Un ex-crego enfróntase a catro anos de cárcere por roubos en igrexas de Ribadeo e Trabada

Adro da igrexa de San Vicente de Covelas, en Ribadeo, unha nas que o acusado foi párroco CC-BY-SA Agremon

En decembro de 2008 un crego mozo de orixe valenciana foi nomeado polo bispado de Mondoñedo-Ferrol como párroco de Santalla de Vilaosende, en Ribadeo. Apenas medio ano despois fóronlle encomendadas oito parroquias máis de Ribadeo e Trabada e en 2010 pasou a ser párroco doutras tres. Don José chegou a gobernar once parroquias ao mesmo tempo e nalgunhas delas comezou a ser ollado con receo. Sinalábano como responsable de roubos nas igrexas parroquias, subtraccións polas que se enfronta agora a unha petición de catro anos de cárcere por parte da Fiscalía.

"Con ánimo de ilícito enriquecemento dedicouse a apoderarse de incorporar ao seu patrimonio decenas de obxectos relixiosos e de culto", afirma a Fiscalía no seu escrito de acusación

Tras un primeiro aprazamento motivado pola folga do persoal da xustiza do pasado ano, o ex-sacerdote terá que sentar os días 20 e 21 de marzo no banco dos acusados da Audiencia Provincial de Lugo para responder como presunto autor dun delito de apropiación indebida polo que o Ministerio Público reclama catro anos e medio de prisión e dez meses de multa diaria de dez euros. Xunto a el sentará outro home, acusado de "receptación" dos bens presuntamente roubados.

Segundo o escrito de acusación da fiscal, "ata o seu cesamento como párroco" en 2012, cando anunciou tamén que deixaba o sacerdocio mentres negaba ter nada que ver cos roubos -que el mesmo denunciara, afirmaba-, "o acusado, con ánimo de ilícito enriquecemento", dedicouse a "apoderarse e incorporar ao seu propio patrimonio decenas de obxectos relixiosos e de culto, imaxes relixiosas" e mesmo "mobles e obxectos" das parroquias nas que, como máximo responsable, era "encargado da súa custodia".

Igrexa de San Lourenzo de Vilaframil, en Ribadeo CC-BY-SA Agremon

Sempre atendendo ao relato da Fiscalía, o modus operandi do ex-cura consistía en entregar os bens roubados ao outro acusado, que llos intercambiaba por outros "obxectos artísticos". Nesas "permutas" utilizou, por exemplo, "unha campá de ferro fundido do século XVIII", "unha imaxe de San Francisco" do mesmo século ou "dous sagrarios. Tamén "entregou", indica o escrito de acusación, "dous estantes, varios anacos dun altar, un confesionario, un armario sen porta, un reclinatorio" e outros dous mobles.

Entre os obxectos presuntamente roubados figuran dende unha campá de ferro fundido do século XVII ata imaxes de virxes e santos, mobles e mesmo un banco dunha igrexa parroquial, segundo a fiscal

Pero os obxectos subtraídos polo antigo cura eran máis, di a Fiscalía, algúns foron recuperados pola diocese e outros, aínda non. Entre os que si regresaron ao patrimonio eclesiástico están dúas figuras que representaban anxos, un peto de ánimas, unha imaxe de Santalucía, unha Virxe, un santo Antonio, unha Virxe dos Milagres tallada en pedra ou dos cálices de prata. Cruces, candelabros, misais ou mesas tamén foran roubados, pero recuperados.

Así e todo, o Bispado reclama tamén neste proceso outros obxectos que non volveron ás súas mans. É o caso dunha "imaxe de San Xosé recollida no inventario artístico de Lugo e da súa provincia", unha casula, dúas cómodas, imaxes de San Francisco e da Virxe do Carme, unha bandexa de prata, dous misais, un manto da Virxe das Dores, unha cruz, dous floreiros, unha mesa do século XVIII e mesmo un banco dunha igrexa, entre outros. Todos estes bens, evidencia a fiscal, "están sometidos a un réxime de especial protección derivado da súa especial natureza" e protexidos polas leis estatal e galega de patrimonio artístico e cultural.

Ademais das penas de prisión e multa o Ministerio Público defenderá no xuízo que o ex-crego indemnice o Bispado polos "obxectos non recuperados" e o suposto receptor dos bens, que "devolva os efectos recibidos que se atopan no seu poder".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.