Este ano os beléns instalados en Momán (Xermade) e en Labrada (Guitiriz) fan fincapé no despoboamento do rural e na falta de servizos públicos
Nos últimos anos vén sendo habitual que Luis Rodríguez Patiño, o cura de Xestoso, impulse nas parroquias das que é sacerdote a confección de beléns que inclúen mensaxes de denuncia ante distintas problemáticas sociais. Este ano os beléns instalados na capela de San Antón, en Momán (Xermade) e en Labrada (Guitiriz) fan fincapé no despoboamento do rural e na falta de servizos públicos en moitos concellos destas zonas.
"O que este ano estamos reivindicando é que unha aldea calada é unha aldea esquecida, por eso pedimos dignidade e calidade para os nosos maiores, como a creación de un centro de día, servizos de autobús para eles poder ir o médico ou mesmo cobrar a pensión", di Luis Rodríguez Patiño. No belén tamén se representan parques infantís "porque os nosos fillos xogan". E, igualmente, demándanse "prezos xustos" para os produtos dos labregos, nomeadamente para o leite producido polos gandeiros.
"As aldeas non desaparecen, estanas matando", conclúe o cura de Xestoso, que subliña a demanda de "máis axudas e menos impedimentos para poder vivir nestes lugares".
"As aldeas non desaparecen, estanas matando", conclúe o cura de Xestoso
No belén de Momán aparecen tamén mensaxes sobre a discriminación racial e a preocupación polo medio ambiente. Ademais, quéixanse ante o Castelo de Herodes da falta de escolas e de atención sanitaria e lembran que "hai vivendas de sobra". No de Labrada hai igualmente un espazo para a denuncia do problema da violencia de xénero.
Outros anos os beléns denunciaran os desafiuzamentos, a homofobia, a ocupación israelí en Palestina ou as vallas e concertinas instaladas en Ceuta para impedir o acceso de inmigrantes
Hai uns anos os beléns do Val do Xestoso foran noticia en todo o Estado cando serviran para protestar contra a homofobia do bispo de Castellón, Casimiro López Llorente, que afirmara que o matrimonio igualitario "deriva en violencia" e en fillos "con perturbacións". Noutras ocasións, os nacementos instalados nas parroquias de Luis Rodríguez Patiño denunciaran os desafiuzamentos, a ocupación israelí en Palestina ou as vallas e concertinas instaladas en Ceuta para impedir o acceso dos inmigrantes.
Rodríguez Patiño recibiu varias sancións por parte da xerarquía eclesiástica por mor de declaracións públicas nas que pediu a excomuñón para os políticos e banqueiros corruptos, criticou o celibato ou denunciou "a actuación dos sacerdotes pederastas e o silencio da xerarquía eclesiástica ante os abusos”. De igual xeito, en varias ocasións permitiu que nas misas que oficiaba no Entroido a xente fose disfrazada á igrexa, sinalando, simplemente, que "no Entroido, a xente disfrázase". O cura de Xestoso mantén o seu compromiso social, con problemas globais e tamén locais e, por exemplo, este verán denunciou publicamente a situación da estrada que pasa por Xermade.
Contra a Conferencia Episcopal
A comezos de decembro criticou o posicionamento da Conferencia Episcopal en contra do acordo de goberno entre PSOE e Unidas Podemos
A comezos de decembro criticou o posicionamento da Conferencia Episcopal en contra do acordo de goberno entre PSOE e Unidas Podemos, sinalando que "algúns bispos" merecerían "ser condenados ao Inferno". Luis Rodríguez Patiño denunciaba que a xerarquía eclesiástica "é reacia a admitir as premisas do mundo moderno que procede da reforma e da Ilustración" e que "en repetidas ocasións" caera "na trampa da belixerancia, utilizando de modo indirecto os seus poderes como grupo de presión".
O crego criticaba que a xerarquía se convertera "en institución de poder, propietaria de recintos educativos, gardiá de costumes burgueses e aliada de moveientos, partidos e organizacións conservadoras e reaccionarias". E pedíalle á Igrexa "que recupere a súa misión evanxelizadora, sexa una institución critica, de liberdade, apoie coa súa forza moral as reivindicacións das clases sociais e grupos máis desfavorecidos, cese os seus concordatos cos poderes e subscriba acordos co pobo".