*Texto publicado no libro 'Unha vida de compromiso para unha Galicia universal', homenaxe a Xulio Ríos no 30 aniversario da fundación do Igadi (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). Aquí pode descargarse o PDF íntegro do libro.
Na construción da obra colectiva que é a presenza consciente de Galicia no mundo hai un camiño que une o Igadi a Plácido Castro, Lois Tobío ou Fernando Pérez-Barreiro, e unha persoa, Xulio Ríos, que conecta as achegas de quen queira botar unha man
O 10 de setembro de 1991 o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional botaba a andar nun mundo que estaba a mudar a súa faciana de xeito acelerado. Xusto vinte e dous meses antes caera o muro de Berlín. E ese mesmo día Moscova albergaba a Conferencia sobre Seguridade e Cooperación en Europa (CSCE, predecesora da OSCE) na que se daba a benvida ás tres repúblicas bálticas (Estonia, Letonia e Lituania) independizadas poucos días antes dunha URSS que tres meses máis tarde xa non existiría. Nos Balcáns, ese verán que chegaba á súa fin vira estourar as guerras que rematarían con Iugoeslavia, cuxa república de Macedonia viña de declarar a súa independencia só tres días antes. E dous meses máis tarde China albergaba o primeiro Mundial de fútbol feminino, que gañarían os Estados Unidos. O mundo ao revés.
Desde aquel 10 de setembro, e durante tres décadas, acontecementos similares foron analizados desde Galicia e para Galicia polo Igadi, aplicando un lema, “Para comprender o mundo desde aquí, para proxectar a Galicia no contexto internacional”, que combina a reflexión e a acción. Na primeira faceta o Igadi encádrase no eido dos think tanks ou centros de pensamento, no que a súa inxente produción divulgativa ou académica, coa revista Tempo Exterior como emblema, é a que debe falar por si mesma. Sobre ela considerei que se pronunciarían tamén persoas mellor capacitadas noutros artigos deste libro-homenaxe. Pero fronte a esa visión académica tamén se pode achegar outro xeito de transmitir a realidade, o xornalístico, talvez máis acaído para a outra faceta do Igadi, a de actuar para que Galicia teña unha acción exterior consciente de si mesma. O Igadi como lobby. Como lobby bo.
Se a política recibe presións ou argumentos de todo tipo e orixe, que os medios de comunicación xerarquizan ou agochan, por que non ía existir en Galicia un lobby internacionalista, que o mesmo impulsa a creación do Fondo Galego de Cooperación Internacional para aglutinar as achegas das entidades locais, que lidera a elaboración dun Libro Branco da Acción Exterior de Galicia como guía de actuación das administracións nese eido. Por que non recuperar o pensamento universalista do galeguismo histórico e proxectalo ás novas xeracións que deciden o futuro lugar do país no mundo.
Nos anos 90 Galicia, como xa fixera a comezos do mesmo século XX e tantas outras veces na súa historia, quixo participar activamente da reconfiguración mundial que se estaba a producir coa política como eixe visible, pero o paso dos anos e decisións paradoxalmente de tipo político foron dando o protagonismo da acción exterior ao económico. As viaxes de cariz diplomático de todo tipo de actores deixaron paso ás misións empresariais, e os discursos sobre a acción exterior foron superados polo resultadismo da internacionalización económica, con éxitos recoñecibles e recoñecidos, máis tamén con aventuras que máis ben viraron aventureirismos.
Unhas mudanzas nas que non foi menor o papel dos medios de comunicación como reflexo dun país que non acaba de crer que Galicia pode falar no mundo, e que mesmo non sempre quixo escoitar o mundo con oídos galegos.
En 2008, cando o Igadi xa tiña 17 anos de historia, intentou impulsar xunto co Colexio de Xornalistas de Galicia unha rede de profesionais que fose cal fose o seu cometido diario tivesen interese na actualidade e a análise internacional. A cousa non requiría máis que facilitar unha dirección de correo electrónico na que comezar a recibir as análises do Igadi e que puidese servir tamén como vía de colaboración entre os membros do grupo, modesto primeiro paso para o que esa propia rede quixese facer de si mesma.
Os medios e xornalistas que pasaron de louvar a proxección internacional de Galicia a facelo das empresas galegas reciben datos, argumentos, presións ou ruído de moitas fontes distintas. Por que non dun lobby bo internacionalista? Por que non ter alguén a quen recorrer cando pase algo relevante a nivel internacional para que o contextualice con visión galega se es xornalista nun medio galego?
Nun mes só unha trintena de persoas amosaron o seu interese pola rede, das que só a metade eran profesionais en activo en medios de comunicación e o resto traballaba noutros eidos da promoción institucional ou empresarial.
Escepticismo? Descrenza? Incredulidade? Como queira que sexa a diagnose, as dúbidas de parte do país sobre as súas propias potencialidades non se perciben só a nivel galego, ou sectorial. Tamén ten o seu reflexo a nivel local, como o desinterese polo que non fose o rédito electoral inmediato da maior parte da clase política de Baiona, a vila que viu nacer e onde máis tempo permaneceu o Igadi. A acción exterior galega non tiña por que pensarse ou facerse só en antigas universidades ou restrinxidos despachos, por académicos de sona ou políticos con canle directa cos medios de comunicación. O Igadi demostrou, con poucos apoios, que as ideas tamén poden medrar noutros espazos informais, mesmo camiñando a carón do mar que tantas veces conectou o país co mundo.
O retraemento do público, da política como eido de debate sobre o mellor goberno dunha comunidade de persoas, reducido a unha mera cuestión de suposta xestión eficientista ou denigrada como fonte de conflito, tamén pasa factura no internacional. Evidentemente a materia prima do Igadi, das súas análises e das súas accións, é a política. O Igadi fala de política e xa só por iso fai política. Porque se non outros a farán por nós.
Nesa construción da obra colectiva que é a presenza consciente de Galicia no mundo hai un camiño que une nomes como os de Plácido Castro, Lois Tobío, Fernando Pérez-Barreiro ou Ramón Lugrís ao do Igadi. E hai unha persoa que os conecta, que sabe valorar as achegas tanto dun vello intelectual como dun estudante que buscando o seu lugar no mundo atopa o de Galicia. É Xulio Ríos, o creador a base de apertas dun think tank internacional en galego, dun lobby bo que se non existise habería que inventalo. Unha persoa que amosa con feitos que a este país, ademais de falar, cómprelle facer. Como dixo Castelao, “non lle poñades chatas á obra namentras non se remata. O que pense que vai mal que traballe n'ela; hai sitio para todos”.