Un día despois da morte de Xosé Neira Vilas, o mundo da cultura galega recibiu un novo pau co falecemento do teólogo e tamén escritor Xosé Chao Rego aos 83 anos de idade en Compostela. Nado en Vilalba, foi promotor de revistas de renovación cristiá como Irimia e Encrucillada, habitual columnista da prensa galega e Premio da Crítica de Ensaio en Galego en 1984 por Eu renazo en galego e en 2005 por O demo meridiano.
O teólogo e escritor impulsou revistas de renovación cristiá como 'Irimia' e 'Encrucillada'
Xosé Chao estudou filosofía en Salamanca e Madrid e teoloxía en Roma e foi consagrado sacerdote en 1956 na basílica de San Pedro. Ademais, foi profesor do seminario de Mondoñedo e párroco de Santa Mariña do Vilar en Ferrol (1959-1976), nun período clave dos últimos anos do franquismo. Acaba regresando á súa casa natal de Vilalba, onde dedica a súa vida ao estudo e á publicación cultural e relixiosa, converténdose nunha das principais figuras de todo o Estado sobre temas teolóxicos e antropolóxicos.
Exerceu tamén como profesor de instituto en Vilalba e en Santiago de Compostela e unha das figuras clave da renovación cristiá e do galeguismo que se artellou arredor das publicacións católicas que el mesmo impulsou. Irmán do xornalista e escritor Ramón Chao e tío do músico Manu Chao, desde 2002 foi socio de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG).
Entre a súa inmensa obra destacan Prisciliano, profeta contra o poder; Para comprendermos Galicia; A condición homosexual; ¿Por que nos sentimos culpables?; O sexo, a muller e o crego ou Itinerario da conciencia galega, entre moitas outras creacións.
O velorio de Xosé Chao levarase a cabo no tanatorio de Boisaca e o funeral terá lugar este mesmo domingo.