25 anos sen Moncho Valcarce, o home que "logrou facer tanto porque nunca deixou de ser un máis"

Inauguración da placa en homenaxe a Ramón Valcarce CC-BY-SA Praza Pública

O 1 de febreiro de 1993 morría na Coruña Ramón Valcarce, Moncho. Este xoves, no seu 25 cabodano, o Cura das Encrobas recibiu a homenaxe que dende entón estaba pendente na súa cidade natal. Un sinxelo e emotivo acto serviu para inaugurar unha placa na casa na que naceu en en 1935, destacando na mesma unha frase do propio Valcarce: "o compromiso liberador consiste en identificarse cos que sofren o peso da opresión para colaborar na conquista dunha nova Galiza e dun novo mundo". Interviron Ramón Muñiz (presidente da Irmandade Moncho Valcarce), un representante da familia e o alcalde Xulio Ferreiro, que estaba acompañado por unha parte importante do grupo de Goberno e doutros edís, como Avia Veira (BNG). O vindeiro 19 de febreiro os actos de lembranza e recoñecemento continuarán coa inauguración dunha exposición no Fórum Metropolitano da cidade.

Ramón Muñiz comezou a súa intervención destacando o feito de que "Moncho é homenaxeado en tantos lugares, pero carecía de ningunha representación pública na súa cidade natal da Coruña onde puidese ser recordado e dignificado polos seus cidadáns", un esquecemento de décadas que tamén foi sinalado por Xulio Ferreiro, subliñando que "nunha cidade que se caracterizou durante bastante tempo por manter estatuas e honras a aqueles cuxa lembranza se fundamentaba unicamente na dor que causaron, é un acto de xustiza e de recoñecemento que dende hoxe contemos con esta placa que lembrará a Moncho, o noso veciño".

O rexedor sinalou tamén a coincidencia da inauguración coa posta en marcha -este mércores- do Consello da Memoria Democrática da Coruña e, sobre todo, co pasamento de Domingos Merino: "É desas persoas que marchan deixando tras de si unha sociedade máis xusta da que atoparon. Ao igual que Domingos Merino, que onte nos deixou, Moncho Valcarce é desas contadas persoas que marcharon deixando, detrás de si, futuro". 

“Moncho Valcarce forma parte con todos os honores da memoria histórica. En plena ditadura numerosos mozos e mozas, de partidos organizados antifranquistas, achegáronse á súa reitoral, onde vivía, para facer as súas xuntanzas, para agochar os seus materiais de propaganda e alí atopaban refuxio e apoio. El mesmo soubo de detencións, cárceres, multas, malleiras, mesmo de ameazas de morte naqueles tempos escuros por defender as causas xustas”, destacou Ramón Muñiz. “Moncho Valcarce, sacerdote, identificado coa Teoloxía da Liberación, entendía que o cristián de verdade tiña o deber de loitar contra calquera poder opresivo para conseguir a xustiza social. Para Moncho, dende a súa fe, a resignación non era unha opción", dixo, engadindo que "así o demostrou na práctica, integrándose el mesmo nas loitas que os labregos e labregas galegas mantiñan na defensa das súas terras, das súas casas, das súas vidas".

"Moncho Valcarce, dende o seu pensamento humanista e cristián, revolucionario e místico, dedicou a súa vida a convivir, defender e sufrir coa xente máis vulnerable, converténdose nun referente carismático dos máis oprimidos da nosa terra, constituíndo un orgullo para Galicia e os galegos e galegas de boa fe”, rematou Muñiz, lembrando os versos que na súa morte lle dedicara Xulio López Valcarce (“A luz do teu exemplo vencerá o ollar torvo, sentíndonos irmán, sen ti, moito máis orfos”) e concluíndo que "cando pasemos por esta rúa e vexamos esta placa pensaremos que aínda hai esperanza dunha nova Galicia e dun novo mundo". 

As palabras de Xulio Ferreiro foron tamén de gabanza e recoñecemento: "O home que homenaxeamos hoxe logrou facer tanto porque na súa inmensidade nunca deixou de ser un máis, nunca deixou de ser xente do común. Por iso, tanto en Sésamo coma en Sueiro ademais de cura foi labrego. Por iso, sempre falou e promocionou a lingua que falaban os seus veciños e veciñas. E por iso, a pesar de toda oposición que tivo en contra, nunca deixou de loitar polo patrimonio ambiental de Galicia e os dereitos dos traballadores e traballadoras". "Moncho Valcarce pensou que era necesario protexer pero tamén investir e innovar no rural. Foi o home que puxo en marcha unha biblioteca ambulante e converteu a súa igrexa nun refuxio de liberdades en tempos de represión", dixo.

"Moncho Valcarce conseguiu moito con pouco. Nas Encrobas, xunto con outros moitos homes e mulleres, moitos e moitas xa maiores, desafiaron os poderes establecidos e fixérono tan só con palabras na boa e paraugas nas mans", concluíu o rexedor, que rematou afirmando que "a súa loita foi un exemplo para moitos e moitas".

 

Sempre do lado dos débiles

O 1 de febreiro de 1993 Moncho Valcarce morreu de cancro na Coruña, despois dunha vida de loita compaxinando durante anos o seu labor como crego e a súa militancia política: nacionalista e de esquerdas. Foi soterrado no cemiterio de Santo Amaro cuberto cunha bandeira estreleira e entre os versos de Bouza Brey. En 1969 comezara a exercer de crego en Sésamo, unha parroquia de Culleredo, onde se distinguiu polo carácter participativo das misas, a gratuidade nos servizos, a eliminación dos confesionarios, a introdución do galego como lingua litúrxica, e polas súas proclamas contra o caciquismo e as inxustizas.

Moncho Valcarce foi xirando cara ao nacionalismo e traballou sobre todo nas Comisións Labregas e na AN-PG. Con eles participou moi activamente nos conflitos sociais que se viviron en Baldaio ou en Xove e tamén nas reivindicacións dos gandeiros contra a Cota Empresarial da Seguridade Social. En 1979 foi elixido concelleiro polo BNPG en Culleredo, onde chegou a ser tenente de alcalde. Sempre resultou incómodo para a xerarquía eclesiástica, que fixo todo o posible para afastalo da política enviándoo en 1987 a Salamanca coa desculpa de realizar un curso teolóxico na Universidade Pontificia.

"Entendeu que a vida dun sacerdote era dedicarse a defender os dereitos dos máis débiles", destacaba Ramón Muñiz nesta entrevista, realizada no 20 aniversario da morte de Moncho Valcarce. Un dos mellores exemplos das loitas que sostivo do lado dos seus veciños e veciñas está na súa participación activa nas protestas contra a ocupación forzosa das Encrobas a cargo da empresa Lignitos de Meirama. En 2017 conmemorouse o 40 aniversario daquel conflito.

O acto pechouse coa entoación do Himno Galego CC-BY-SA Praza Pública
Intervención de Xulio Ferreiro no acto CC-BY-SA Praza Pública
Placa inaugurada este xoves na casa natal de Moncho Valcarce CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.