Marcos Pérez Pena

Unha ducia de cregos cos pés na terra

Estamos na Semana Santa, un bo momento para lembrar algúns cregos e persoas vencelladas á relixión católica en Galicia que se distinguiron polo seu compromiso social, pola súa loita antifranquista, ou pola súa defensa da lingua galega. Curas vermellos, galeguistas ou simplemente conscientes das preocupacións e demandas dos seus fregueses e freguesas.

  1. 01

    Moncho Valcarce

    Ramón Valcarce, coñecido tamén coma o cura das Encrobas, naceu na Coruña en 1935 (hai tres anos inaugurouse unha placa na súa casa natal) e ordenouse sacerdote en 1969, establecéndose como crego nas parroquias de Sésamo e Sueiro, no concello de Culleredo. Marcado pola Teoloxía da Liberación, alí distinguiuse polo carácter participativo das misas, a gratuidade nos servizos, a eliminación dos confesionarios, a introdución do galego como lingua litúrxica, e polas súas proclamas contra o caciquismo e as inxustizas.

    Moncho Valcarce foi xirando cara ao nacionalismo e traballou sobre todo nas Comisións Labregas e na AN-PG. Con eles participou moi activamente nos conflitos sociais que se viviron en Baldaio ou en Xove. Tamén nas Encrobas, na loita da veciñanza deste lugar contra a ocupación forzosa das súas terras a cargo da empresa Lignitos de Meirama. Foi detido varias veces, tanto nos últimos anos do Franquismo coma durante a Transición.

  2. 02

    Andrés Torres Queiruga

    Licenciado en Filosofía e Teoloxía, Andrés Torres Queiruga realizou a súa tese de doutoramento sobre Amor Ruibal. Profesor de Filosofía na USC, ingresou como membro de número da Real Academia Galega en 1980 co discurso Nova aproximación a unha filosofía da saudade, respondido por Ramón Piñeiro. Ten unha moi ampla obra de ensaio, pola que obtivo varios recoñecementos

    A súa obra discrepou dalgúns dogmas defendidos pola xerarquía eclesiástica. No ano 2012 a Comisión da Doutrina da Fe da Conferencia Episcopal Española apercibiuno publicamente por "distorsionar elementos da fe da Igrexa" como "a clara distinción entre o mundo e o creador e a posibilidade de que Deus interveña na historia e no mundo alén das leis que el mesmo estableceu" ou a distinción entre "creación e salvación", así como "a necesidade da graza sobre natural para alcanzar o fin último do home.

  3. 03

    Alfonso Blanco

    Alfonso Blanco Torrado, mestre e párroco en Guitiriz, é o fundador e coordinador da Asociación Cultural Xermolos, ademais de ser o presidente da Universidade Rural Galega (URG) e promotor do Festival Musical de Pardiñas, que puxo en marcha no ano 1980. Leva anos sendo un verdadeiro dinamizador socio-cultural de toda a comarca. Colaborou en Irimia, Encrucillada e foi moi activo no estudo e promoción da obra de Xosé María Castro

  4. 04

    Luis Ángel Rodríguez Patiño

    Luis Ángel Rodríguez Patiño é o párroco do Val de Xestoso, entre Guitiriz e Xermade. Nos últimos anos destacou polo seu compromiso social e polas súas mensaxes críticas, lanzadas en sermóns, artigos de opinión e outras accións (como a instalación de beléns). O cura de Xestoso clama contra a pobreza, o abandono do rural, os desafiuzamentos, as agresións israelís contra Palestina, as concertinas na fronteira en Ceuta ou contra a hipocrisía da xerarquía eclesiástica.

  5. 05

    Antonio Martínez Aneiros

    Antonio Martínez Aneiros foi un dos cregos comprometidos que nos anos 60 e 70 traballaban na moi antifranquista comarca de Ferrol, xunto con Gabriel Vázquez Seijas, Xosé Chao Rego, Cuco Ruíz de Cortázar, Vicente Couce, Manuel Ladra López, Elías Seoane ou Anxo Ferreiro. A historia de todos eles está recollida no libro de Rosa Cal Los curas contra Franco (Edicións Embora)

    Foi crego na parroquia de San Pablo, que viña de ser creada e non tiña nin igrexa. O 10 de marzo de 1972 extraeu coas súas propias mans balas do interior das feridas de varios dos obreiros abatidos pola policía e ocupouse dos funerais de Amador Rey e Daniel Niebla, aos que cualificou de "mártires", obrigando á policía franquista a axeonllarse antes eles.

    Pouco despois abandonou o sacerdocio e en 1979 converteuse no primeiro alcalde de Narón na democracia, nas listas de Unidade Galega. Ocupou o cargo ata 1985 en que foi elixido deputado no Parlamento galego nas listas do PSG-EG.

