Colectivos cristiáns piden desaloxar a Rouco Varela do seu piso de luxo

Plano da vivenda na que reside Rouco Varela © eldiario.es

O pasado mes de febreiro o ex arcebispo de Compostela e ex presidente da Conferencia Episcopal Antonio María Rouco Varela mudouse a un piso de luxo situado a carón da madrileña catedral de La Almudena. Trátase dun ático de 370 m2 e valorado en 1'7 millóns, con seis habitacións e catro baños, propiedade da Igrexa, pero que tivo que ser acondicionado para que Rouco o ocupase, unhas obras que tiveron un custe de medio millón de euros, con actuacións coma o forrado da cheminea con mármore ou a instalación de paneis de madeira traída da India. A tan custosa mudanza xerou polémica dende o momento do seu anuncio, pero nas últimas semanas o nivel de crítica dende o mesmo seo dos colectivos e medios de comunicación católicos elevouse considerablemente.

Por exemplo, Redes Cristianas, unha plantaforma formada por 200 grupos, comunidades e movimientos católicos de base de toda España, pide no seu editorial deste mes "Un escrache, por Dios!", en referencia ao que considera un "disparate" e un "escándalo" que fere "a sensibilidade cristiá". "Desde Redes Cristianas, que aposta por unha Igrexa equitativa e igualitaria, pensamos que este despropósito merece un rexeitamento público, unha denuncia profética e un escrache (intelectual, cando menos)", culpando da situación creada ao propio Rouco, por acción, e á Conferencia Episcopal, por omisión.

"Pensamos que este despropósito merece un rexeitamento público, unha denuncia profética e un escrache (intelectual, cando menos)"

De igual xeito, no xornal Vida Nueva, o seu redactor xefe escribe un artigo titulado "Non é lugar para cardeais" que "hai imaxes que lle fan máis dano á Igrexa que películas ante cuxos cines se montan exorcismos". "É que non había outro lugar máis discreto para retirarse? Como é que ninguén lle advertiu da vergoña que se lle viña encima a el e do dano para a imaxe de toda a Igrexa?", pregúntase, ao tempo que alerta da contradición que esta acción supón para a "Igrexa pobre e para os pobres que reclama Francisco e xa consagra o Evanxeo".

Tamén se suma ás críticas o portal Fe Adulta, que lle esixe a Rouco Varela que abandone a vivenda e que mesmo iniciou unha recollida de sinaturas en change.org. "A unha persoa que caeu nun desvarío podemos deixalo nel se non molesta a ninguén, se se trata dun tolo pacífico e amable. Pero neste caso as decisións de Rouco crearon gran malestar e moita indignación en moitas persoas, sobre todo entre católicos", escribe o seu director. Ou Religión Digital, que publicou varias informacións ao respecto, destacando que a polémica chegou xa ao Vaticano, onde as súas autoridades "están escandalizadas". "Cónstame que houbo presións de alto nivel para que dese marcha atrás. Pero o cardeal consideraba que, con todo o que fixo pola Igrexa española, tiña dereito a seguir co seu palacio e o seu coche", engade.

"A unha persoa que caeu nun desvarío podemos deixalo nel se non molesta a ninguén. Pero as decisións de Rouco crearon gran malestar e moita indignación en moitas persoas"

Non todo son críticas, iso si, e Rouco Varela si recibiu nos últimos días algúns apoios procedentes da xerarquía eclesiástica. En concreto, por parte do arcebispo de Toledo, Braulio Rodríguez (que tamén é criticado polos grupos cristiáns de base pola súa querencia polos luxos e os gastos desorbitados), que afirma que "se abriu a veda e Rouco está no disparadero".

Antonio María Rouco Varela CC-BY-SA Galipedia
Plano da vivenda na que reside Rouco Varela © eldiario.es
Vista exterior do edificio © Google

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.