A, noutros tempos, moi católica España está a quedar sen cregos. Os últimos datos, correspondentes a este curso, que vén de ofrecer a Conferencia Episcopal con motivo do día do Seminario, móstrano ás claras. Nun territorio que hai varias décadas sacaba peito con máis de 8.000 seminaristas, hoxe apenas conta con 1.206 aspirantes ao sacerdocio.
Ante esta seca, algúns bispos tentaron traer curas doutras latitudes. Outros, os máis conservadores, recorren aos curas formados polo ultra Camiño Neocatecumenal, os kikos, organización liderada polo polémico Kiko Argüello e abertamente apoiada polo vilalbés Antonio María Rouco Varela, ex-arcebispo de Santiago e Madrid. Ademais, á falta de vocacións súmase o feito de que apenas a metade dos que empezan o Seminario o rematan. Os datos da CEE son concluíntes: en 2018 entraron 236 novos seminaristas... pero abandonaron 135. Os datos son moito peores no caso dos seminaristas menores, que pasan de 1.061 a 918. Por primeira vez, menos do milleiro.
Ante a falta de curas algunhas dioceses optan por 'importalos' do estranxeiro e outras, por seminarios paralelos xestionados pola organización ultraconservadora Camino Neocatecumenal, entre elas Lugo e Ourense
Que facer fronte a esta situación? Os bispos españois puxeron sobre a mesa dúas opcións. A primeira, que foi recibida con precaución por Roma, é a importación de sacerdotes doutros lugares do mundo, fundamentalmente de África, Sudamérica e, en menor medida, Asia.
Como ocorre no caso das monxas, o Vaticano puxo o foco de alarma despois de comprobar algúns casos polémicos, como o do falso cura de Medina-Sidonia (Cádiz), que levaba 18 anos exercendo sen estar ordenado. Ou o caso de moitos relixiosos, fundamentalmente asiáticos, que chegan a España co obxectivo de estudar baixo o paraugas dunha orde, para despois abandonala sen chegar a profesar.
Os opostos a Francisco
A segunda opción é moito máis preocupante. 14 dioceses españolas, que na súa gran maioría -coa excepción de Madrid, aínda que neste caso foi o cardeal Rouco quen o impuxo- coinciden cos bispos máis ultraconservadores e opostos ás reformas do Papa Francisco en España, abriron nos últimos anos seminarios paralelos aos diocesanos, e xestionados polo Camino Neocatecumenal. Entre eles figuran os de Lugo e Ourense.
Os kikos son un dos movementos máis conservadores da Igrexa, ofrecen aos bispos moitos seminaristas que apenas abandonan a carreira eclesiástica e xa son un 20% do total estatal
E é que os kikos, un dos movementos máis conservadores da Igrexa, ofrecen aos bispos moitas vocacións (son dos poucos grupos católicos que seguen crecendo) nun momento en que os seminarios diocesanos se baleiran, e moitas parroquias, especialmente nas zonas rurais, teñen que botar o peche por falta de curas. E os datos danlles a razón: este ano, os kikos achegan 222 seminaristas, case un 20% do total de aspirantes ao sacerdocio en España. E dos que menos abandonan, apenas 32 (case a metade en Madrid, co bispo menos conservador de todos os que acollen estes centros).
Así, e ademais do de Madrid, hai seminarios kikos en Alcalá (a diocese de Juan Antonio Reig Pla, o bispo máis próximo a HazteOir e Vox dos residentes en España), Burgos (Fidel Herráez foi bispo auxiliar con Rouco e é un dos líderes do movemento anti-Francisco en España) ou Cádiz-Ceuta (cuxo titular, Rafael Zornoza, tamén é coñecido polas súas actitudes neoconservadoras).
O vilalbés Rouco Varela é un dos grandes apoios desta organización ultra
Tamén, en Cartagena (Murcia), cuxo bispo se atopa en plena polémica or unha misa-homenaxe a Franco solicitadas por seminaristas próximos a Vox, Córdoba (dirixida por Demetrio Fernández, coñecido polos seus ataques ás mulleres e á ideoloxía de xénero) ou Granada (o arcebispo de Granada é outro dos asiduos nas listas de bispos homófobos).
León, Lugo ou Ourense son outras das dioceses con seminarios neocatecumenais. Unha das máis relevantes é Oviedo, cuxo arcebispo, Jesús Sanz, é o sucesor elixido polo cardeal Rouco para Osoro en Madrid, e Blázquez á fronte da Conferencia Episcopal. Pamplona, Segorbe-Castelló ou Sevilla, co polémico Juan José Asenjo á fronte, son as outras sedes episcopais que cederon os seus espazos aos seminarios kikos.