Os premios Pedrón de Ouro recoñecerán este domingo a traxectoria do grupo de teatro Airiños de Asados, de Rianxo, nun acto de entrega que se celebrará ás 12.30 horas na Casa Museo de Rosalía en Padrón e no que tamén se lle outorgará o Pedrón de Honra á musicóloga suíza Dorothé Schubarth.
Airiños cumpre 80 anos e é o decano dos grupos teatrais afeccionados de Galicia
Nesta ocasión, o premio recoñece a lonxeva e exitosa traxectoria do Grupo de Teatro Airiños, da parroquia rianxeira de Asados, o decano do teatro afeccionado galego e que leva desde 1933 representando "un caso singular de afección teatral na que teñen participado boa parte dos veciños", tal e como lembra a organización, que destaca que levou a cabo a súa actividade "desafiando os convencionalismos da época e os 40 anos de ditadura",adoptando a lingua galega "como valor irrenunciable e sen desistir nunca de facer as súas veladas no idioma do país".
O grupo Airiños acumula un novo galardón logo do Premio da Cultura Galega de 2012 na modalidade de Artes Escénicas, un recoñecemento que non recolleu en apoio ao sector e en protesta polos recortes. Este cadro artístico volverá agora ser recoñecido por unha longa traxectoria entre a que se pode destacar, por exemplo, a posta en escena d'A fiestra valdeira, no ano 1961 e con Rafael Dieste aínda no exilio. Logo, xa coa chegada da democracia, cumpriu o seu grande anceio de representar Os vellos non deben de namorarse, dentro dos actos da celebración do primeiro centenario do nacemento de Castelao.
Do mesmo xeito, o grupo Airiños tamén celebrou o centenario do poeta Manuel Antonio coa posta en escena d'Un ronsel de estrelas. "Así, sen desmaio, é como este grupo, decano do teatro afeccionado galego, chega a cumprir neste ano 2013 os seus oitenta anos de existencia para o que está preparando a exposición 80º aniversario Airiños, 1933- 2013".
Con este Pedrón de Ouro, a organización trata de sobrancear aquela personalidade ou entidade viva e residente en Galicia que máis se teña destacado na defensa e promoción das diversas facetas da cultura nacional ao longo do ano ou na traxectoria dunha vida. Ademais, tamén se entregará o Pedrón de Honra, co que a Fundación pretende distinguir "a personalidade ou entidade viva, galega ou non, residente fóra da terra que máis se destacase coas súas achegas ao engrandecemento da nación e a súa cultura".
O Pedrón de Honra recoñece a Dorothé Schubarth, musicóloga que recolleu e investigou o cancioneiro popular galego nos anos 70
Neste caso, o galardón recae en Dorothé Schubarth, suíza de Basilea que comezou entre o seu país e Alemaña os seus estudos musicais e comezou a súa carreira como directora de coro e musicóloga.
A finais da década de 1970 comezou a preocuparse pola música popular europea. En busca de afinidades de músicas de diferentes países, na Península estivo na Serra de Gata e en 1978 veu a Galicia. "Recorreuna enteira, do que son resultado unhas 250 horas de gravación que, coa axuda do filólogo Antón Santamarina, transcribiu e clasificou coa metodoloxía máis escrupulosa dos grandes etno-muicólogos", destaca a Fundación, que lembra que o froito desta investigación é o Cancioneiro popular galego en sete volumes: I Oficios e labores (1984); II Festas anuais (1986); III Romances tradicionais (1987); IV Romances novos, cantos narrativos, sucesos e coplas (1988); V Cantos dialogados (1988); VI Coplas, cantos enumerativos e estróficos (1993). VII Índices (1995).
No acto de entrega na Casa da Matanza de Padrón intervirán David Otero, secretario da Fundación do Pedrón, o mantedor do acto, o profesor e académico Xosé Luís Axeitos, e Xosé Ramón Fandiño, presidente da Fundación. Tamén actuarán o grupo de gaitas Bico da Balouta e a cantautora Xiana Lastra.