Rouco Varela: o adeus do vicepapa que non soubo reinar

Rouco Varela, xunto ao presidente da Xunta © Xunta

Non sentan ben as despedidas. Talvez por iso, o cardeal Rouco Varela pronunciou o que foi o seu último discurso como presidente da Conferencia Episcopal coma se este mércores non fose nomearse o seu sucesor. Coma se hai agora un ano os ventos non cambiasen irremediablemente no Vaticano. O arcebispo de Valladolid, Ricardo Blázquez, foi o elixido para substituír a quen dirixiu a Igrexa española de 1999 a 2005 e de 2008 a 2014.

Rouco despediuse cos seus temas favoritos: a destrución da nación española, o laicismo, o relativismo, o materialismo e a brutal desprotección do matrimonio e da familia cristiás

Antonio María Rouco Varela (Vilalba, Lugo, 1936) fixo este martes un novo -e último- exercicio de mando, obviando a Igrexa misericordiosa e afastada do poder e das obsesións que postula desde Roma Francisco, e retomando os seus temas favoritos. A saber: a destrución da nación española, o laicismo, o relativismo, o materialismo e a brutal desprotección que padecen o matrimonio e a familia cristiás.

Un discurso confuso, esfiañado e no que non se deu unha mínima concesión á despedida ou á emotividade. E que foi recibido pola Asemblea Plenaria do Episcopado cun aplauso tenso. Tal e como foi a súa chegada á sede da Conferencia Episcopal. Mentres Blázquez, ou mesmo o polémico cardeal Fernando Sebastián eran recibidos con apertóns de mans e palmadas nas costas, a chegada do cardeal só foi recibida por breves murmurios. Triste fin de ciclo para un home que fixo e desfixo como quixo na Igrexa española nas últimas dúas décadas.

"A nación española atópase ameazada por posibles rupturas insolidarias", asegurou no seu último discurso

"A nación española atópase ameazada por posibles rupturas insolidarias", foi o cerne do discurso final de Rouco Varela. Unha descrición da actual situación de España en branco e negro, case apocalíptica. "Sufrimos -dixo Rouco- o envellecemento alarmante da nosa so­ciedade, co matrimonio e a familia atravesando unha crise profunda; a cultura disgregadora e materialista do ter e gozar percíbese en moitos campos, en particular, res­pecto dos inmigrantes, afectados, como tamén as clases medias, pola crise cultural e económica; a mesma nación española atópase con graves problemas de identidade, ameazada por posibles rupturas insolidarias; o nivel intelectual do discurso público é máis ben pobre, afectado o relativismo e o emotivismo".

Unha España que está a piques de romper a causa do "materialismo, do relativismo e do emotivismo", dunhas lexislacións que atacan sen compaixón o matrimonio e a familia cristiá, "célula básica de todo corpo social". Tamén, o ensino católico na escola, que é "un dereito dos pais". Non se esqueceu Rouco Varela de clamar contra o aborto e a defensa da vida "tanto nos comezos da existencia como nos finais", non sen advertir que "a Igrexa non reivindica ningún privilexio para ela".

 

Blázquez, o probable sucesor

Este mércores, coa case segura elección de monseñor Blázquez, ponse fin a case dúas décadas de mandato absoluto na Igrexa española, que se traduciu en catro trienios como presidente -de 1999 a 2005 e de 2008 a 2014-, superando sobradamente o cardeal Tarancón. E nun modelo de Igrexa que hoxe, un ano despois da elección do Papa Francisco, preséntase en franca retirada.

A marcha de Rouco supón o punto final a unha etapa marcada polo poder absoluto do cardeal

O adeus de Rouco -que non é definitivo, pois Bergoglio aínda non lle aceptou a renuncia ao Arcebispado de Madrid presentada en agosto de 2011, en plena efervescencia da Xornada Mundial da Mocidade de Madrid- supón pór o punto e final a unha etapa, probablemente a máis longa que viviu a Igrexa española contemporánea, marcada polo poder absoluto do cardeal, que se converteu nos últimos 20 anos nun auténtico "vicepapa" español, con mando en praza e capacidade para nomear e destituír bispos, impor teses políticas e arremeter contra congregaciones relixiosas e grupos de laicos que non se encartasen ás súas teses.

