O Consello de Galiza, Goberno galego no exilio

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e Antón Alonso Ríos, dous dos membros fundadores do Consello de Galiza © Arquivo da Emigración Galega / Consello da Cultura Galega

 

Texto da intervención no acto conmemorativo do oitenta aniversario da Constitución do Consello de Galiza, celebrado no Parlamento de Galicia o 15 de novembro de 2024. Publicado no número 244 de Grial

A fundación do Consello de Galiza tivo lugar en 1944. A súa lexitimidade derivaba do plebiscito de xuño de 1936, de cuxa vontade política o futuro Consello de Galiza sería unha institución “fideicomisaria”

A fundación do Consello de Galiza tivo lugar en 1944, nun día e hora como os que hoxe nos reúnen aquí. Presentado publicamente na cidade de Montevideo, a súa xestación realizouse na cidade de Buenos Aires, que era daquela, en frase feliz de Castelao, a capital da “Galiza libre e ideal”. A súa principal novidade foi dar expresión institucional ás aspiracións políticas de Galicia, desenvolvendo as previsións do Estatuto de Autonomía de 1936, que ficara truncado pola Guerra Civil.

Por esta razón, a súa lexitimidade derivaba do plebiscito de xuño de 1936, de cuxa vontade política o futuro Consello de Galiza sería unha institución “fideicomisaria”, segundo a fórmula “legal” que Lois Tobío, experto en dereito público e residente daquela en Montevideo, lle proporcionou a Castelao. Non é estraño que o líder rianxeiro considerase que as pautas dadas por Tobío fosen “ouro para min”, nin que esta idea do fideicomisariado se repetise constantemente nos textos e informes do Consello, antes e despois do pasamento de Castelao.

A aparición do Consello de Galiza representa, canda o “libro-río” Sempre en Galiza, un punto culminante da traxectoria política de Castelao. No libro constrúe un relato político e doutrinal da identidade galega; coa institución, sen ser definida expresamente como nacional, creou un xermolo de Goberno galego no exilio, equiparable aos gobernos vasco e catalán. Non foi por acaso que ambos proxectos saísen a lume no annus mirabilis de 1944, que afortalaron a condición de “guieiro” político de Castelao, sen deixar de ser o “xenial artista” que acompañara a actividade das Irmandades, da revista Nós e do Seminario de Estudos Galegos.

Acto de constitución do Consello da Galiza ©

A aparición do Consello de Galiza representa, canda o “libro-río” Sempre en Galiza, un punto culminante da traxectoria política de Castelao. Na condición de dirixente político, Castelao fora reclamado desde a capital arxentina para ocupar a “xefatura do Partido Galeguista entrementres non poida funcionar democraticamente con sede en Galiza”

A experiencia parlamentaria e partidaria labrada durante a II República e a Guerra Civil fixo de Castelao un líder político do galeguismo, nomeadamente porque ficou na zona republicana desde xullo de 1936. Durante a guerra exerce a dirección da política galeguista conectada coas institucións da República en Madrid, Valencia e Barcelona. A partir da primavera de 1938, comeza un periplo por diversos países (da URSS aos Estados Unidos) que o converte na cabeza do exilio galeguista, tanto do que fica en Francia como do que se despraza a América a partir da marzo de 1939.

Tanto nos Estados Unidos como na illa de Cuba, Castelao desenvolve unha intensa actividade coas colectividades emigradas, organizando as súas agrupacións societarias, dando conferencias e publicando carteis e deseños que, como os álbums de guerra, denunciaban a barbarie do bando franquista. Pero a súa idea central é deixar Nova York e asentarse na Arxentina, a onde finalmente arriba en 1940, grazas ao soporte de vellos emigrados que, como Rodolfo Prada, lle procuran acubillo humano e soporte material na cidade porteña.

