O semanario Teima comezou a editarse en novembro de 1976 e publicou o seu derradeiro número (o 35) en agosto de 1977, debido aos seus problemas económicos
Entre 1976 e 1977 estivo en marcha un dos proxectos xornalísticos máis interesantes de Galicia nas últimas décadas. O semanario Teima comezou a editarse en novembro de 1976 e publicou o seu derradeiro número (o 35) en agosto de 1977, debido aos seus problemas económicos. Nove intensos meses nos que a publicación -o primeiro semanario xornalístico editado integramente en galego en Galicia- realizou un xornalismo valente, cun gran peso para a investigación e cunha maquetación e un deseño moi coidados.
Neste martes 3 de maio, Día da Liberdade de Prensa, o Consello da Cultura Galega vén de poñer na rede o arquivo completo da publicación. O especial acompáñase dun artigo de opinión a cargo do que foi o seu director, Ánxel Vence, e dunha análise realizada polo xornalista Luis Villamor, autor dunha tese monográfica sobre Teima.
Teima naceu seguindo o ronsel doutras revistas de información e análise -de Triunfo a Cambio 16, pasando por Berriak no País Vasco ou Arreu en Cataluña- que nese momento de rápidos e profundos cambios sociais pugnaban por relatar a nova realidade a unha masa de lectores crecente e ávida de respostas. Nos seus nove meses de traxectoria houbo un referendo para a Reforma Política, legalizouse o PCE, celebráronse as primeiras eleccións democráticas e tiveron lugar as protestas de As Encrobas ou Xove, entre outros acontecementos.
Ademais de Ánxel Vence como director, pola redacción de Teima pasaron Víctor Fernández Freixanes, Luís Álvarez Pouza, Perfecto Conde, Manuel Rivas, Xavier Navaza ou Xosé María García Palmeiro.
Pola revista pasou un selecto grupo de xornalistas (todos homes), moi novos todos, e que nas décadas seguintes acadarían posicións de importancia nos medios de comunicación galegos. Ademais de Ánxel Vence como director, pola redacción de Teima pasaron Víctor Fernández Freixanes, Luís Álvarez Pouza, Perfecto Conde, Manuel Rivas, Xavier Navaza ou Xosé María García Palmeiro. Ademais, parte das fotografías correspondían a Xurxo Lobato, o deseño a Xosé Vilasó e debuxantes como Siro López, Xaquín Marín encargábanse das ilustracións.
Teima nace destacando que nese momento no escenario mediático “faltaba a perspectiva galega, faltaba un medio que dun xeito sistemático presentáse, sintetizáse e analizáse as diferentes caras das realidades e dos problemas galegos”
De igual xeito, a corrección lingüística era responsabilidade de Rosario Álvarez Blanco ou Francisco Fernández Rei. Afonso Ribas, primeiro, e Carlos Vázquez no final da publicacións foron os xerentes encargados de levar adiante a administración da empresa. E entre o colectivo que nun primeiro momento impulsou a publicación, editada por Sociedade Galega de Publicacións, figuran Carlos Casares, Xosé Manuel Beiras, Daniel Pino, Xan López Facal, Enrique Aller ou César Portela.
A revista presentouse no seu número cero “co obxectivo prioritario de informar, de conta-lo que pasa e cómo e por qué pasa en Galicia, de analizar críticamente o que preocupa a tódolos homes deste país”, destacando que nese momento no escenario mediático “faltaba a perspectiva galega, faltaba un medio que dun xeito sistemático presentáse, sintetizáse e analizáse as diferentes caras das realidades e dos problemas galegos”.
"Se ben é certo que os primeiros exemplares tiñan publicidade a fartar, a conta de anunciantes foi esmorecendo semana tras semana, a medida que se publicaban informacións e opinións verbo de asuntos dos que nese momento só era conveniente tratar na intimidade. As boas vendas da revista non abondaron para tapar ese burato", di Ánxel Vence
"Pode que Teima incorrese por iso no adanismo, pero é que aqueles eran tempos de Adán nos que todo parecía empezar", escribe Ánxel Vence no artigo que acompaña o especial publicado polo Consello da Cultura Galega, subliñando que en boa medida a mocidade da redacción e do equipo fundador "ha desculpar, se cadra, algúns dos pecados de adolescencia que -segundo os críticos- afectaron á publicación, moito máis inclinada á esquerda do que seica aconsellaría, desde un punto de vista comercial, un país basicamente conservador como era e aínda é Galicia".
"Se ben é certo que os primeiros exemplares tiñan publicidade a fartar, a conta de anunciantes foi esmorecendo semana tras semana, a medida que se publicaban informacións e opinións verbo de asuntos dos que nese momento só era conveniente tratar na intimidade. As boas vendas da revista non abondaron para tapar ese burato", explica Vence. Teima pechou cunha cifra 2.000 subscritores e subscritoras.
"Teima foi un lóstrego informativo e como tal efémero, que deixou testemuño dos problemas estruturais presentes na Galicia dos anos 70", di Villamor
Pola súa banda, Luis Villamor salienta que "Teima foi un lóstrego informativo e como tal efémero, que deixou testemuño en 1.300 páxinas nas que se abordan os problemas estruturais presentes na Galicia dos anos 70". "Tiña unha linguaxe crítica, desenfadada e distinta", destaca, valorando especialmente as entrevistas e "o grao de liberdade expresiva e analítica da publicación a súa ousadía democrática", con "temas e enfoques que non existían noutra da prensa do momento".
"O plan empresarial de Teima era máis difuso e feble no económico que no informativo", di Villamor
Con todo, ao mesmo tempo Villamor sinala a febleza do proxecto a nivel empresarial e económico. "O plan empresarial de Teima era máis difuso e feble no económico que no informativo", di, sinalando que "xunto co choque cos grandes anunciantes da publicación, a falta de cobro de moitas das contratacións publicitarias xeneraron un grave problema de tesourería".
Na web do Consello da Cultura poden consultarse todos os números de Teima e tamén a edición completa de A Nosa Terra
Proxecto Hemerográfico do CCG
A dixitalización da publicación insírese dentro dunha liña de traballo consolidada do Consello da Cultura Galega que procura a dixitalización de fondos hemerográficos. Dentro desta liña publicouse xa a edición completa de A Nosa Terra, así como o proxecto Repertorio de prensa da emigración que cada terceiro xoves de mes difunde novas cabeceiras xurdidas da man de sociedades galegas fundadas na emigración. Ademais, a dixitalización desta cabeceira encaixa nunha liña estratéxica que se mantén ao longo de todo o ano que busca afondar na forxa da autonomía, é dicir, no coñecemento dos movementos xurdidos na xénese da etapa autonómica.