Airiños, 90 anos de teatro do pobo dende Rianxo

O grupo de teatro Airiños, nos anos 50 do pasado século © teatroairinhos.gal

A compañía é o grupo de teatro amador máis antigo de Galicia e está a celebrar neste 2023 o seu 90 aniversario cunha programación de actividades e representacións

No Nadal de 1933 fórmase na parroquia rianxeira de Asados o Grupo de Teatro Airiños, moi vencellado ás agrupación local do Partido Galeguista. A compañía é o grupo de teatro amador máis antigo de Galicia e está a celebrar neste 2023 o seu 90 aniversario cunha programación de actividades e representacións. Durante nove décadas mantivo a súa actividade e o seu compromiso co teatro e coa lingua galega, mesmo ao longo da ditadura franquista, chegando a representar en Rianxo A fiestra valdeira de Dieste en 1961, cando o seu autor aínda permanecía no exilio.

Os actos do 90 aniversario comezaron este domingo coa primeira das catro Veladas de primavera programadas, protagonizada por Quico Cadaval. Na segunda, o domingo 16 de abril, presentarase o libro Airiños, 90 anos de teatro do pobo, editado pola Deputación da Coruña, que repasa a historia de Airiños a través da investigación de Amantia Coello, directora creativa e de escena do grupo. 

Actos de celebración do 90 aniversario do grupo Airiños © teatroairinhos.gal

O momento central do aniversario será a representación en Rianxo, o 22 e 23 de outubro, de As vellas non deben de namorarse, unha adaptación "con moitas voltas" da obra de Castelao

Aínda este mes actuará en Rianxo grupo PatacaMakabra con Rapsodia de Eyyao e o propio grupo Airiños representará a obra República Sideral, un texto de Esther Carrodeguas pensado para títeres no que narra a historia dun grupo de veciños da Illa de Arousa que, nun momento festivo, deciden declara a independencia.

O 12 de agosto celebrarase unha Romaría de verán que incluirá un roteiro teatralizado pola parroquia de Asados contando a historia de Airiños. Do 13 ao 30 de outubro o Auditorio de Rianxo acollerá ademais unha exposición sobre o grupo e Miguel Silva Conde está a preparar un documental sobre a formación. O momento central do aniversario será a representación en Rianxo, o 22 e 23 de outubro, de As vellas non deben de namorarse, unha adaptación "con moitas voltas" da obra de Castelao.

No Nadal de 1933 fórmase na parroquia rianxeira de Asados o Grupo de Teatro Airiños, moi vencellado ás agrupación local do Partido Galeguista

"O cadro de declamación composto polos rapaces do grupo deu dúas veladas en Asados e Leiro poñendo en escena varias pezas de teatro galego...", destacaba A Nosa Terra nunha breve nota publicada en 1935, que daba conta da actividade do grupo. A primeira obra representada polo grupo foi A retirada de Napoleón, de Xavier Prado Lameiro. E antes do Golpe de Estado de 1936 tamén puxeron en escena "Almas sinxelas”, “Todo ten goberno”, “O cego da Xestosa”, “Farruco, Xacobe e Xuana”, “N’a casa do ciruxano”, “Un home de sorte” ou “Luis de Castromouro”.

A guerra detivo a actividade do grupo, pero non supuxo a súa fin. Nos anos 40 do pasado século, da man dun grupo de mozos encabezados por Ramón Pimentel Castaño, Airiños regresou aos escenarios e seguiu a representar obras en galego e mantendo un compromiso que se reflectía, por exemplo, na colocación da bandeira galega no escenario durante os ensaios. Ramón Pimentel, xastre, que xa actuara nalgunha das obras anteriores á sublevación militar, dirixiu o grupo durante corenta anos, encargándose dos traxes e decorados.