Na Arxentina é onde desenvolve o seu gran traballo político no exilio, grazas ao apoio de moitos emigrados que se socializaran politicamente nos campos do republicanismo e do galeguismo desde 1931. Alí encontra tamén moitos apoios e un gran conselleiro. Despois de Vicente Risco, Valentín Paz-Andrade e Alexandre Bóveda, Rodolfo Prada sería o último gran conselleiro e organizador da actividade política que Castelao desenvolve durante os dez anos que pasa no exilio nas beiras do Río da Prata. O labor de Prada foi esencial para manter vivos algúns contactos coas comunidades de exiliados galeguistas, tanto en América como en Europa, favorecido pola súa profesión de representante no continente americano dunha empresa farmacéutica española.

Na condición de dirixente político, Castelao fora reclamado desde a capital arxentina para ocupar a “xefatura do Partido Galeguista entrementres non poida funcionar democraticamente con sede en Galiza”. Instalarse na Arxentina parecía estar predestinado para el, como antigo residente na Pampa arxentina, canda a súa familia, a finais do século XIX. Pero en 1940, chegaba como un líder político convertido nunha sorte de Gandhi galego, que así o viu o xornalista Wenceslao Fernández Flórez, cronista das sesións parlamentarias da II República.

A partir da chegada a Buenos Aires, Castelao foi algo máis que un líder do galeguismo porteño; foi o referente político da inmensa colectividade de emigrados (estimados en trescentos mil) que alí residían, e foi o promotor dunha “liturxia patriótica” galega

A partir da chegada a Buenos Aires, Castelao foi algo máis que un líder do galeguismo porteño; foi o referente político da inmensa colectividade de emigrados (estimados en trescentos mil) que alí residían, e foi o promotor dunha “liturxia patriótica” galega, nos xornais, nas festas da colectividade dedicadas á “Galiza mártir” e nos discursos políticos que pronunciou en reunións de republicanos tanto en Buenos Aires como en Montevideo. Tamén continuou tecendo alianzas con outras comunidades étnicas no exilio, como os vascos e cataláns, moi activos tanto na Arxentina como en México. Neste contexto naceu o Consello de Galiza, fundado no seu liderado persoal, no forte apoio comunitario e na alianza cos membros de Galeuzca.

A creación dun “Comité” ou “Consello”, formado por “irmáns desterrados en diferentes países”, que representase a tradición autonomista galega figura en moitos textos de Castelao, incluso antes de chegar á Arxentina. Ademais, o exemplo dos nacionalismos vasco e catalán era un modelo a seguir, pois en 1940, tras a invasión de Francia polas tropas nazis, promoveron a creación de cadanseus organismos, chamados Consellos Nacionais, que garantisen a continuidade da obra dos gobernos autonómicos presididos por Lluís Companys e José A. Aguirre, que, por razóns ben diversas, non podían exercer: un detido pola Gestapo e logo fusilado en Montjuic, outro, oculto no ventre da balea, a cidade de Berlín…

En palabras do nacionalista vasco Manuel de Irujo, crear aquel Consello era unha forma de “preservar la personalidad política vasca” e recuperar a alianza de Galeuzca, na que alén de Cataluña, “intentamos que Galicia nos imite”. Pero os exiliados vascos e cataláns, con capacidade de acción política, estaban en Londres e contaban con algún apoio do propio goberno británico. Tiveron que pasar meses para que aquela alianza se asinase nas beiras do Río da Prata, como Castelao lle conta eufórico aos “irmáns galeguistas” do interior. Pero aínda habían de pasar varios anos para que aquela alianza se consolidase.

Tarxeta identificativa de Lois Tobío do servizo de inmigración de México © Consello da Cultura

A creación dun “Comité” ou “Consello”, formado por “irmáns desterrados en diferentes países”, que representase a tradición autonomista galega figura en moitos textos de Castelao, incluso antes de chegar á Arxentina

Unha peza clave era, pois, institucionalizar o galeguismo político de modo semellante ao que estaban a facer vascos e cataláns. Pero a xestación do que sería finalmente o Consello de Galiza non avanzou ata finais de 1943, cando José A. Aguirre, xa fuxido de Berlín e instalado nos Estados Unidos, exerce de líder político de Galeuzca. Daquela, comeza a cartearse con Castelao, a quen “anima mucho”, para que resolva o problema principal: dotar a Galicia dunha entidade que fose expresión das súas ansias nacionais (o “sentir gallego”, en palabras de Aguirre) e que, ao tempo, se equiparase institucionalmente cos outros dous integrantes de Galeuzca, para formaren un pacto “non de partidos, senón de gobernos”, dito en palabras de Castelao.