  6. 06

    Anxo Ferreiro Currás

    Despois de ser crego en Viveiro, Anxo Ferreiro chega a Ferrol no ano 1967 para converterse en párroco de San Xoán de Filgueira. Alí levou a cabo un labor pastoral moi achegado aos problemas da veciñanza, obreiros en gran parte. 

    En 1972, despois dos asasinatos de Amador e Daniel, foi detido e encarcerado dous meses, sendo xulgado e absolto polo TOP ao ano seguinte. A partir dese momento comezou a compaxinar o seu traballo na parroquia cun emprego como profesor de autoescola. 

    Participou nas organizacións Justicia y Paz e Cristianos por el Socialismo e achegouse máis ao galeguismo, colaborando en Encrucillada e sendo un dos fundadores na Asociación Irimia. En 1992 abandonou o sacerdocio e casou, traballando como profesor de autoescola ata a súa xubilación

  7. 07

    Xaime Seixas Subirá

    Xaime Seixas, o Padre Seixas, pasou á historia por oficiar a primeira misa integramente en galego dende a Segunda República. Foi na igrexa de San Domingos de Bonaval, en Compostela, o 25 de xullo de 1965. Tamén foi o primeiro en dar unha homilía en galego en Vigo, durante o enterro de Antón Beiras García. 

    O seu exemplo foi seguido por outros pioneiros, como Antón Gómez Vilasó, que en 1967 comezou a dar misas en galego na parroquia do Castiñeiriño de Santiago, ou por Manuel Espiña que fixo o mesmo na Coruña a partir de 1968

    Seixas Subirá estudiara Teoloxía en Salamanca, onde fundara as organizacións Vanguardia Obrera Juvenil e Vanguardia Obrera y Social. Máis tarde marchou de misioneiro á República Dominicana e ao seu regreso instálase en Vigo, onde impulsa entidades de cristianismo social.

  8. 08

    Vicente Couce

    O 25 de xaneiro de 1970 Vicente Couce e Ramón Chao, párroco e coadxutor da parroquia ferrolá de Santa Mariña foron xulgados polo Tribunal de Orden Público (TOP) por asistir a "reuniones de una organización laboral declarada ilegal", solicitar fondos na misa para apoiar aos obreiros que foran detidos e por realizar "propaganda ilegal" ao editar "300 ejemplares a multicopista de un folleto de carácter extremista". Couce foi condenado, sendo encarcerado na prisión de Zamora, reservada pola ditadura franquista para os cregos.

  9. 09

    Xosé Chao Rego

    Nacido en Vilalba en 1932, Xosé Chao estudou en Salamanca, Madrid e Roma antes de dar clase no Seminario de Mondoñedo e exercer como párroco en Santa Mariña (1959-1976). Nese momento abandonou o sacerdocio e comezou a traballar como mestre en Vilalba e Compostela. Foi un dos impulsores de Encrucillada e Irimia

  10. 10

    Victorino Pérez Prieto

    Estudou en Salamanca, onde se licenciou en teoloxía dogmática cunha tese sobre a dimensión relixiosa da xeración Nós. Instalado en Galicia, foi crego na diocese de Mondoñedo-Ferrol. Foi o primeiro director da revista Irimia e é membro do Consello de redacción da revista Encrucillada.

  11. 11

    Cuco Ruíz de Cortázar

    Eliseo Ruiz de Cortázar, máis coñecido como Cuco, naceu en Ferrol en 1931 no seo dunha familia republicana e morreu na mesma cidade en 1978 dunha doenza hepática. Antes de estudar en Salamanca, estudara a carreira de perito mercantil e traballara no Porto de Ferrol. Exerceu como cura en varias parroquias da cidade naval, entre elas no barrio de Caranza, que viña de ser construído. Alí realizou un intenso traballo veciñal, de atención ás persoas desfavorecidas ou de alfabetización de adultos.A asociación de veciños do barrio de Caranza aínda leva o seu nome.

  12. 12

    Francisco Carballo

    Crego, teólogo e historiador, Francisco Carballo acumulou unha notable produción literaria, nomeadamente ensaios e investigacións históricas, entre as que destacan A igrexa galega Historia de Galicia ou as obras sobre as figuras de Alexandre Bóveda, Moncho Reboiras, Xosé Chao Rego ou Martín Sarmiento. 

    Foi un dos fundadores do semanario A Nosa Terra en 1977, do que foi un colaborador constante. E chegou a presentarse ao Senado nas listas do BNPG en 1979. Finou no ano 2014, momento no que recibiu unha homenaxe en Maceda, a súa terra natal.

  13. 13

    Faustino Rey Romero

    Nacido en Rianxo en 1921, Faustino Rey finou no ano 1971 en Bos Aires, onde se exiliara uns anos antes. Sendo crego, tivo problema coa xerarquía eclesiástica polas súas posicións antifranquistas e críticas ao celibato sacerdotal. En Catoira fundou o Ateneo Viquingo e foi precursor da coñecida Romaría Viquinga.