O grupo de teatro Airiños, nos anos 50 do pasado século © teatroairinhos.gal

Nos anos 40, da man dun grupo de mozos encabezados por Ramón Pimentel Castaño, Airiños regresou aos escenarios e seguiu a representar obras en galego

Nos anos 40 e 50 Airiños representou obras como “Na casa do ciruxano”, “Trato a cegas”, “O cego da Xestosa”, “Todo ten Goberno” e “Xacobe, Farruco e Xuana”. Tamén algúns textos de Rafael Dieste, exiliado na Arxentina. De feito, en 1961 chegou esa representación de A fiestra valdeira, que viña de ser reeditada en Bos Aires. Airiños non conseguiu o permiso da censura franquista, a pesar da intermediación do crego e poeta Faustino Rey Romero, que traballaba co Grupo de asesor literario e, ás veces, de presentador. Aínda así, a obra representouse, o que provocou a imposición dunha multa e o peche do cine onde se realizou a representación; afortunadamente, a multa foi despois perdoada e o local só tivo que pechar dúas semanas.

En 1961 representou en Rianxo A fiestra valdeira de Rafael Dieste cando o seu autor aínda permanecía no exilio

Coa chegada da democracia por fin o grupo puido representar Os vellos non deben de namorarse en 1983, contando co asesoramento da irmá do autor, Teresa R. Castelao. Así mesmo, Airiños conseguiu un mellor espazo coa posta en marcha en Asados do Centro Cultural Simón Varela. "Tras sobrevivir unha ditadura, resultará sinxelo para Airiños vivir en democracia, e será así como pouco a pouco o grupo de teatro máis antigo da Galiza se converte nun referente no teatro amador galego", destaca a compañía na súa web. Ademais, en 1998 creouse a Escola de Teatro Airiños baixo a dirección de José A. G. Vilariño coa finalidade de "achegar a semente e o amor polo teatro aos rapaces e rapazas máis novos da localidade".

En 1961 Airiños representou “A fiestra valdeira”, do rianxeiro Rafael Dieste, con este aínda no exilio © teatroairinhos.gal

Coa chegada da democracia por fin o grupo puido representar Os vellos non deben de namorarse en 1983, contando co asesoramento da irmá do autor, Teresa R. Castelao

Nos últimos anos chegaron os recoñecementos. En 2008 a Asociación Cultural Alexandre Bóveda premiou a Airiños "pola súa defensa do idioma e a cultura galega durante máis de tres cuartos de século" e en 2012 o grupo recibiu o premio Ángel Velasco Montoya da Asociación Amigos del Teatro de Valladolid e o Premio da Cultura Galega na categoría de Artes Escénicas, un recoñecemento que non recolleu en apoio ao sector e en protesta polos recortes. Un ano despois, ademais, Airiños acadou o Pedrón de Ouro, que destacou "un caso singular de afección teatral na que teñen participado boa parte dos veciños".

Nos últimos anos chegaron os recoñecementos, con premios coma o entregado pola Asociación Cultural Alexandre Bóveda ou o Pedrón de Ouro

No ano 2010, ademais, o grupo comezou unha nova etapa da man de Esther F. Carrodeguas, que asumiu nese momento a Dirección Creativa da Compañía. Dende entón, ademais de continuar a traxectoria habitual, Aitiños abriuse a novos proxectos, como o teatro-express, unha iniciativa do Concello de Rianxo e baixo a dramaturxia de Carrodeguas, para achegar o teatro de pequeno formato aos nenos rianxeiros de parroquia en parroquia.

"Airiños é un grupo incrible. Naceu na república e coido que ten ese espírito dentro. Un espírito que ten moito ou todo que ver coa lingua: a lingua galega é a bandeira que entroan durante máis de 80 anos", destacaba Carrodeguas nesta entrevista, na que definía o grupo como "un aluvión de enerxía teatral, moita xente apaixonada polo teatro e sobre todo pola lingua"

Celebración do 85 aniversario do grupo de teatro, en 2018 © teatroairinhos.gal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.