Era o modo de artellar unha fronte política para a España post Franco distinta da do exilio republicano de México. Os residentes na capital azteca, onde estaban os principais dirixentes partidarios da II República, pensaban en volver ao “legalismo” da Constitución de 1931. Os dirixentes galeuzcanos, pola contra, avogaban por revisar as limitacións autonomistas do Estado “integral” republicano. Era a “hora de Galeuzca” para o que Castelao acostumaba chamar “Hespaña” (con hache).

Durante o ano 1944, o futuro Consello de Galiza comeza a coller forma. Primeiro, a través dun documento que obra no legado epistolar de Ramón Piñeiro, no que se alude a unha “Xunta da Galiza” ou tamén a un “Órgao representativo” que “a falla dun auténtico Goberno da Galiza, porque o Estatuto non chegou a ser promulgado”, se homologase con vascos e cataláns. Con ocasión da multitudinaria homenaxe tributada a Castelao con motivo da publicación de Sempre en Galiza —en xullo de 1944—, tamén levedou a idea de constituír un “Governo no exilio”, segundo lembraría Xosé Benito Abraira, do círculo máis próximo a Castelao, Prada e Puente. O Consello de Galiza estaba a punto de entrar no forno.

A xestación do que sería finalmente o Consello de Galiza non avanzou ata finais de 1943, cando José A. Aguirre, xa fuxido de Berlín e instalado nos Estados Unidos, exerce de líder político de Galeuzca. Daquela, comeza a cartearse con Castelao, a quen “anima mucho”, para que resolva o problema principal: dotar a Galicia dunha entidade que fose expresión das súas ansias nacionais

A súa fundación oficial tivo lugar a finais do ano 1944. Alén de promotor, o presidente foi Castelao e os membros escollidos, varios deputados galegos que moraban en Sudamérica, tres en Buenos Aires (alén de Castelao, o “agrarista” Antón Alonso Ríos e o republicano de IR, Elpidio Villaverde) e un en Santiago de Chile (o galeguista Ramón Suárez Picallo). Aquel acto foi o punto de chegada dun longo proceso que comezara na Asemblea das Irmandades da Fala celebrada en Lugo, en novembro de 1918, mais tamén o principio dunha nova andaina de defensa da autonomía de Galicia nos medios políticos do exilio republicano, que embocaría, ao amparo da Constitución de 1978, na aprobación dun novo Estatuto de Autonomía, que é o que na actualidade rexe o que se chama o Poder Galego. A acta de constitución do Consello, asinada polos catro deputados fundadores, contén un programa político claramente adecuado á estratexia de Galeuzca. 

En primeiro termo, defínese a institución como “un corpo de direición política para gardar, manter e defender a derradeira vontade de Galiza […], que arrinca legalmente do Estatuto plebiscitado en 1936”, o que xustifica a natureza do Consello como un fideicomisariado da vontade do pobo galego. Esta herdanza política débena gardar os fundadores, aínda que “asistidos por un estenso núcleo de emigrados galegos”, residentes na “metrópole ideal dunha Galiza libre”, isto é, Buenos Aires, pero tamén noutros lugares de América (e de Europa), onde se acabaría por abrir delegacións do Consello de Galiza.

En segundo lugar, adóptase unha posición “autodeterminista”, pero “descartando de antemán o separatismo, avogando por unha unión paccionada de tódolos povos diferentes de Hespaña, ou mellor dito, da Península”, o que supón a defensa dun “Estado plurinacional republicano” en cuxa composición se acepte o principio de que “os povos sexan os verdadeiros suxeitos do dereito político”, para garantir que a vontade política dos galegos, “unha ínfima minoría de votos no corpo político de toda España”, non se vexa “indefectiblemente vencida polo peso numérico dos votos non galegos”. Era algo semellante ao que defendían nacionalistas vascos, como Telesforo Monzón e José Maria Leizaola, polas mesmas datas.

