, o médico díxolle que outra como esa non a contaba. Ademais recibía ameazas de morte, de feito dunha vez correuse a voz e pensamos que o mataran, ata que o atopamos axudando a descargar un tractor. En Betanzos, nun acto político tamén o detiveron porque dixo el era "o responsable de todo”, cando en realidade era tan só un invitado. Era un heroe que chegou a ser moi querido. Nas Pontes, a onde o mandaron despois de voltar de Salamanca, ata lle puxeron o seu nome a un instituto. 

Como cres que vería el a situación que se está a vivir en Corcoeso? 

El estivo en todos os sitios que o chamaban, onde tiñan problemas, xa fose por terreos, encoros,... ía a onde fora. El non era un lider, só lles mostraba o seu apoio. Durante o conflicto das Encrobas unha xornalista preguntoulle "agora que van facer?", ao que el lle contestou "a min non me pregunte, pregúntelles aos labregos”. Non quería ser o centro de atención, facía o que facían os labregos. No caso de Corcoeso seguramente estaría ao pé do problema, faría o que fixera o pobo, con todas as consecuencias e seguramente estaría en primeira fila. Unha muller díxome unha vez que Moncho lle daba luz, forza. Estaba sempre o primeiro, por iso sempre o detiñan. Por exemplo, nas Enchousas, cando unha pa quería tirar a casa dunha señora el montou nela para evitar o derribo. Era un líder doutro tipo, estaba disposto a todo pero consideraba que el non era o máis indicado para decidir o que había que facer.

"El non cría neses curas que non iban máis alá da misa, el via a fe como algo revolucionario"

En canto aos partidos políticos participou activamente  na AN-PG e no BNPG. Nunca deixou nesta época a súa condición de crego ou pensou en abandoar o mundo da igrexa?

Moncho morreu sendo crego, dicía que o facía polo pobo. Entendía por exemplo que a oración era ir a unha manifestación, esa era unha forma de adorar a Cristo para el. A Igrexa non a deixou pero coma se o fixese, non lle facía caso. El non cría neses curas que non ían máis alá da misa, el vía a fe como algo revolucionario, por iso estaba tan involucrado no mundo da política. 

Este ano faría 78 anos. Como cres que sería a súa vida na actualidade? 

Pois iso é moi difícil de saber, pero penso que sería igual ou aínda máis radical, que os vellos a certa idade radicalizamonos moito. 

Como definirías a súa persoa e o seu compromiso con Galicia?

Como persoa era un home moi aberto, campechano, simpático. Todos o querían moito e el facíase querer, tiña moito don de xentes. Hai unha anécdota moi boa, un día entráronlle a roubar e golpeárono, a situación acabou do xeito menos esperado, acabou convencendo o ladrón e este chorando despois de falar con Moncho. O crego acaboulle deixando cama no reitorado para pasar a noite e mesmo o defendeu ante a garda civil  asumindo as culpas por "encubridor", é un exemplo da súa alma bondadosa, ao igual que cando viu un dos seus torturadores pola rúa e o convidou a unha cervexa e falaron. O seu compromiso foi sempre ao lado do débil, considerou que se había partidos que loitaban polo mesmo que el, tiña que loitar xunto a eles.

Por cousas como esta son moitos os que o teñen como exemplo pero, a quen admiraba el?

Na cuestión relixiosa el admiraba moito a San Francisco de Asís, que era o crego da pobreza, un simbolo para el, co que se sentía identificado. Tamén admirou moito ao Che Guevara e a outro cura guerrilleiro de Latinoamérica, Camilo Torres. Tamén falaba moito de Basilio Álvarez, líder agrarista na súa época, aínda que nós cremos que el foi mellor que Basilio. 

Ramón Valcarce na súa igrexa © Irmandade Moncho Valcarce
Cartaz da homenaxe © Irmandade Moncho Valcarce
Ramón Muñiz, presidente da Irmandade Moncho Valcarce CC-BY-SA Irmandade Moncho Valcarce

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.