Maceda despide a Francisco Carballo cunha homenaxe

Francisco Carballo © BNG

O pasado 29 de novembro finaba en Salamanca, aos 89 anos de idade, Francisco Carballo, crego, teólogo e historiador. Este sábado 27 a localidade que o viu nacer, Maceda, acollerá unha homenaxe, que comezará ás 17 horas no Salón Multiúsos da vila, a carón do Centro de Día. No acto participarán Xabier Oviedo (alcalde de Maceda), Xavier Vence (portavoz nacional do BNG), Cesáreo Sánchez (presidente da AELG), o xornalista Xan Carballa, o presbítero Manuel Peleteiro, Milagros Calvo (sobriña de Francisco Carballo), Bieito Seara (ex alcalde de Maceda) e o investigador Santiago Prol. Na homenaxe, organizada polo Concello de Maceda, proxectarase tamén o vídeo "Francisco Carballo, sempre no corazón".

No acto intervirán o alcalde de Maceda, Xabier Oviedo, ademais de Xavier Vence, Cesáreo Sánchez ou Xan Carballa, entre outros

Acumulou unha notable produción literaria, nomeadamente ensaios e investigacións históricas, entre as que destacan A igrexa galega Historia de Galicia ou as obras sobre as figuras de Alexandre Bóveda, Moncho Reboiras, Xosé Chao Rego ou Martín Sarmiento. Santiago Prol e Xan Carballa, que participan na homenaxe, publicaron en 2002 un libro de Conversas con Francisco Carballo, que permite afondar na súa figura. Recentemente Irmandade TV difundiu unha das últimas entrevistas realizadas ao escritor.

Foi un dos fundadores do semanario A Nosa Terra en 1977, do que foi un colaborador constante. Tamén publicou colaboracións en A Trabe de Ouro e Encrucillada. Mantivo igualmente unha destacada militancia no nacionalismo galego e mesmo chegou a presentarse como candidato ao senado polo BNPG nas eleccións de 1979. En 1981 foi condenado a seis meses e un día de prisión menor e a 20.000 pesetas de multa por calumnias á policía no libro Historia de Galicia.

En 2012 recibiu o premio Bos e Xenerosos que cada año entrega a AELG recoñecendo "o carácter ético da súa obra e o seu compromiso co país"

En 2012 recibiu o premio Bos e Xenerosos que cada año entrega a Asociación de Escritoras en Lingua Galega (AELG) recoñecendo "o carácter ético da súa obra e o seu compromiso co país". Nese acto Mercedes Queixas destacou que Carballo "ao longo de máis de corenta anos participou, coa súa investigación histórica e a súa imprescindíbel reescrita, xunto ao seu activismo, en dotar de contidos vertebradores a realidade social e cultural de Galiza, o que o converte hoxe nunha figura referencial para a cultura e a sociedade galega no seu conxunto". De igual xeito, tras coñecer a nova do seu pasamento, Cesáreo Sánchez. presidente da AELG, destacaba que Carballo "foi un home que abriu camiños na investigación histórica de Galicia" e que "incidía en que os galegos e galegas temos que coñecer a nosa propia historia e liberarnos daquela que nos veu imposta dende fóra".

Díptico do acto de homenaxe Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.