E, en terceiro lugar, acórdase “conferir a Presidencia do Consello de Galiza” a Castelao, “quen fica autorizado dende este intre para levar as negociacións de alianza cos presidentes de Euzkadi [José A. Aguirre] e Cataluña [daquela, Carles Pi i Sunyer], a fin de que Galiza entre, con propia persoalidade e triple forza, nunha concordia xeral hespañola, capaz de derrubar o réxime franquista e restablecer a liberdade en Hespaña”.

Homenaxe da colectividade galega de Bos Aires a Alexandre Bóveda, 1945. Na fotografía podemos ver a Castelao ante o cadro e un busto a Bóveda, rodeado por Antón Alonso Ríos, Xesús Canabal, Manuel Puente, Fernando Iglesias “Tacholas” ou Maruxa Boga, entre outros © Consello da Cultura Galega. Arquivo da Emigración Galega

Aquel acto foi o punto de chegada dun longo proceso que comezara na Asemblea das Irmandades da Fala celebrada en Lugo, en novembro de 1918, mais tamén o principio dunha nova andaina de defensa da autonomía de Galicia nos medios políticos do exilio republicano, que embocaría, ao amparo da Constitución de 1978, na aprobación dun novo Estatuto de Autonomía

A aparición do Consello de Galiza marca, pois, un fito esencial na historia política da Galicia contemporánea, malia as limitacións nas que viviu: excentricidade xeográfica, escasos recursos materiais, débil experiencia de goberno e baixa representatividade política dos seus integrantes. Dos trece deputados republicanos galegos que estaban exiliados, só catro integraron o Consello de Galiza, o que lle foi recordado con frecuencia, tanto en México como en Francia, ao propio Castelao. Recoñecendo que este foi un dos puntos fracos do Consello de Galiza, tamén cómpre dicir que se verteron críticas moi destemperadas no propio exilio, nomeadamente en México, sobre a institución e sobre o seu presidente (mesmo acusado de “codicioso dibujante”), por parte de socialistas e comunistas, incluído o seu guía no exilio estadounidense, Luís Soto, daquela residente en México.

A executoria política do Consello de Galiza ten dúas fases ben distintas. A primeira corresponde á presidencia de Castelao, que a mantén ata o día do seu pasamento. Durante aqueles anos, o logro político máis relevante foi o nomeamento de Castelao como ministro do Goberno republicano no exilio, con sede en París, onde o rianxeiro viviu case un ano, entre 1946 e 1947. Das ducias (ou centos) de ministros galegos que houbo nos gobernos de España, foi o único que accedeu ao cargo na súa condición de “galleguista de siempre” (autodefinición de Castelao cando ingresou no Centro Republicano de Buenos Aires). Foi unha experiencia amarga, pois coincidiu coa primeira crise daquel goberno, presidido polo republicano José Giral, pero que foi alentada polos ministros socialistas da liña política de Indalecio Prieto.

Naquel debate, Castelao ficou case illado na defensa do réxime republicano perante a posibilidade de que os gobernos occidentais acabasen por apostar por una “monarquía moderada” no canto dunha república apoiada en “influencias extremistas”, segundo se pode ler nun informe confidencial da CIA (11-I-1947) que, obviamente, Castelao non puido coñecer. Os propios dirixentes de Galeuzca apoiaron con pouco entusiasmo as posicións de Castelao, recoñecendo a posteriori que Galeuzca ficara ferida de morte. Os aires da guerra fría xa se comezaban a sentir naquela altura.

