Unha ducia de exemplos da importancia da emigración e do exilio galego en México
A pegada galega en México foi sempre cuantitativamente menor á deixada no Río da Prata e outros territorios americanos, pero o país acolleu historicamente un gran número de emigrantes e exiliados, que levaron a cabo unha inxente actividade cultural na que destaca a revista Vieiros ou o Padroado da Cultura Galega e os nomes de Carlos Velo ou Luís Soto. Tamén o de Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado este ano no Día das Letras, un bo momento para destacar a relevancia da presenza galega no país norteamericano.
-
01
Florencio Delgado Gurriarán
O homenaxeado no Día das Letras Galegas naceu en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) en 1903, onde despois de estudar Dereito, comezou a súa militancia galeguista, escribiu os seus primeiros poemas e iniciou as colaboracións xornalísticas. En 1936 Delgado Gurriarán conseguíu fuxir dos falaxistas a través de Portugal e Francia. Chegou a ser tenente do exército republicano en en 1939 exíliase a México. Alí foi un dos creadores de Vieiros e do Padroado da Cultura Galega, ademais de colaborar no programa de radio 'Hora de Galicia' e na revista Saudade. Finou en 1987, cando se atopaba na casa dun dos seus fillos en Fair Oaks (California).
Na imaxe, Delgado Gurriarán a bordo do buque Ipanema con Roxelio Rodríguez de Bretaña, Andrés Valín, Carlos Tomé, Johán López Durá, Serafín Ferro e Elixio Rodríguez.
-
02
Centro Galego de México
O Centro Galego de México botou a andar no ano 1911, instalándose na súa actual sede no ano 1951. Comezou a publicar mensualmente a revista Anduriña en 1957.
A emigración galega en México foi cuantitativamente menos importante que a que se dirixiu a Arxentina, Venezuela, Brasil, Uruguai, Cuba e mesmo os Estados Unidos, pero calcúlase que no país viven uns 17.000 galegos, que desenvolveron importantes actividades empresariais e comerciais. A chegada de galegos a México intensificouse a partir da independencia do país en 1821, como detallou a investigación de Elixio Villaverde 'Pioneiros na corrente do Golfo. A primeira emigración galega a México, 1837-1936' (Xerais).
-
03
Vieiros
Subtitulada “Revista do Padroado de Cultura Galega de México”, esta publicación estivo activa entre 1959 e 1968, con temática cultural e literaria e unha decidida vontade antifascista e galeguista. Vieiros recompilou o máis destacado da cultura galega do momento, tanto do interior como da emigración e serviu de ponte entre xeracións.
Cunha periodicidade irregular, publicáronse só catro números. Pola súa dirección pasaron Luís Soto, Carlos Velo e Florencio Delgado Gurriarán, que a partir do terceiro número será substituído por Xosé Caridad Mateos. Ademais, Arturo Souto ocupábase da dirección artística
-
04
"Hora de Galicia"
O programa "Hora de Galicia" comezou a radiarse no ano 1951 na emisora XMEC (dirixida polo ourensán Ramón Ferreiro), pasando despois á Cadena Radio Continental. O seu promotor e locutor foi Elixio Rodríguez e uniuse a outros programas radiofónico galegos na emigración, como Recordando a Galicia, La Voz de Galicia ou Galicia Emigrante (na Arxentina) ou Sempre en Galicia (Uruguai).
-
05
Carlos Velo
Nacido en Cartelle en 1909, estudou Bioloxía, carreira que curiosamente o levou ao cine: foi o encargado de subministrarlle a Buñuel as formigas que necesitaba na rodaxe de Un perro andaluz. Nos anos seguintes levou a cabo un gran número de documentais (Almadrabas, Galicia...).
En 1939 exiliouse en México, se ocupou da dirección do Noticiero Mexicano EMA e realizou os documentais México eterno, México incógnito e Historia de México. Tamén o proxecto Raíces (Premio da Crítica no Festival Internacional de Cannes en 1955), a longametraxe documental Torero, Mención do Xurado na Mostra de Venecia, ou a adaptación da novela Pedro Páramo.
En México levou a cabo un inxente traballo de impulso cultural, participando na fundación do Ateneo Español de México, do Padroado da Cultura Galega ou da revista Vieiros. No vídeo, 'Galicia', filme documental realizado por Velo en 1936, premiado na Exposición Internacional de París
-
06
Luís Soto
Nacido na Bola en 1902, militou no PCE durante a Segunda República e durante a Guerra Civil salvou a vida ao se disfrazar de crego en Vilanova dos Infantes e pasar a Portugal, dende onde se exiliou a México a través de Francia. No exilio foi secretario de Castelao e tivo unha pequena participación na Revolución Cubana ao enviar o primeiro material médico os guerrilleiros de Serra Maestra. En México levou a cabo un importante labor xornalístico e foi o principal impulsor da revista Vieiros.
