A Inquisición condena a Torres Queiruga por "distorsionar a fe da Igrexa"

Andrés Torres Queiruga © Religare

"Promover e tutelar a doutrina sobre a fe e os costumes". Así explica a Conferencia Episcopal Española o labor da Comisión de Doctrina de la Fe, o organismo que "contribúe á transmisión da fe" e "vela para que a ensinanza impartida no nome da Igrexa sexa fiel ao que a Igrexa cre e profesa". Esta comisión do órgano directivo dos bispos que actúa como gardiana da ortodoxia católica non é outra que a Inquisición española, aínda que cunha denominación técnica, máis adaptada aos tempos. A versión contemporánea do mítito e tétrico Santo Oficio vén de emitir unha "notificación" contra o profesor, teólogo e académico galego Andrés Torres Queiruga, isto é, veno de sancionar ou, o que é o mismo, denúnciao publicamente por cometer unha suposta herexía coas súas obras teolóxicas e filosóficas.

Segundo a notificación, asinada polo presidente da comisión e bispo de Almería, Adolfo González, á Conferencia Episcopal chegaron "en repetidas ocasións" consultas "sobre a conformidade dos escritos" de Torres Queiruga "coa ensinanza da Igrexa Católica". "Tras un estudo da súa abondosa produción literaria" o órgano inquisitorial "mantivo un diálogo extenso e detido co autor". Despois desas conversas "considerou necesario ofrecer unha clarificación do seu pensamento teolóxico" en tres materias: "a revelación, o diálogo das relixións e a resurrección". Esa clarificación é, realmente, unha denuncia formal sobre, segundo a comisión, o quebrantamento de sete principios doutrinais por parte do teólogo galego.

A renomeada Inquisición acusa a Torres Queiruga de "confundir" os fieis en aspectos como "o realismo da resurrección de Xesucristo"

Os inquisidores aseguran que dende a cúpula eclesiástica se "alenta" e "valora profundamente" o "empeño por comunicar a palabra de Deus respondendo as inquedanzas do noso tempo" pero sempre que isto se faga "segundo a interpretación" da propia Igrexa, porque estes contidos "non son froito dunha teoloxía opinable, senón da existencia do Espírito Santo", subliñan. Nesta liña, consideran que os pensamentos de Torres Queiruga "distorsionan elementos da fe da Igrexa" como "a clara distinción entre o mundo e o creador e a posibilidade de que Deus interveña na historia e no mundo alén das leis que el mesmo estableceu" ou a distinción entre "creación e salvación", así como "a necesidade da graza sobre natural para alcanzar o fin último do home".

Do mesmo xeito, o órgano herdeiro do Santo Oficio cre que Torres Queiruga non respecta "o carácter indeducible da Revelación, mediante a cal Deus deu a coñecer ao home o seu designio salvífico", a "unicidade e universaliade da mediación salvífica de Cristo e da Igrexa" e "o realismo da resurreción de Xesucristo, en canto acontecemento histórico milagroso e transcendente". "O sentido xenuino da oración de petición", a "mediación da Igrexa na súa oración polos difuntos" ou "a distinción real entre o momento da morte persoal" e o da "culminación e plenitude da historia e do mundo" son outros dos aspectos que a Comisión de Doutrina insta a que Andrés Torres Queiruga "clarifique". Trátase, aseguran, de que o seu pensamento estea "en plena consonancia coa tradición de fe autorizadamente ensinada polo Maxisterio da Igrexa" e así "evitar a confusión no pobo de Deus".

 

Andrés Torres Queiruga © Religare

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.