Durante aqueles anos, o logro político máis relevante foi o nomeamento de Castelao como ministro do Goberno republicano no exilio, con sede en París. Foi unha experiencia amarga, pois coincidiu coa primeira crise daquel goberno

Despois do seu retorno a Buenos Aires, triste e enfermo, Castelao só tivo a ledicia de convivir uns días e despedirse do seu amigo Ramón Otero Pedrayo, que estaba concluíndo a viaxe “polos vieiros da saudade” , como o de Trasalba contou as primeiras Xornadas Patrióticas do Centro Galego porteño. Naquela despedida tamén puido reiniciar con el o labor de construción dun relato nacional de Galicia coa encomenda da Historia de Galiza, subsidiada por Manuel Puente e que acabaría por se publicar en Montevideo, baixo o coidado de Lois Tobío en 1962, mostrando de novo a interacción entre emigrados, exiliados e residentes no interior.

O pasamento de Castelao deixou orfo o Consello de Galiza. A súa vinculación á institución era tan forte que os seus membros —a proposta de Elpidio Villaverde— acordaron que ninguén ocupase a presidencia, designando ao secretario, daquela Alonso Ríos, para representar a institución. Esta decisión revelaba que Castelao tiña xa daquela un enorme peso simbólico, pero non doada sucesión política. Foi así que se volveu realmente un mito, tanto en América como, máis tarde, o sería na propia Galicia europea.

Bandeira do Consello de Galiza CC-BY-SA Lameiro

O Consello de Galiza tivo unha segunda fase, desde finais dos anos cincuenta, que sendo moito menos coñecida, foi capaz de manter o lugar de Galicia no panorama político do exilio

O Consello de Galiza tivo unha segunda fase, desde finais dos anos cincuenta, que sendo moito menos coñecida, foi capaz de manter o lugar de Galicia no panorama político do exilio, cada vez máis asentado en Europa, incluída a presenza do Goberno republicano asentado en París. Foi daquela cando unha nova xeración de dirixentes galeguistas se incorpora á institución (Daniel Calzado, Bieito Cupeiro, Valentín Fernández…) que, co amparo inicial de Ramón Suárez Picallo, emprenderon a tarefa de conectar coa política de oposición antifranquista en Europa e, moi limitadamente, cos galeguistas do interior.

A tal efecto, nomean o republicano César Alvajar e, logo, ao seu fillo Javier, como delegados da Irmandade Galega e do Consello de Galiza en Europa, dada a súa residencia estable en París. A súa xestión foi moi limitada, pero tivo a capacidade de manter ergueito o pavillón de Galicia e reforzar a vinculación co proxecto europeísta. Como diría Javier Alvajar, despois de asistir nos anos setenta a unha reunión do Movemento Europeo celebrada en Londres:

Nadie hablaría de nosotros si no estuviéramos presentes y, en la Europa que se está forjando, nos ignorarían completamente, si nuestra presencia no les recordara que, al igual que vascos y catalanes, nosotros somos un pueblo oprimido que aspira a liberarse y formar parte de la comunidad europea de pueblos libres.

Aquel legado foi, ao seu xeito, recoñecido pola propia Constitución española de 1978 na súa Disposición transitoria segunda. Certamente, nunca tan boa herdanza foi adquirida con menos capital

O que hoxe estamos a conmemorar é, pois, un feito moi relevante tanto pola figura de Castelao como pola transcendencia da institución que el alentou e presidiu, que acabou por marcar de forma indeleble a historia política da Galicia contemporánea, mesmo despois da morte do rianxeiro. O logrado foi sen dúbida superior aos recursos humanos e materiais de que todos eles dispuñan, porque os guiaba a idea firme de devolver á Terra o legado cultural e político construído ata 1936.

Aquel legado foi, ao seu xeito, recoñecido pola propia Constitución española de 1978 na súa Disposición transitoria segunda, na que se dispón que “os territorios que no pasado plebiscitaron afirmativamente proxectos de estatuto de autonomía” (isto é, os membros de Galeuzca) poderían adoptar unha vía rápida para o acceso á preautonomía. Este foi o caso do proceso autonomista galego, de modo que, daquelas persoas e dos seus feitos non podemos sentirnos senón os seus “herdeiros”, como diría Rodolfo Prada en carta escrita nos albores da transición democrática. Certamente, nunca tan boa herdanza foi adquirida con menos capital…

Acta fundacional do Consello de Galiza, 1944 © Consello da Cultura Galega. Arquivo da Emigración Galega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.