O sector da pesca artesanal do xeito leva a loitar dende o pasado ano por frear a prohibición da súa arte. Nos últimos meses a presión dos xeiteiros e a súa contorna chegou mesmo ao Parlamento Europeo, onde as autoridades comunitarias admitiron o seu erro inicial e evidenciaron, ademais, que proxectaran prohibir o xeito en boa medida por dispoñeren dunha información deficiente ao respecto pola banda dos gobernos galego e español. Mentres o xeito vai gañando batallas na UE grazas, en boa medida, á información proporcionada directamente polo sector a súa batalla xa pasou dende o mar e os despachos a un ámbito ben máis amable: o do teatro.
En colaboración co Concello de Rianxo, municipio que ten o xeito como "primeira actividade económica", o grupo de teatro Airiños vén de desenvolver seis funcións en dous días da súa montaxe de 'Teatro Express' Salvemos o xeito. Nel, coa forma dun cantar de cego, artistas e veciñanza puxéronlle ingredientes de "música de acordeon, cantigas tradicionais e teatro popular" ao que, din, xa é "unha grande historia do noso presente".
Airiños converteu nun cantar de cego e en escenas cómicas a loita do xeito ante a UE
A cega deste cantar é Sabela Galbán, que acompañada, obviamente, por unha Lazariña, Maura Rañó, foi a encargada de interpretar os versos compostos por Esther F. Carrodeguas. A poesía narra a historia e serve de soporte para escenas cómicas nas que o público tivo unha representación da arte do xeito e tamén dun dos fitos da loita, a devandita visita ao Parlamento Europeo. Esa viaxe incluíu unha representación da viaxe en avión a Bruxelas, na que a férrea aeroliña non permite introducir unha lata de sardiñas xusto antes de protagonizar divertidas turbulencias que provocaron non poucos risos nas representacións.
Tras as seis representacións en Rianxo a montaxe achegarase a Boiro o Día das Letras
As seis funcións remataron cun canto coral entre actores, atrices e público: "Salvemos o xeito", clamaron entre risas e músicas. Tras estas primeiras seis sesións de teatro express xeiteiro en Rianxo a montaxe de Airiños achegarse a outras vilas, nas que, din, "outros xeiteiros loitaron de igual modo que os rianxeiros polos seus dereitos". "Este cantar dramatizado -avanzan- ten pensado atracar en Boiro, na Feira das Letras organizada por Barbantia o 17 de maio.