Foi un dos fundadores da UPG en 1964, marchando en 1976 para fundar a UPG-liña proletaria, chamada despois Partido Galego do Proletariado.
-
07
Ramón Cabanillas Álvarez
Nacido en Cambados en 1909 e fillo do poeta Ramón Cabanillas, militou no Partido Galeguista e durante a Guerra civil foi capitán do Exército republicano, levando a cabo un importante labor xornalística e de propaganda en radio e prensa (Diario del Ejército, Nova Galiza ou La Voz del Combatiente). En 1939 exiliouse a México a bordo do buque Ipanema e no país americano seguiu traballando como xornalista. Na foto aparece con Florencio Delgado Gurriarán, en México en 1942.
-
08
Elixio Rodríguez
Nacido en Lobios en 1910, Elixio Rodríguez fundou as Mocidades Galeguistas de Bande e tralo Golpe de Estado de 1936 foi detido e encarcerado no convento de Celanova, salvando a vida ao ingresar ao exército franquista. Ao ter o título de piloto, incorporouse á Lexión Cóndor e foi quen de fuxir nun avión ata a zona republicana. En 1939 exiliouse a México a bordo do buque Ipanema.
Foi un dos promotores e locutor do programa semanal de radio en galego Hora de Galicia. Participou no establecemento do Padroado da Cultura Galega e tamén participou na creación da revista Vieiros.
-
09
Arturo Souto
Nacido en Pontevedra en 1902, Arturo Souto foi un dos pintores galegos máis destacados da primeira mestade do século XX, participando a súa obra en numerosas exposicións en todo o Estado. Tralo Golpe de Estado de 1936 forma parte da Alianza de Intelectuales Antifascistas, realizando carteis e obras para o goberno lexítimo. Rematada a guerra exíliase primeiro nos Estados Unidos e finalmente en México, onde morre en 1964. No país americano seguiu desevolvendo a súa carreira como pintor e participou na revista Vieiros e outras iniciativas culturais.
-
10
Lois Tobío
Nacido en Viveiro en 1906, Lois Tobío foi diplomático, escritor e tradutor. Foi unha das figuras clave do Seminario de Estudos Galegos, e da sección que coordinaba partiu a proposta de redacción do Anteproyeito de Estatuto da Galiza, xermolo do Estatuto de 1936. Durante a Segunda República foi, ademais, membro do Consello Executivo do Partido Galeguista. Durante a Guerra Civil ocupou postos de importancia nos gobernos republicanos.
En 1939 exiliouse, a través de Francia, primero a Nova York, despois a México e finalmente a Montevideo, onde xogou un papel moi importante na Casa de Galicia, na creación do Consello de Galiza, na posta en marcha do programa Sempre en Galicia de Radio Carve ou na creación do Banco de Galicia do Uruguai.
-
11
José Caridad Mateo
Nacido en Betanzos en 1906, o seu pai (Rogelio Caridad) foi un militar demócrata fusilado en Ferrol en 1936 por oporñerse ao Golpe de Estado. José Caridad estudou arquitectura e o seu traballo representou en Galicia a o estilo racionalista e o inicio do movemento moderno, que introduciu as correntes de vangarda europeas. En 1936 uniuse ao exército republicano e loitou ata que en 1939 se exiliou a México a bordo do buque Sinaia. No país americado seguiu exercendo a arquitectura. Ademais, foi editor da revista Saudade e director de Vieiros.
-
12
Demetrio Bilbatúa
Fotógrafo, documentalista, director e produtor nacido en Vigo en 1935, Demetrio Bilbatúa proviña dunha familia ligada ao PSOE e o o seu pai e o seu tío foron fusilados en 1936. O neno Bilbatúa foi enviado cuns parentes á Coruña, ata que con nove anos a familia exíliase en México. Desenvolveu toda a súa carreira no país americano, onde aínda vive. Ao longo de varias décadas participou en moi diversos proxectos audiovisuais, moitas veces ao servizo do goberno mexicano, sumando máis de mil documentais filmados en 35 mm.
-
13
Xesús Bal y Gay
O músico lucense Xesús Bal y Gay é outro dos grandes expoñentes do exilio galego en México. Nos anos 20 viviu na Residencia de Estudiantes de Madrid e entrou en contacto con Manuel de Falla, formando parte da Xeración do 27. O Golpe de Estado de 1936 sorprendeuno en Lugo, pero convidado polo presidente Lázaro Cárdenas puido exiliarse en México, onde viviu 27 anos. Unha residencia universitaria do campus de Lugo leva o seu nome
-
14
Estrella Galicia
As historias de emigración son moitas veces historias de ida e volta. As cervexas de Estrella Galicia naceron na Coruña en 1906, e fixérono grazas ao impulso de José María Rivera Corral, emigrante retornado de México, onde a súa familia fixo fortuna. De feito, o nome escollido fai refencia ao negocio de alimentación "La Estrella de Oro" que Rivera posuía en Veracruz.