Baixo o seu mandato, a Conferencia Episcopal converteuse nun órgano netamente presidencialista e centralista, onde -especialmente baixo a portavocía do seu bispo auxiliar, Juan Antonio Martínez Camino- nada se facía sen a aquiescencia do cardeal de Madrid ou o seu fiel colaborador. O resultado foi a plena identificación da Igrexa española cunha opción política de dereitas, un modelo de familiar único e exclusivo -o mal chamado tradicional- e unha visión catastrofista dunha sociedade española marcada pola secularización, e unha Igrexa martirial e perseguida.

O seu mandato estivo marcado pola plena identificación da Igrexa coa dereita, un modelo de familiar único e unha visión catastrofista da sociedade

Rouco Varela foi o home de confianza de dous papas. Tanto Xoán Paulo II como Benedito XVI confiaron cegamente -máis Wojtyla que Ratzinger- no cardeal de Madrid, quen desde a atalaia da Congregación de Bispos foi, durante unha década, o home que decidía os nomeamentos -e destitucións- episcopais en España.

 

Os fillos de Rouco

Hoxe, boa parte dos prelados do noso país son fillos de Rouco Varela. Unha herdanza difícil para o seu sucesor, e para o modelo que, desde hai un ano, está a postular desde Roma o Papa Francisco. Unha primavera eclesial que, polo momento, resístese a chegar ao noso país. Rouco é, sen dúbida, o tapón para os novos aires.

Durante dúas décadas, o cardeal de Madrid creou un modelo de Igrexa de resistencia fronte ao impacto do laicismo e o secularismo. Un modelo que buscaba "gañar a rúa", para o que se entregou aos movementos eclesiais máis conservadores -tamén, os máis activos-, especialmente o Camiño Neocatecumenal, que logrou encher manifestacións, misas públicas en Colón e tamén, en boa medida, a JMJ de Madrid de 2011, sen dúbida, o gran éxito mundial de Rouco Varela.

Cargou contra os que non comulgaban cos seus postulados desde os seus púlpitos da Cope e 13TV

A través dos seus púlpitos -a Cadena Cope e, posteriormente 13TV-, o cardeal de Madrid cargou contra aqueles que, mesmo dentro da Igrexa, non comulgaban ao cento por cento cos seus postulados. O Nuncio Montero, o cardeal Sistach ou os bispos Sánchez ou Uriarte foron case defenestrados desde os micrófonos episcopais, mentres se daba cancha a grupos de ultradereita ou calaba ante as traxedias da inmigración ou de defensa de colectivos desfavorecidos.

Os teólogos, xunto aos relixiosos, foron os outros sectores que máis sufriron a ortodoxia promovida por Rouco Varela. A lista é interminable: desde Castillo y Estrado a Marciano Vidal, pasando por Juan José Tamayo ou, máis recentemente -e xa sen alcanzar os seus obxectivos- José Antonio Pagola.

Marcha sen dicir adeus, sabedor de que mentres o Papa non o xubile seguirá mantendo parte da súa cota de poder

Editoriais, congregacións, universidades católicas, sacerdotes "de esquerdas" tamén padeceron persecucións dun home que, en cambio, gañaba moito nas distancias curtas, onde se mostraba afable e mesmo cariñoso. E que marcha sen dicir adeus, talvez pensando -non sen razón- que mentres Francisco non o xubile, seguirá mantendo parte da súa cota de poder. Pero o tempo do cambio na Igrexa española xa chegou. Este martes, polo menos, comezou o das despedidas.

Rouco Varela, presidente da Conferencia Episcopal CC-BY-NC-ND Madrid2011jmj

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.