Un acto no Panteón o vindeiro martes 7 de xaneiro dará inicio ao groso das celebracións, pero na web xa están dispoñibles diversos recursos, "ligazóns de calidade para coñecer a vida, obra e tempo" de Castelao
Co comezo de 2025 vén de activarse a web castelao2025.gal, o sitio de internet que centralizará as actividades deste Ano Castelao, con celebracións durante doce meses e por todo o país para lembrar o 75 cabodano do galeguista. O groso das actividades comezará este vindeiro martes 7 de xaneiro, o día en que Castelao finou en Bos Aires en 1950 e no que o Panteón de galegas e galegos ilustres acollerá unha cerimonia de lembranza. Pero na web xa se poden atopar todo tipo de recursos e a axenda dos seguintes actos a celebrar, á espera de que a vintena de entidades adheridas á celebración sigan confirmando eventos.
Ademais da axenda de actividades, a web ten un espazo, Rede Castelao, con "ligazóns de calidade para coñecer a vida, obra e o tempo" de Castelao, con diversos recursos arredor da súa figura, investigacións sobre a súa obra, audiovisuais ou biografías.
A web inclúe roteiros por diversos espazos vitais de Castelao
Entre outros elementos a web conta con tres "roteiros con Castelao", unha caste de "biografía a través do territorio" para "explorar a biografía de Castelao nos seus espazos vitais. Neses roteiros pódense recorrer espazos de Ribanxo e o Barbanza, onde Castelao pasou os seus primeiros anos; de Pontevedra, "a cidade máis querida por Castelao, onde desenvolveu boa parte da súa actividade cultural e política e na que cultivou grandes amizades"; e da Habana, onde estivo convidado en 1938 para impartir varias conferencias e foi homenaxeado.
Ademais, a web mantense aberta á inclusión de máis actividades conmemorativas que poidan ser organizadas por máis entidades das xa incorporadas ao Ano Castelao.