O cura de Xestoso protesta nun belén contra a homofobia do bispo de Castellón

Xa en 2013 o Cura de Xestoso 'precintou' o portal, en protesta polos desafiuzamentos Dominio Público Praza Pública

Luis Rodríguez Patiño, o cura de Xestoso, tennos afeitos ás súas intervencións públicas de denuncia de distintas realidade sociais, unha posición crítica non habitual entre os sacerdotes. Faino nas súas misas, a través dos medios de comunicación e, tamén, nos beléns que instala nalgunha das parroquias que atende no Val do Xestoso, entre os concellos de Monfero, Xermade, Aranga e Guitiriz. Xa hai uns días sorprendeu facendo nacer o neno entre reixas, detida a súa familia despois de realizarlle un escrache a Herodes, nun acto simbólico de protesta pola Lei de Seguridade que prepara o Goberno e que podería restrinxir o dereito de manifestación.

"É unha vergoña escoitar isto dun bispo que lle debería ter máis amor ao próximo e sobre todo, aos desprezados”

De igual xeito, situou uns cartaces na representación do nacemento instalada en Xermade nos que se explicita a prohibición de acceso aos gais, ante a sospeita de que un dos Reis Magos poida ser homosexual. Rodríguez Patiño denuncia deste xeito as palabras pronunciadas hai uns días polo bispo de Castellón, Casimiro López Llorente, nas que afirmaba que o matrimonio gai "deriva en violencia" e en fillos "con perturbacións". "É unha vergoña escoitar isto dun bispo que lle debería ter máis amor ao próximo e sobre todo, aos desprezados”. O belén inclúe outros elementos reivindicativos, coma referencias ás vallas e concertinas instaladas en Ceuta para impedir o acceso dos inmigrantes.

 

O cura de Xestoso

"Se Xesucristo vivise hoxe en día sería desafiuzado", dixo o ano pasado

Luis Rodríguez Patiño non cala o que pensa. Nos últimos anos foron moitas as veces en que saltou á primeira plana dos medios de todo o Estado por realizar declaracións que na boca doutra persoa non serían excesivamente noticiables, pero que si sorprenden en moitos ámbitos cando veñen dun crego, coma neste caso. Unhas declaracións que xa lle custaron máis dunha sanción por parte da xerarquía eclesiástica.

"Se Xesucristo vivise hoxe en día sería desafiuzado", dixo o ano pasado, no que precintou o seu belén, simulando que os seus personaxes foran desaloxados. "Os que fan a usura e os que cooperan coa usura non poden pertencer á Igrexa", sinalou igualmente. Noutras ocasións denunciou o sufrimento do pobo palestino e a represión israelí, pedíndolle "a todos os sacerdotes que non queiran ferir os fillos de Deus, que aman a paz e que respectan a autodeterminación do pobo palestino, que no mencionen Israel nas súas celebracións, e menos cun sentido dun pobo que ama a verdade".

Pediu tamén a excomuñón para os políticos e banqueiros corruptos, criticou o celibato, denunciou "a actuación dos sacerdotes pederastas e o silencio da xerarquía eclesiástica ante os abusos”. E, de igual xeito, permitiu que nas misas que oficiaba no Entroido a xente fose disfrazada á igrexa, sinalando, simplemente, que "no Entroido, a xente disfrázase".

Xa en 2013 o Cura de Xestoso 'precintou' o portal, en protesta polos desafiuzamentos Dominio Público Praza Pública
O cura de Xestoso tamén chamou a atención, noutros anos, por permitir que a xente acudise disfrazada á misa Dominio Público http://chanteiro.blogspot.com.es/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.