O fondo Lois Tobío creado no Consello da Cultura ofrece "unha ollada múltiple, meticulosa e completa sobre múltiples feitos" e axuda a coñecer mellor a historia de Galicia e da España do século XX
Galeguista militante, membro do Seminario de Estudos Galegos, diplomático comprometido coa Segunda República, exiliado e escritor. Lois Tobío participou na recomposición do galeguismo desde o exilio despois do golpe fascista que deu paso á ditadura de Franco e conserva no seu arquivo mostras de como se viviron aqueles momentos convulsos. Documentos persoais, cartas e materiais inéditos que contribúen a coñecer mellor a historia de Galicia e da España do século XX, que agora estarán dispoñibles para o seu estudo no Consello da Cultura Galega.
"Para min é un momento moi importante porque cumpro a vontade de meu pai, que me pediu que me encargase de que o seu arquivo fose doado a unha institución galega", asegurou Constanza Tobío no acto de sinatura da cesión do legado arquivístico do seu pai á institución presidida por Rosario Álvarez, que celebrou a creación dun fondo "moi importante que ofrece unha ollada múltiple, meticulosa e completa sobre múltiples feitos e moitos lugares do mundo".
Trátase dun "legado importante por si mesmo, porque Tobío é un dos grandes, pero tamén en relación co legado doutros compañeiros, como poden ser Filgueira Valverde, Paz Andrade e moitos outros", subliñou o historiador Ramón Villares, quen iniciou a primeira dixitalización deste material na súa etapa como presidente do Consello da Cultura.
Na sinatura do acordo amosouse un documento no que se relata o dramatismo da evacuación de Barcelona do Goberno republicano nos últimos días de xaneiro de 1939. É un texto titulado Sobre la pérdida de los archivos del Ministerio de Estado, entre ellos los de la Sección de Información Diplomática. Nel narra as circunstancias polas que os arquivos non foron trasladados ao Castelo de Figueres, como estaba previsto, quedando baixo a custodia dos ocupantes, que xa o eran de case todo o país.
Nel ponse de relevo como, aínda neses últimos momentos, o Estado republicano segue a funcionar. O que ocorreu, segundo se desprende do documento, foi que se retrasou a carga dos documentos para dar prioridade, nos escasos camións dispoñibles, ao desaloxo de persoas.
O arquivo contén documentos sobre a evacuación de Barcelona do Goberno republicano en 1939 e cartas que dan proba das duras condicións dos refuxiados que fuxían do franquismo a Francia
Entre a correspondencia, da que grazas ao proxecto Epístola xa se poden consultar máis de 400 cartas escritas entre 1939 e 1999, destaca o borrador dunha misiva que Lois Tobío enviou a Isaac Díaz Pardo sobre a súa participación nos primeiros momentos do Estatuto de Galicia. Aínda que Tobío advirte a Díaz Pardo que non participou directamente na redacción do Estatuto, dá conta de como, desde o Seminario de Estudos Galegos, prepararon un anteproxecto do documento que "puidese ser logo utilizado como modelo".
Nun texto redactado o 12 de febreiro de 1939 en Perpiñán por Antonio Fernández Serrano, funcionario consular, dáse conta do trato dado aos refuxiados españois en Francia. Baséase nas visitas aos campos de concentración de Le Boulou e Argelès-sur-Mer establecidos polo Goberno francés para recluír os españois que fuxían do avance franquista. Ás duras condicións materiais descritas, engádense o trato cruel e inhumano das autoridades francesas e os obstáculos ás actuacións do goberno republicano, disposto a sufragar os gastos de estadía e a viaxe dos refuxiados.
Tamén se visibiliza neste especial o carné militar da República a nome de Luis Tobío Fernández, no que consta como profesión 'secretario de embaixada', así como unha carta de Castelao a Tobío e outra misiva na que os representantes do Consello de Galiza lle explican as accións que están levando a cabo para contar cun representante galego nas xuntanzas do goberno republicano no exilio e as forzas de oposición a Franco en París.
O Consello da Cultura Galega custodiará, conservará e difundirá o material que deixou Lois Tobío tras o seu falecemento en Madrid en 2003. No sitio web da institución xa se pode consultar un especial cunha breve escolma que nos permite albiscar a densidade e relevancia da documentación gardada, entre a que tamén destacan as probas para o deseño da Historia de Galicia, dirixida por Ramón Otero Pedrayo, da que Tobío era coordinador editorial.